Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 245 Luns, 21 de decembro de 1998 Páx. 13.549

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

ORDE do 9 de decembro de 1998 pola que se definen as normas para a aplicación do Decreto 82/1996, do 29 de febreiro, que establece un réxime de axudas para o fomento do cesamento anticipado na actividade agraria en 1999.

O Regulamento (CEE) 2079/92, do Consello, do 30 de xuño de 1992, establece un réxime comunitario de axudas á xubilación anticipada na agricultura. O Real decreto 1695/1995, do 20 de outubro, modificado polo Real decreto 2286/1998, do 23 de outubro, regula o dito réxime no Estado español e o Decreto 82/1996, do 29 de febreiro, fai o mesmo na Comunidade Autónoma de Galicia.

A Lei 7/1994, do 29 de decembro, dispón que lle corresponde ó Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia (ILGG) a execución da política da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, hoxe en día de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, en relación co sector lácteo e gandeiro, para o cal poderá adoptar todo tipo de accións que contribúan á mellora do sistema productivo agrario. Así mesmo, tamén lle encomenda a execución, nesta Comunidade Autónoma, das actuacións derivadas da aplicación da reforma da Política Agrícola Común (PAC), incluso en relación coas medidas de acompañamento, como é o caso do cesamento anticipado na actividade agraria.

De acordo co anterior, nesta orde desenvólvese o precitado decreto defínense as normas de aplicación do réxime de axudas para o fomento do cesamento anticipado na actividade agraria en Galicia e determínase a súa imputación económica no exercicio orzamentario de 1999.

Polo tanto, de acordo co disposto no artigo 30.I.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e en uso das facultades que me confiren a Lei 1/1983, reguladora da Xunta e do seu presidente e o Decreto 25/1998, do 22 de marzo,

DISPOÑO:

Artígo 1º.-Obxecto.

Constitúe o obxecto da presente orde o establecemento das normas de desenvolvemento, para 1999, do disposto no Decreto 82/1996, do 29 de febreiro, en relación coa xestión das axudas para o fomento do cesamento anticipado da actividade agraria na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2º.-Lugares de presentación de solicitudes.

As solicitudes para acceder a estas axudas presentaranse, preferentemente, nas axencias de extensión agraria da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria ou nos servicios provinciais do Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia (ILGG) e formalizaranse nos impresos oficiais que se inclúen como anexo da presente orde. Así mesmo, poderán presentarse por calquera dos medios previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 3º.-Prazos de presentación de solicitudes.

Con carácter xeral, o prazo de presentación de solicitudes rematará o 30 de setembro de 1999.

Non obstante, os solicitantes que teñan aprobada a solicitude de axudas por abandono definitivo da producción leiteira, regulado polo Real decreto 1486/1998, do 10 de xullo, deberán solicita-las axudas por cesamento anticipado no prazo máximo de dous meses desde a notificación da devandita apro

bación do expediente de abandono da producción leiteira.

Artigo 4º.-Xustificación de requisitos do cedente.

A xustificación do cumprimento dos requisitos sinalados no artigo 4 do Real decreto 1695/1995, respecto do cedente, comprenderá a seguinte documentación, que deberá presentarse xunto coa solicitude:

4.1. O requisito relativo á idade do cedente demostrarase mediante a presentación da copia cotexada do documento nacional de identidade (DNI).

No caso de inexactitude nos datos reflictidos no DNI, deberá acredita-la súa veracidade mediante os documentos precisos en cada caso.

4.2. O requisito relativo á condición de ATP demostrarase dalgún dos seguintes modos:

Pola presentación do informe de vida laboral e/ou certificación a que se fai referencia no punto 4.3 seguinte, sempre que sexa acreditativo da permanencia no réxime especial agrario (REA) ou no réxime especial de traballadores por conta propia ou autónomos na rama agraria (RETA) da Seguridade Social, xunto coa última declaración do imposto da renda das persoas físicas (IRPF) do último exercicio con relación ó cal vencese o prazo para a súa presentación no período voluntario ou, no caso de que a renda agraria fiscalmente declarada ese ano fose anormal, debido a causas non imputables ó cedente, como sinistros, campañas de saneamento gandeiro, etc, deberá presentar copia compulsada das declaracións de tres dos últimos cinco anos, incluíndo a do último.

Pola presentación de declaracións do imposto da renda das persoas físicas (IRPF) dos 10 últimos anos ou certificado da Axencia Tributaria xustificativo da actividade agraria do cedente como actividade principal.

4.3. O requisito relativo ó período de cotización anterior ós 65 anos demostrarase mediante a presentación dun informe de vida laboral expedido pola Tesourería Territorial ou Administración da Seguridade Social correspondente no que se faga constar:

-Réxime de afiliación.

-Tipo de traballador.

-Períodos cotizados en cada réxime.

4.4. O requisito de estar ó día nas obrigas fiscais demostrarase coa presentación dos seguintes documentos:

-Certificación expedida pola Administración correspondente á Axencia Estatal da Administración Tributaria na que así se faga constar.

-Certificación expedida pola Consellería de Economía e Facenda ou das súas delegacións provinciais, na que se faga consta-la non existencia de débedas coa Administración autonómica de Galicia.

4.5. O requisito de estar ó día nas obrigas coa Seguridade Social demostrarase coa presentación dunha certificación expedida pola Tesourería Territorial ou Administración da Seguridade Social correspondente.

4.6. A demostración da titularidade e/ou propiedade dos predios que integran a superficie agrícola útil (SAU) da explotación do cedente farase mediante a presentación dalgún dos seguintes documentos:

-Certificación do Rexistro da Propiedade e/ou certificación de Catastro.

-Escrituras de compra-venda e/ou arrendamento.

-Calquera outro documento admisible en dereito.

En todo caso, será necesaria a identificación, mediante os datos catastrais ou de concentración parcelaria, se é o caso, dos predios que integran a superficie agrícola útil da explotación, tanto na solicitude como nos documentos xustificativos da transmisión da base territorial ó cesionario.

Sen embargo, naqueles concellos ou parte deles onde se procedese á concentración parcelaria ou á reordenación da propiedade e para os que non se dispoña dun novo catastro, poderanse admiti-las referencias identificativas alfanuméricas contidas nos planos mentres non se dispoña de novos datos de catastro.

Artigo 5º.-Xustificación de requisitos do cesionario.

A xustificación do cumprimento dos requisitos esixidos no artigo 5 do Real decreto 1695/1995 respecto do cesionario agrario persoa física comprenderá a seguinte documentación, que deberá presentarse xunto coa solicitude:

a) A capacitación profesional suficiente poderá acreditarse mediante algún dos seguintes modos:

a.1. Mediante fotocopia compulsada da titulación académica de capataz agrícola, formación profesional agraria de primeiro grao ou outra superior na rama agraria.

a.2. Cun certificado de asistencia ós cursos, de duración mínima de 200 horas lectivas, establecidos pola Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria a través das súas unidades de Extensión ou Capacitación Agraria.

a.3. Mediante certificación de asistencia a cursos, cunha duración mínima de 200 horas lectivas, desenvolvidos por outras entidades competentes en ensinanzas agrarias e previamente homologados pola

Subdirección Xeral de Extensión e Capacitación Agraria.

a.4. Considerarase tamén acreditada se o agricultor xove se compromete a adquiri-la capacitación profesional suficiente no prazo de dous anos por calquera das vías sinaladas nos tres parágrafos anteriores. Neste caso, no momento da solicitude da axuda deberá presentarse xustificante de ter pedida a súa admisión no centro correspondente.

Posteriormente, o xove deberá presentar, no prazo sinalado, a documentación acreditativa de ter alcanzada a dita capacitación.

b) Fotocopia compulsada do documento nacional de identidade (DNI) e indicación do número de identificación fiscal (NIF). No caso de inexactitude nos datos reflicitidos no DNI, deberá de acredita-la súa veracidade mediante os documentos precisos en cada caso, como certificación do Rexistro Civil ou copia compulsada da acta de nacemento, se o erro está na data de nacemento, ou certificado de empadroamento, se o erro afecta ó domicilio.

c) Informe de vida laboral e/ou certificación expedidos pola Tesourería Territorial ou Administración da Seguridade Social correspondente nos que se faga constar:

c.1. Réxime de afiliación.

c.2. Tipo de traballador.

c.3. Períodos de cotización en cada réxime.

c.4. Situación con respecto das cotizacións.

d) Documentación acreditativa da titularidade da explotación agraria que, con carácter xeral, se poderá demostrar coa última declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas, e folla de saneamento gandeiro, de se-lo caso, ou por calquera outro medio admisible en dereito.

Artigo 6º.-Caso de cesionarios, cooperativas ou persoas xurídicas.

No caso de que o cesionario sexa unha cooperativa ou outro tipo de persoa xurídica titular dunha explotación prioritaria incluída nos artigos 5 e 6 da Lei 19/1995, de modernización das explotacións agrarias, deberase presentar fotocopia compulsada da documentación acreditativa de estar incluída no Catálogo Xeral de Explotacións Prioritarias ou certificación do director do ILGG que acredite que a explotación ten o carácter de prioritaria.

Artigo 7º.-Xustificación de requisitos do traballador ou familiar cesante.

Para xustifica-lo cumprimento dos requisitos do traballador ou familiar cesante establecidos no artigo 6 do Real decreto 1695/1995, deberá presentarse, xunto coa solicitude, a seguinte documentación:

a) Fotocopia compulsada do documento nacional de identidade (DNI) e indicación do número de identificación fiscal (NIF). No caso de inexactitude nos datos reflictidos no DNI, deberá de acredita-la súa veracidade mediante os documentos precisos en cada caso, como certificación do Rexistro Civil ou copia compulsada da acta de nacemento, se o erro está na data de nacemento, ou certificado de empadroamento, se o erro afecta ó domicilio.

b) Informe de vida laboral e/ou certificación expedidos pola Tesourería Territorial ou Administración da Seguridade Social correspondente nos que se faga constar:

b.1. Réxime de afiliación.

b.2. Tipo de traballador.

b.3. Períodos de cotización en cada réxime.

b.4. Situación con respecto das cotizacións.

c) Fotocopia compulsada da última declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas con relación ó cal vencese o prazo para a súa presentación en período voluntario e certificación da Axencia Estatal da Administración Tributaria ou Administración correspondente a esta, acreditativa de estar ó día no pagamento das obrigas fiscais.

d) Declaración xurada de ter traballado, alomenos, durante tres dos últimos cinco anos na explotación do titular que cese, asinada polo cedente e polo traballador.

Artigo 8º.-Xustificación de requisitos das explotacións.

A xustificación do cumprimento dos requisitos esixidos no artigo 7 do Real decreto 1695/1995, respecto das explotacións de cedente, cesionario e da explotación resultante, efectuarase mediante a seguinte documentación, que deberá presentarse xunto coa solicitude:

a) Declaracións xuradas, xunto coas correspondentes certificacións catastrais, se é o caso, dos predios que conforman as explotacións, tanto do cedente como do cesionario, no caso de que este último sexa titular de explotación ou de que aumente a superficie que vai recibir do cedente.

b) Cando o cedente sexa titular de explotación gandeira, deberá presenta-la folla de saneamento gandeiro da última campaña, ou das dúas últimas no caso de existir cambios de titularidade, ou calquera outro documento xustificativo mediante o que poida acreditar, a xuízo da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, que a súa explotación non diminuíu en máis dun 20% a súa superficie nin a súa dimensión económica nos dous anos anteriores ó da solicitude, agás nos casos de forza maior, debidamente xustificada ou cando o cedente teña aprobada a solicitude de abandono da

producción leiteira ó abeiro do disposto no Real decreto 1486/1998, do 10 de xullo, e na orde da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria do 23 de xullo de 1998.

c) Xustificantes de cotización á Seguridade Social dos traballadores da explotación resultante (a do cesionario ampliada coa do cedente), familiares ou asalariados.

Artigo 9º.-Outras condicións de cedentes, cesionarios e explotacións.

9.1. Tralo cesamento da actividade agraria na explotación, en ningún caso poderá o cedente pasar a ser cotitular con persoa física ou socio da persoa xurídica titular da explotación resultante.

9.2. Ningún titular da explotación do cedente poderá ter percibido axuda ningunha para a incorporación como xove agricultor a esa explotación nos dez anos anteriores ó da solicitude da axuda do cesamento anticipado.

9.3. Se o cesionario é un agricultor xove ou un traballador que se instala con motivo do cesamento, deberá presentar, xunto coa solicitude, un plan de mellora da explotación que recibe do cedente, que xustifique un incremento de dimensión económica desta nun mínimo de tres UDEs. Este plan de mellora poderá ser obxecto de axuda no marco das establecidas para a mellora da eficacia das estructuras agrarias.

9.4. Se o cesionario, xove agricultor ou traballador que se instala, pretende incrementa-la base territorial da explotación que recibe do cedente, deberá xuntar coa solicitude un compromiso de arrendo ou compra-venda asinado polo posible arrendador ou vendedor e o propio cesionario, no que conste a identificación catastral das parcelas que se van arrendar ou comprar.

Artigo 10º.-Tramitación.

10.1. A tramitación dos expedientes relativos á axuda que constitúe o obxecto da presente orde corresponderalles ós servicios provinciais do ILGG, para o que comprobarán a documentación e emitirán un informe, conforme o cal os delegados provinciais realizarán a oportuna proposta, que elevarán ó director do ILGG para que dicte a correspondente resolución.

10.2. Non obstante o anterior, se non se resolvese no prazo de 6 meses a solicitude formulada por algún interesado, esta considerarase desestimada.

Artigo 11º.-Criterios de prioridade.

Dado o carácter de concorrencia competitiva da presente convocatoria, no caso de que o importe das

axudas correspondentes ás solicitudes recibidas supere a dotación orzamentaria dispoñible, as resolucións estimatorias dictaranse consonte o seguinte orde de prelación:

11.1. En primeiro lugar aprobaranse aqueles expedientes presentados ó abeiro da Orde do 23 de abril de 1998 da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria que, no momento da entrada en vigor da presente orde, e cumprindo os requisitos recollidos nela, carezan de resolución expresa.

11.2. En segundo lugar aprobaranse os expedientes presentados ó abeiro da presente orde que cumpran os requisitos recollidos nela e nos que os cedentes teñan previamente aprobada a solicitude de abandono da producción leiteira.

11. 3. Por último aprobaranse os restantes expedientes.

Para cada criterio as aprobacións faranse atendendo, primeiro á prelación na presentación da solicitude, e logo á data de nacemento do solicitante, tendo preferencia os de maior idade.

Artigo 12º.-Xustificación da transmisión da explotación.

Se a resolución fose favorable, para poder acceder ás axudas previstas no artigo 10 do Real decreto 1695/1995, o cedente deberá facer efectiva a transmisión da base territorial da súa explotación [con excepción da reserva a que dá dereito o artigo 8.1º a), parágrafo segundo do devandito Real decreto], así como de tódolos dereitos, cotas, cantidades de referencia e concesións administrativas afectas, a unha ou máis persoas ou entidades que cumpran os requisitos de cesionarios agrarios previstos no artigo 5 do citado real decreto, o que se deberá acreditar da forma seguinte:

a) Transmisión da base territorial:

a.1. No caso de transmitirse a propiedade, outorgarase a correspondente escritura pública: se se optase pola transmisión mediante arrendamento, este deberá realizarse por un prazo mínimo de 5 anos e formalizarse mediante escritura pública ou contrato privado inscrito no Rexistro Especial de Arrendamentos Rústicos.

Ademais, deberá acreditarse o pagamento do imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados, de se-lo caso.

Se o cedente non fose propietario de toda ou parte da explotación, deberá xustifica-la resolución de tódolos contratos que afecten á actividade productiva da explotación.

-Para os efectos do cálculo do importe da prima anual complementaria a que fai referencia o artigo 10.1 b) do Real decreto 1695/1995, e en relación co límite de 47.500 pesetas por ha, este límite entenderase referido á superficie da explotación do cedente que se transmite, mediante documento público, ó cesionario.

b) Transmisión do gando:

A saída do gando da explotación do cedente xustificarase, agás nos casos de incorporación de xoves na mesma explotación, mediante copia compulsada do libro de explotación, debidamente dilixenciado, no caso de gando vacún e ovino ou cabrún, ou mediante certificación de veterinario oficial, ou factura de venda en outras especies.

c) Transferencia de cantidades de referencia para a producción de leite e outros dereitos de prima:

A transferencia dos dereitos, cotas, cantidades de referencia e concesións administrativas afectas tanto á parte agrícola como gandeira, da explotación do cedente á do cesionario deberá formalizarse en impreso oficial para o efecto facilitado polo ILGG, asinado polo cedente e o cesionario.

d) Cambio de titularidade da explotación:

O cambio de titularidade da explotación do cedente a favor do cesionario realizarase exclusivamente naqueles casos nos que o cedente transmita ó cesionario a totalidade dos medios de producción e, particularmente, nas cesións a xoves ou traballadores que se incorporen na explotación do cedente, o que se xustificará coa fotocopia da solicitude oficial de cambio de titularidade presentada ante o órgano competente do ILGG.

Artigo 13º.-Xustificación do incremento en UDEs e/ou en superficie agrícola.

a) No caso dun agricultor xove ou dun traballador xa instalado con motivo do cesamento, a xustificación do incremento da dimensión económica da explotación do cedente nun mínimo de tres UDEs, previsto no plan de mellora, necesaria para poder acceder a estas axudas, acreditarase coa xustificación da realización dos investimentos e melloras previstos nel, comprobada polo Servicio Provincial do ILGG ou as Axencias de Extensión Agraria da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria.

b) No caso referido no artigo 9.4, o xove agricultor ou traballador que se instala, deberá achega-los correspondentes contratos de arrendamento ou compra-venda asinados polo arrendador ou vendedor e o propio cesionario, nos que conste a identificación catastral das parcelas arrendadas e/ou compradas.

Artigo 14º.-Documentación complementaria e control.

a) Para comproba-lo cumprimento de calquera dos requisitos e compromisos esixidos no articulado anterior, o Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia poderá solicitar ó interesado a presentación dos datos e documentos que considere necesarios, así como realiza-las comprobacións e inspeccións que coide oportunas.

b) Para os efectos de instrumenta-lo control do cumprimento dos requisitos da normativa, tanto nacional como comunitaria, poderanse establecer entre a Administración do Estado e os órganos ou organismos competentes da Administración autonómica os mecanismos apropiados de coordinación.

Artigo 15º.-Financiamento.

O financiamento das axudas farase de acordo co previsto nos artigos 6 e 7 do Decreto 82/1996, do 29 de febreiro, con cargo ó concepto orzamento 09.50.712-A.773.0, do proxecto de orzamento de gastos do ILGG para 1999, por un importe de 400 millóns de pesetas. Unha vez aprobada a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1999, procederase de acordo co disposto na orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, sobre tramitación anticipada de gasto.

Disposición transitoria

As solicitudes presentadas ó amparo da Orde do 23 de abril de 1998 na que se establecen, para o dito ano, as normas para a aplicación do Decreto 82/1996, do 29 de febreiro, que establece un réxime de axudas para o fomento do cesamento anticipado na actividade agraria, sobre as que aínda non se resolvese expresamente, serán tidas en conta na presente convocatoria, agás indicación en sentido contrario do solicitante, dirixida ó correspondente Servicio Provincial do ILGG. A tramitación dos respectivos expedientes continuará desde o trámite no que quedasen ó remate do exercicio anterior, podendo os interesados presenta-la documentación complementaria que consideren oportuna.

Disposicions derradeiras

Primeira.-Facúltase o director do ILGG, para dictar cantas instruccións considere necesarias para o desenvolvemento e aplicación do disposto nesta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de decembro de 1998.

Cástor Gago Alvarez

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Política

Agroalimentaria

10896