Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 243 Xoves, 17 de decembro de 1998 Páx. 13.465

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 27 de novembro de 1998 pola que se establecen as características técnicas que deben cumpri-las publicacións que conteñan resultados estatísticos oficiais da Comunidade Autónoma de Galicia.

O artigo 29 da Lei 9/1988, do 19 de xullo, de estatística de Galicia, modificada pola Lei 7/1993, do 24 de maio, sinala a obriga de difundir publicamente as estatísticas comprendidas no Plan Galego de Estatística.

De acordo coas indicacións da Comisión Permanente de Publicacións, creada polo artigo 4 do Decreto 316/1990, do 8 de xuño, o obxecto desta orde é establece-lo anagrana que permita identificar facilmente a serie de publicacións estatísticas derivadas da execución do citado plan e dos programas estatísticos anuais que o desenvolven.

En consecuencia, de acordo co artigo 39 da Lei 9/1988, do 19 de xullo, de estatística de Galicia, e en uso das facultades que me confire o artigo 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, reformada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo único.-Nas publicacións que en execución do Plan Galego de Estatística e dos seus respectivos programas anuais, editen os organismos responsables da súa execución, deberá figurar un anagrama identificativo no que constará o ano de referencia do programa estatístico e o número da operación estatística, que se inserirá na parte superior dereita da portada, de acordo coas medidas e demais características que figuran como modelo no anexo I desta orde.

As follas soltas, folletos, carteis e, en xeral, tódalas publicacións con menos de cincuenta páxinas, ademais das realizadas en soporte dixital, poderán prescindir da cor e utilizar o anagrama en negro.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de novembro de 1998.

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública

11402