Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 241 Martes, 15 de decembro de 1998 Páx. 13.359

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 357/1998, do 27 de novembro, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, polo Concello de Barro (Pontevedra), dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de accesos a Constenla, Viña Vella e O Curuto.

O Concello de Barro (Pontevedra), en sesión celebrada o dia 23 de abril de 1998, aprobou o proxecto de acesos a Constenla, Viña Vella e O Curuto, e na mesma sesión acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa. O concello remitiu a documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 24 de setembro de 1998.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. O dito informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 13 de novembro de 1998.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, porque coa execución do citado proxecto preténdese dar acceso a unha fonte pública sita no lugar de Constenla, mellora-la infraestructura das vías da zona cun largo medio de 3,50 metros, enlazando as dúas pistas municipais existentes no lugar, así como mellora-la pista do Curuto, que pasaría a ter un largo de 6 metros, o que redundaría nunha mellora da circulación e seguridade vial no citado lugar xa que o número de veciños que resultarían beneficiados sería moi amplo.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintesete de novembro de mil novecentos noventa e oito,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, polo Concello de Barro (Pontevedra) para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de accesos a Constenla, Viña Vella e O Curuto.

Santiago de Compostela, vintesete de novembro de mil novecentos noventa e oito.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús C. Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais

11323