Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 241 Martes, 15 de decembro de 1998 Páx. 13.358

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 356/1998, do 27 de novembro, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, polo Concello de Barro (Pontevedra), dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de accesos a núcleos de Outeda e outros.

O Concello de Barro (Pontevedra), en sesión celebrada o día 23 de abril de 1998, aprobou o proxecto de accesos a núcleos de Outeda e outros, e na mesma sesión acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa. O concello remitiu a documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 24 de setembro de 1998.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. O dito informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 13 de novembro de 1998.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, porque o proxecto inclúe varias obras de acceso, como son A Portela-cemiterio, Outeda e Bretoña. Tanto o núcleo da Cancela, na parroquia da Portela, como o de Outeda, na parroquia de Curro, atópanse na situación de que o número de edificacións e veciños vai en aumento, pero as vías que dan acceso a eles non reúnen as condicións de seguridade e viabilidade. Logo de diversos estudios, a mellor solución para mellora-la infraestructura nos citados núcleos foi a apertura dunha nova vía na Portela que daría acceso ó núcleo da Cancela, mellora-lo firme no lugar de Bretoña, e darlle máis largo á pista, mellorando tamén ó trazado dalgunhas curvas da pista de Outeda; suporía, polo tanto, a execución da obra unha mellora da seguridade vial dos núcleos ós que se fixo referencia.

A competencia para a declaración da urxente ocupación corresponde ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintesete de novembro de mil novecentos noventa e oito,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a

urxente ocupación, polo Concello de Barro (Pontevedra) para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de accesos a núcleos de Outeda e outros.

Santiago de Compostela, vintesete de novembro de mil novecentos noventa e oito.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús C. Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais

11194