Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 240 Luns, 14 de decembro de 1998 Páx. 13.299

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

RESOLUCIÓN do 2 de decembro de 1998, da Dirección Xeral de Universidades, pola que se fai pública a relación provisional de solicitantes beneficiarios e excluídos das accións de apoio económico ós estudiantes universitarios, convocadas por Orde do 27 de marzo de 1998 (Diario Oficial de Galicia do 6 de abril).

Rematado o proceso de selección dos beneficiarios das accións de apoio económico ós estudiantes universitarios, correspondentes ós anexos III e VIII da Orde do 27 de marzo de 1998 (Diario Oficial de Galicia nº 65, do 6 de abril) pola que se convocan as citadas accións, e unha vez atendida a proposta da comisión avaliadora nomeada para o efecto segundo Resolución do 30 de xuño de 1998 (Diario Oficial de Galicia nº 130, do 8 de xullo), procede facer pública a relación provisional de beneficiarios de conformidade coas respectivas bases.

En consecuencia, esta dirección xeral

RESOLVE:

Primeiro.-Facer pública a relación provisional de solicitantes beneficiarios e excluídos das accións de apoio económico ós estudiantes universitarios convocadas por Orde do 27 de marzo de 1998 (Diario Oficial de Galicia nº 65, do 6 de abril), detalladas a continuación:

Anexo III: premios Fin de Carreira da Comunidade Autónoma de Galicia para alumnos universitarios que rematen os estudios no ano 1998.

Anexo VIII: bolsas de residencia para a realización de estudios universitarios de 1º, 2º ou 3º ciclo, no curso 1998-1999, en centros da Comunidade Autónoma destinadas ós galegos que residan fóra de Galicia e ós seus descendentes.

Segundo.-As listas provisionais de beneficiarios e excluídos exporanse nos taboleiros de anuncios da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, das súas delegacións provincais e dos vicerrectorados de estudiantes das tres universidades galegas. Tamén se poderá acceder ás devanditas listas a través da páxina web da Xunta de Galicia (Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, Dirección Xeral de Universidades, Servicio de Apoio e Orientación ós Estudiantes Universitarios).

Terceiro.-Contra esta resolución poderase formular reclamación no prazo de dez (10) días naturais, contados desde o día seguinte ó da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

A reclamación presentarase no rexistro xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 2 de decembro de 1998.

J. Eduardo López Pereira

Director xeral de Universidades

10786