Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 240 Luns, 14 de decembro de 1998 Páx. 13.298

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 11 de novembro de 1998 pola que se declaran as equivalencias entre distintos cursos e probas de lingua galega.

A Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, establece a oficialidade do galego nas administracións autonómica, local e de xustiza; recoñécelles ós cidadáns o dereito de usalo, oralmente e por escrito, nas súas relacións coas administracións dentro do ámbito da Comunidade Autónoma; e ordénalles ós poderes públicos que promovan o uso normal da lingua galega nas súas relacións cos cidadáns.

Co fin de garanti-lo cumprimento deses dereitos dos cidadáns, esa mesma lei indícalles ós poderes autonómicos que vaian capacitando progresivamente todo o seu persoal e os cidadáns en xeral no uso e no coñecemento do galego.

Os cursos de coñecemento do idioma galego para os cidadáns en xeral estructuráronse nos niveis de iniciación e de perfeccionamento a través da Orde do 1 de marzo de 1989 (Diario Oficial de Galicia nº 74, do 18 de abril).

Diversas disposicións normativas foron posibilitando actividades de formación ou regulando as correspondentes validacións, posteriores ou paralelas en canto á graduación dos contidos, con respecto a eses cursos de iniciación e de perfeccionamento. Entre esas actividades pódense cita-los cursos de especialidade de lingua galega (ordes do 6 de abril de 1983 e do 26 de novembro de 1993), e os ciclos de formación específicos para os funcionarios das administracións de xustiza e local, estructurados cada un deles nos niveis básico, medio e superior (ordes do 30 e do 31 de xaneiro de 1991, respectivamente).

Ó mesmo tempo, foise regulando tamén a validación dos cursos de iniciación e de perfeccionamento a partir da superación de diversas actividades de formación, a través das ordes do 6 de abril de 1983; do 19 de xaneiro, do 28 de marzo e do 25 de abril de 1989; do 26 de novembro de 1993; e do 13 de outubro de 1998.

Por último, o coñecemento do idioma galego nos niveis de iniciación e de perfeccionamento foise acreditando igualmente mediante a superación de probas libres e mais de cursos celebrados especificamente para estranxeiros.

Por todo iso, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria,

DISPÓN:

Artigo 1º

Consideraranse como equivalentes ó certificado acreditativo de ter superado o curso de iniciación de lingua galega:

a) Os certificados ou diplomas nos que conste a superación de:

-Unha proba libre de iniciación.

-Un curso de nivel elemental de lingua e cultura galegas para estranxeiros.

b) A validación do curso de iniciación.

Artigo 2º

Consideraranse como equivalentes ó certificado acreditativo de ter superado o curso de perfeccionamento de lingua galega:

a) Os certificados ou diplomas nos que conste a superación de:

-Unha proba libre de perfeccionamento.

-Un curso básico de linguaxe administrativa local galega.

-Un curso básico de linguaxe xurídica galega.

-Un curso de nivel medio de lingua e cultura galegas para estranxeiros.

b) A validación do curso de perfeccionamento.

Artigo 3º

Consideraranse como equivalentes ó certificado acreditativo de ter superado o nivel medio de linguaxe administrativa local galega ou de linguaxe xurídica galega:

a) Os certificados ou diplomas nos que conste a superación de:

-Un curso de especialización en lingua galega para profesores de EXB.

-Os ciclos elemental e superior dos estudios de galego das escolas oficiais de idiomas.

b) A validación do curso de especialización para mestres ou profesores de EXB.

Artigo 4º

Considerarase como equivalentes ó certificado acreditativo de ter superado os niveis superior de linguaxe administrativa local galega ou de linguaxe xurídica galega:

-A acreditación de ter rematado os estudios correspondentes ás licenciaturas de filoloxía hispánica (subsección galego-portugués) ou filoloxía galega.

Artigo 5º

As persoas que reúnan as condicións para obte-las equivalencias establecidas nos artigos 3º e 4º desta orde considerarase que teñen superado, para tódolos efectos, os cursos de iniciación e de perfeccionamento de lingua galega.

Artigo 6º

Estas equivalencias terán, para calquera trámite administrativo (convocatoria de concursos de traslados, oposicións, etc.), a mesma consideración legal que os cursos presenciais de iniciación e de perfeccionamento de galego.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de novembro de 1998.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria

11185