Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 237 Mércores, 09 de decembro de 1998 Páx. 13.164

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

ORDE do 27 de novembro de 1998 pola que se amplía o prazo para comunica-la aprobación e a contía das axudas que se concedan ás solicitudes formuladas ó abeiro da Orde do 15 de xuño de 1998 de axudas a accións de desenvolvemento e ordenación dos bosques.

Con data do 17 de xuño de 1998, a Consellería de Medio Ambiente publicou no DOG a Orde do 15 de xuño de 1998 de axudas a accións de desenvolvemento e ordenación dos bosques.

O prazo de admisión de solicitudes presentadas ó abeiro da dita orde rematou o día 8 de outubro de 1998.

No punto 4º do artigo 12 da devandita orde establécese o seguinte:

A Consellería de Medio Ambiente comunicará nun máximo de 90 días a partir da finalización dos prazos de admisión de solicitudes a aprobación e a contía das axudas. A falta de comunicación no citado prazo entenderase desestimatoria da petición de axuda, esgotando a vía administrativa e contra a que poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Este prazo remata o día 6 de xaneiro de 1999.

O elevado número de solicitudes presentadas, e a complexidade da documentación que hai que revisar en cada unha delas, imposibilita a realización antes do día 6 de xaneiro de 1999 dos trámites administrativos anteriores á aprobación da axuda.

En consecuencia, e ó abeiro do disposto no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracions públicas e do procedemento administrativo común,

DISPOÑO:

Artigo único.-Amplia-lo prazo para a comunicación da aprobación e contía das axudas que se concedan ás solicitudes presentadas ó abeiro da Orde do 15 de xuño de 1998 de axudas a accións de desenvolvemento e ordenación dos bosques, ata o día 6 de abril de 1999.

Santiago de Compostela, 27 de novembro de 1998.

Carlos del Álamo Jiménez

Conselleiro de Medio Ambiente

11051