Con data do 17 de xuño de 1998, a Consellería de Medio Ambiente publicou no DOG a Orde do 15 de xuño de 1998 de axudas a medidas forestais na agricultura.
O prazo de admisión de solicitudes presentadas ó abeiro da dita orde rematou o día 8 de outubro de 1998.
No punto 4º do artigo 10 da mencionada orde establécese o seguinte:
A Consellería de Medio Ambiente comunicará nun máximo de 90 días a partir da finalización dos prazos de admisión de solicitudes a aprobación e contía das axudas. A falta de comunicación no citado prazo entenderase desestimatoria da petición de axuda, esgotando a vía administrativa e contra a que poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
Este prazo remata o día 6 de xaneiro de 1999.
O elevado número das solicitudes presentadas e a complexidade da documentación que hai que revisar en cada unha delas, imposibilita a realización, antes do día 6 de xaneiro de 1999, dos trámites administrativos anteriores á aprobación.
En consecuencia e ó abeiro do disposto no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común,
DISPOÑO:
Artigo único.-Amplíase o prazo para a comunicación da aprobación e contía das axudas que se concedan ás solicitudes presentadas ó abeiro da Orde do 15 de xuño de 1998 de axudas a medidas forestais na agricultura, ata o día 6 de abril de 1999.
Santiago de Compostela, 27 de novembro de 1998.
Carlos del Álamo Jiménez
Conselleiro de Medio Ambiente
11057