Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 236 Venres, 04 de decembro de 1998 Páx. 13.037

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

DECRETO 345/1998, do 20 de novembro, polo que se establecen as axudas públicas en materia de vivenda a cargo da Comunidade Autónoma de Galicia que regula a xestión das previstas no R.D. 1186/1998, do 12 de xuño, para o período 1998-2001.

A Comunidade Autónoma de Galicia, no ámbito das competencias que ten atribuídas en materia de vivenda e co fin de abordar conxuntamente co goberno central a problemática de vivenda en Galicia, vén participando no desenvolvemento e xestión dos plans estatais de vivenda.

Aprobado polo Consello de Ministros o Real decreto 1186/1998, do 12 de xuño, sobre medidas de financiamento de actuacións protexidas en materia de vivenda e solo do Plan 1998-2001, o día 18 de novembro de 1998 asinouse un convenio bilateral entre a Comunidade Autónoma de Galicia e o Ministerio de Fomento sobre actuacións de vivenda e solo no marco do previsto no artigo 51 do devandito real decreto.

A problemática do sector da vivenda afectado por factores económicos entre os que destaca o acentuado descenso dos tipos de xuro dos préstamos, as dificultades de determinados colectivos como as familias numerosas, os xoves e as persoas de máis de 60 anos para accederen a unha vivenda en propiedade ou en aluger e o recente dinamismo que se manifesta na creación de áreas de rehabilitación nos centros históricos de diversos concellos provocan a adaptación da política de vivenda a estas necesidades mediante a creación de novas figuras de protección e financiamento e modificación das anteriores.

Asi dentro das denominadas vivendas con protección pública, ademais das tradicionais vivendas de protección oficial, introdúcese unha nova figura, as denominadas vivendas declaradas protexidas pola Comunidade Autónoma coas características, réxime xurídico e axudas que se establecen no presente decreto.

Os aloxamentos protexidos constitúen outra nova figura, regulada no presente decreto, destinada ó aluguer para mozos e persoas maiores de 60 anos que substitúe as creadas nos anteriores decretos 7/1997, do 9 de xaneiro e 142/1997, do 5 de xuño.

As axudas a familias numerosas que a Comunidade Autónoma viña concedendo para facilita-la adquisición de vivenda, configúranse como complementarias das estatais e autonómicas previstas para adquirentes, adxudicatarios ou promotores para uso propio de vivendas protexidas.

Créase unha nova liña de axudas para as actuacións en áreas de rehabilitación suxeitas a convenio e outra liña en continuidade coas axudas a adquirentes e promotores para uso propio dunha vivenda en propiedade en primeiro acceso.

Co fin de adapta-lo plan estatal a Galicia determínanse os prezos máximos das vivendas protexidas dentro das zonas que se crean no presente decreto e introdúcese un coeficiente multiplicativo corrector dos ingresos en función do número de membros da unidade familiar dos solicitantes.

Finalmente o presente decreto regula a concesión das axudas establecidas no Real decreto 1186/1998, de 12 de xuño, así como as que se outorgan con cargo á Comunidade Autónoma de acordo co convenio asinado.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte de novembro de mil novecentos noventa e oito,

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto e ámbito.

O presente decreto ten por obxecto establece-lo financiamento e axudas públicas das actuacións protexibles en materia de vivenda, con cargo ós orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia, e a xestión das axudas reguladas no Real decreto 1186/1998, do 12 de xuño, sobre medidas de financiamento de actuacións protexidas en materia de vivenda e solo do Plan 1998-2001.

O Instituto Galego da Vivenda e Solo, a través das súas delegacións provinciais, cualificará, declarará ou visará como actuacións protexidas en materia de vivenda e solo aquelas que, reunindo os requisitos establecidos no citado real decreto e no presente decreto, se atopen encadradas dentro do número de actuacións a financiar determinadas no convenio subscrito pola Comunidade Autónoma de Galicia e o Ministerio de Fomento.

As súas disposicións serán de aplicación ó financiamento de actuacións protexibles comprendidas entre a data da súa entrada en vigor e o 31 de decembro do ano 2001, sen prexuízo do disposto nas disposicións transitorias do Real decreto 1186/1998, do 12 de xuño.

Artigo 2º.-Órganos compententes.

A xestión e tramitación dos expedientes acollidos á regulación do presente decreto corresponderá ás delegacións provinciais do Instituto Galego da Vivenda e Solo. A competencia para a súa resolución corresponderá ós delegados provinciais do instituto.

Artigo 3º.-Actuacións protexidas.

Para os efectos das axudas previstas neste decreto e das establecidas polo Real decreto 1186/1998, consideraranse actuacións protexidas as seguintes:

a) A promoción para cesión en arrendamento, venda ou uso propio de vivendas de nova construcción, non cualificadas como de promoción pública, suxeitas a réximes de protección pública, así como a adquisición das ditas vivendas.

b) A promoción de aloxamentos declarados protexidos destinados a arrendamento ou outras formas de explotación.

c) A adquisición de vivendas xa construídas, sexan vivendas suxeitas a réximes de protección pública, en segunda ou posterior transmisión, ou vivendas libres usadas ou de nova construcción.

d) As actuacións en áreas de rehabilitación e a rehabilitación de vivendas e edificios de vivendas.

e) A urbanización e adquisición onerosa de solo con destino preferente á promoción de vivendas suxeitas a réximes de protección pública.

Os supostos de vivendas que constitúan experiencias piloto serán obxecto, se é o caso, de regulación específica.

Artigo 4º.-Vivendas de protección pública.

Consideraranse vivendas de protección pública as vivendas cualificadas de protección oficial ou declaradas protexidas.

Estas vivendas destinaranse a residencia habitual e permanente de adquirentes, adxudicatarios, promotores individuais para uso propio ou arrendatarios, sempre que os ingresos familiares non excedan de 5,5 millóns de pesetas e, no suposto de vivendas de protección oficial de réxime especial, de 2,5 millóns de pesetas.

Artigo 5º.-Axudas públicas.

As axudas públicas adoptarán calquera das seguintes modalidades:

1. Préstamos cualificados concedidos polas entidades de crédito públicas ou privadas no ámbito dos convenios subscritos polo Ministerio de Fomento con elas.

2. Axudas económicas directas.

a) Con cargo ós orzamentos do Estado:

-Subsidiación, simple ou reforzada, dos préstamos cualificados.

-Subvencións a fondo perdido.

b) Con cargo ós orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia.

-Subvencións a fondo perdido.

As subvencións imputaranse ós créditos consignados na aplicación orzamentaria 06.50.331A.783 ou na que se determine na correspondente Lei de orzamentos da Comunidade Autónoma.

3. Calquera outra axuda que se poida establecer durante o período 1998-2001 en materia de vivenda e solo.

Artigo 6º.-Límites orzamentarios á concesión das axudas.

A concesión das axudas a que se refire o artigo anterior quedará limitada polo esgotamento dos recursos financeiros destinados a elas.

Artigo 7º.-Condicións para acceder ás axudas públicas.

1. Para acceder ás axudas públicas reguladas neste decreto será necesario cumprir, en todo caso, as seguintes condicións:

a) Que as actuacións para as que se solicita financiamento cualificado foran cualificadas ou declaradas como protexidas.

b) Que os adquirentes, adxudicatarios, promotores para uso propio ou arrendatarios das vivendas non sexan titulares do pleno dominio ou dun dereito real de uso ou desfrute sobre algunha outra vivenda suxeita a réxime de protección pública; nin o sexan sobre unha vivenda libre na mesma localidade na que se sitúa a vivenda obxecto da actuación protexida, cando o valor catastral da dita vivenda libre exceda do 40% do prezo daquela, se a revisión do dito valor se producira con posterioridade a 1989, ou o 20% se a revisión tivera lugar anteriormente. Todo iso sen prexuízo das condicións establecidas para o primeiro acceso á vivenda en propiedade.

c) Que os adquirentes, adxudicatarios, promotores para uso propio ou arrendatarios das vivendas teñan ingresos familiares que non excedan de 5,5 millóns de pesetas para a obtención de préstamo cualificado, de 4,5 millóns de pesetas para seren beneficiarios de subsidios de préstamos, e de 3,5 millóns de pesetas para poderen obter subvencións persoais. Todo isto con independencia do establecido ó respecto sobre rehabilitación e axudas a familias numerosas.

d) Que as vivendas non excedan nin das superficies útiles máximas nin dos prezos máximos de venda ou renda que, segundo os casos, se establecen neste decreto.

Nos supostos de garaxes rochos, anexos para labradores, gandeiros e pescadores e talleres para artesáns, será necesaria a vinculación en proxecto e rexistralmente á vivenda obxecto de financiamento cualificado.

e) Que as vivendas obxecto das axudas se dediquen a residencia habitual e permanente dos seus destinatarios. As vivendas promovidas ou rehabilitadas para uso propio e as adquiridas destinaranse a residencia habitual e permanente do propietario. As vivendas promovidas para aluguer destinaranse a residencia habitual e permanente do inquilino.

f) Que os adquirentes, adxudicatarios ou promotores para uso propio acrediten que os seus ingresos familiares non son inferiores a 952.560 ptas.

2. O incumprimento das condicións citadas e de calquera dos outros requisitos esixidos para cada unha das actuacións protexibles obxecto de financiamento cualificado, incluso a non obtención de cualificación ou declaración definitiva das actuacións de rehabilitación implicará, en todo caso, ademais das sancións que poidan corresponder conforme a normativa vixente, a pérda da condición de préstamo cualificado e a interrupción da subsidiación outorgada, así como o reintegro das cantidades feitas efectivas en concepto de axudas económicas directas, incrementadas cos xuros legais desde o momento da súa percepción.

Artigo 8º.-Primeiro acceso á vivenda en propiedade.

Poderán acollerse a axudas específicas para primeiro acceso á vivenda en propiedade os adquirentes, adxudicatarios e promotores individuais para uso propio de vivendas protexidas con ingresos familiares que non excedan de 3,5 millóns de pesetas e que non teñan ou tiveran anteriormente vivenda en propiedade, ou que, téndoa, os seus titulares non dispoñan do seu dereito de uso ou desfrute, sempre que as vivendas adquiridas teñan unha superficie que non exceda de 70 metros cadrados útiles, ou de 90, se a vivenda fora a ser ocupada por uhna unidade familiar composta por catro ou máis persoas.

Artigo 9º.-Zonas territoriais.

1. Para os efectos de determina-lo prezo máximo de venda ou adxudicación e renda establécense as seguintes zonas:

Zona 1ª.

Concellos que se relacionan no anexo.

Zona 2ª.

Resto dos concellos de Galicia.

2. Dentro dos concellos da zona 1ª establécense os seguintes grupos para os concellos singulares:

Concellos singulares do grupo A que sexan declarados como tales por orde do Ministerio de Fomento por proposta da Comunidade Autónoma.

Concellos singulares do grupo B que sexan declarados como tales por orde do Ministerio de Fomento por proposta da Comunidade Autónoma.

Artigo 10º.-Prezo máximo de venda das vivendas.

1. Prezo, por metro cadrado de superficie útil, de referencia por zonas que servirá para fixa-los prezos máximos de venda das vivendas protexidas:

Zona 1ª: 113.275 ptas.

Zona 2ª: 105.888 ptas.

2. O prezo máximo de venda por metro cadrado de superficie útil das vivendas de protección oficial de nova construcción será o que consta no cadro seguinte:

VPOVPO.RE

Zona 1ª 113.275 96.284

Zona 2ª 105.888 90.005

Zona 1ª grupo A130.266110.726

Zona 1ª grupo B121.771103.505

VPO=Vivendas de protección oficial

VPO.RE=Vivendas de protección oficial de réxime especial.

3. O prezo máximo de venda por metro cadrado de superficie útil no caso das vivendas declaradas protexidas e de adquisición protexida doutras vivendas xa construídas será o seguinte:

VDP/APOV

Zona 1ª 141.594

Zona 2ª 132.360

Zona 1ª grupo A 162.833

Zona 1ª grupo B 152.214

VDP=Vivendas declaradas protexidas

APOV=Adquisición protexida doutras vivendas.

4. No caso doutras vivendas xa construídas acollidas a algún réxime de protección pública, o prezo máximo de venda será o que lle corresponda segundo as normas específicas que lle sexan de aplicación, sempre que o seu prezo de venda non exceda dos máximos establecidos nos puntos anteriores.

5. Na cualificación provisional de vivendas de protección oficial ou declaración de vivendas protexidas farase consta-lo prezo máximo de venda ou renda.

6. Se a vivenda ten garaxe, rocho ou anexos, estean ou non vinculados a ela, o prezo máximo de venda por metro cadrado da súa superficie útil non poderá exceder do 60% do prezo máximo de venda por metro cadrado de superficie útil da vivenda. Só serán computables como máximo 8 metros cadrados de superficie útil de rocho, 25 de garaxe e 25 do resto dos anexos, independentemente de que a superficie real sexa maior.

Artigo 11º.-Ingresos familiares.

1. Para os efectos de determina-los ingresos familiares, segundo o disposto no artigo 14 do Real decreto 1186/1998, do 12 de xuño, á contía da base ou bases impoñibles acreditadas aplicaráselle os seguintes coeficientes multiplicativos correctores:

No caso de vivendas situadas en concellos da zona 1ª: 0,8695.

No caso de vivendas situadas en concellos da zona 2ª: 0,9302.

2. Con independencia do establecido no número anterior, á contía da base ou bases impoñibles acreditadas aplicaráselle, así mesmo, o seguinte coeficiente multiplicador corrector en función do número de membros da unidade familiar:

Familias dun membro: 1,00.

Familias de dous membros: 0,97.

Familias de tres membros: 0,93.

Familias de catro membros: 0,90.

Familias de cinco membros: 0,87.

Familias de seis ou máis membros: 0,83.

Artigo 12º.-Límites á facultade de dispoñer.

1. Os adquirentes, adxudicatarios e promotores individuais para uso propio non poderán transmitir intervivos nin cede-lo uso por ningún título as vivendas para as que obtiveran axudas públicas durante o prazo de cinco anos, desde a formalización do préstamo cualificado.

Non obstante, a Comunidade Autónoma, cando medie xusta causa, poderá deixar sen efecto esta prohibición de dispoñer, logo de cancelación do referido préstamo e reintegro das axudas económicas directas obtidas, mailos xuros legais desde o momento da súa percepción.

2. No caso de segundas ou posteriores transmisións das vivendas, o prezo máximo total de venda non poderá supera-lo establecido no artigo 10 deste decreto para as vivendas cualificadas ou declaradas protexidas no mesmo ano no que se produza a transmisión e na mesma zona territorial.

Este sistema de prezos máximos de venda será de aplicación mentres dure o réxime legal de protección.

3. As limitacións a que se refíren os apartados 1 e 2 deste artigo faranse constar expresamente nas escrituras de compravenda, adxudicación ou declaración de obra nova no suposto de promoción individual para uso propio, e na escritura de formalización do préstamo hipotecario, para os efectos da súa inscrición no Rexistro da Propiedade, onde se fará consta-la prohibición de dispoñer por medio de nota marxinal.

Artigo 13º.-Solicitude de axudas.

Os solicitantes de axudas para a adquisición de vivendas de protección pública ou para a adquisición protexida de vivendas construídas así como para actuacións en rehabilitación e solo presentarán as solicitudes nas delegacións provinciais do Instituto Galego da Vivenda e Solo, conforme os modelos establecidos nos anexos do presente decreto, acompañadas da documentación que neles se especifica.

Capítulo II

Vivendas de protección pública

Sección primeira

Vivendas de protección oficial

Artigo 14º.-Vivendas de protección oficial.

1. Son vivendas de protección oficial as que sexan cualificadas como tales de acordo coa normativa reguladora deste réxime establecida no Real decreto-lei 31/1978, do 31 de outubro, Real decreto 3148/1978, do 10 de novembro, e normativa de desenvolvemento.

2. Poden ser cualificadas como vivendas de protección oficial de réxime especial aquelas vivendas destinadas a adquirentes, adxudicatarios ou promotores individuais para uso propio que teñan uns ingresos familiares non superiores a 2,5 millóns de pesetas.

Artigo 15º.-Recoñecemento de axudas públicas.

1. O Instituto Galego da Vivenda e Solo recoñecerá o dereito á obtención de préstamos cualificados ós promotores, adquirentes ou adxudicatarios de vivendas de protección oficial que reúnan as condicións establecidas neste decreto e no Real decreto 1186/1998.

2. Así mesmo, con cargo ós orzamentos do Ministerio de Fomento, recoñecerá:

2.1. Ós promotores para uso propio, adquirentes ou adxudicatarios de vivendas de protección oficial que obtiveran préstamo cualificado e cumpran os requisitos establecidos neste decreto e Real decreto 1186/98, o dereito ás seguintes axudas:

a) Subsidiación simple e, se for o caso, reforzada dunha porcentaxe das cotas de amortización de capital e xuros (ou só de xuros cando proceda) do préstamo cualificado, regulada no artigo 20 do Real decreto 1186/1998.

b) Subvencións a fondo perdido nos supostos de vivendas de réxime especial para primeiro acceso en propiedade na contía do 5% do prezo total da vivenda que figura no contrato de compravenda ou de adxudicación, ou do valor da edificación sumado ó do solo,

que figure na escritura de declaración de obra nova, no caso de promocións individuais para uso propio, segundo se determina no artigo 21 do referido real decreto.

2.2. Ós promotores de vivendas con destino a aluguer:

a) Subsidiación do préstamo cualificado nos termos previstos no artigo 20 do citado real decreto.

b) Subvención a fondo perdido nunha contía do 15% do prezo máximo total de venda ó que puideran venderse as vivendas, sempre que non excedan de 70 m útiles, conforme determina o art. 21 do referido real decreto.

3. Con cargo ós orzamentos da comunidade autónoma, o Instituto Galego da Vivenda e Solo poderá conceder subvencións, nas contías que se indican, a adquirentes, adxudicatarios ou promotores individuais para uso propio de vivendas de protección oficial, que obtiveran préstamo cualificado, reúnan as condicións establecidas neste decreto e no Real decreto 1186/98, e se atopen nalgún dos seguintes supostos:

a) Que cumpran tódolos requisitos esixidos para as axudas de primeiro acceso de vivenda en propiedade: 250.000 ptas.

b) Que acrediten estar en posesión do título de familia numerosa expedido polo departamento correspondente da Xunta de Galicia, no momento da sinatura do contrato de compravenda da vivenda obxecto de protección:

1. Con 3 e 4 fillos: 250.000 ptas.

2. Con 5 ou máis fillos: 500.000 ptas.

Artigo 16º.-Concesión de subvencións.

1. A concesión de subvencións ós promotores de vivendas destinadas a aluguer efectuarase unha vez obtida a cualificación definitiva. Agora ben, poderá efectuarse unha vez obtida a cualificación provisional, logo de acreditación do inicio das obras, cando así o autorice o Ministerio de Fomento.

2. A concesión de subvencións a adquirentes, adxudicatarios e promotores para uso propio efectuarase:

a) Cando se trate de promotores para uso propio, unha vez obtida a cualificación definitiva da vivenda e acreditada a obtención do préstamo cualificado.

b) No caso de adquirentes e adxudicatarios, cando se achegue a escritura pública inscrita no rexistro da propiedade que acredite a transmisión da vivenda e a obtención do préstamo cualificado.

3. En todo caso, a concesión das subvencións estará condicionada á existencia de crédito orzamentario na partida correspondente, polo que, se no momento no que se achegue a documentación esixible non existira crédito orzamentario, as delegacións provinciais do Instituto Galego da Vivenda e Solo resolverán só para os efectos de declara-lo cumprimento dos requisitos esixidos pola lexislación vixente, quedando suxeita a concesión da subvención ó momento en que a dita cobertura orzamentaria exista.

Sección segunda

Vivendas declaradas protexidas

Artigo 17º.-Vivendas declaradas protexidas.

Son vivendas declaradas protexidas as que, destinadas a domicilio habitual e permanente, teñan unha superficie útil máxima de 90 metros cadrados e prezos de venda ou renda que non superen os máximos establecidos en cada caso e sexan declaradas como tales vivendas pola Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 18º.-Declaración provisional.

1. Para obte-la declaración provisional de vivendas protexidas os promotores deberán presentar solicitude axustada ó modelo oficial que se establece no anexo, acompañada de:

a) Documentación acreditativa da personalidade do solicitante e, se é o caso, da representación que teña.

b) Certificado do rexistro da propiedade acreditativo da titularidade dos terreos e da liberdade de cargas e gravames. No suposto de non seren titulares os solicitantes, deberán presentar promesa de venda ó seu favor.

c) Proxecto básico ou de execución visado polo colexio profesional correspondente.

d) Licencia municipal de obras.

2. A solicitude de declaración de vivendas protexidas de nova construcción poderá efectuarse para todo o edificio ou só por escaleiras ou prantas enteiras.

3. A declaración provisional de vivendas protexidas efectuarase, unha vez constatado que se achegou a documentación esixible e que a superficie útil das vivendas non excede de 90 m, no prazo máximo de tres meses contados desde a presentación da solicitude. Transcorrido o dito prazo sen que recaera resolución expresa, a declaración provisional considerarase denegada.

Artigo 19º.-Declaración definitiva de vivendas protexidas.

1. Disporase dun prazo de trinta meses, a partir da declaración provisional de vivendas protexidas, para solicita-la declaración definitiva. Este prazo poderá ampliarse en seis meses por causa xustificada.

Cando se trate de promocións que se vaian executar por fases, a primeira gozará do prazo antes indicado e as demais fases disporán dun prazo de 24 meses desde o inicio de cada unha delas.

Unha vez rematadas las obras dentro do prazo fixado os promotores deberán solicita-la declaración definitiva, no modelo que se específica no anexo, xunto coa seguinte documentación:

a) Licencia municipal de primeira ocupación.

b) Proxecto de execución final visado polo colexio profesional correspondente.

c) Xustificación de terse practicado no rexistro da propiedade a inscrición da obra nova en construcción e división horizontal.

d) Certificado do facultativo-director acreditativo do remate e disposición para o correcto uso das obras

de edificación, as de urbanización e dos correspondentes servicios.

e) No suposto de promoción de aloxamentos para aluguer, certificado do facultativo-director de que se cumpre a normativa técnica establecida no artigo 23º.3 deste decreto.

f) Póliza de seguro de incendios ou documento que acredite a súa formalización.

g) Se é o caso, contratos de compravenda ou títulos de adxudicación subscritos cos adquirentes ou adxudicatarios e visados pola delegación provincial do Instituto Galego da Vivenda e Solo, nos que expresamente se fixe o prezo de venda ou adxudicación.

2. Comprobada a documentación concederase ou denegarase a declaración definitiva no prazo de tres meses desde a data de solicitude, transcorrido o cal sen recibir resolución expresa, entenderase denegada aquela.

A denegación da declaración definitiva suporá a devolución, se é o caso, das axudas económicas percibidas cos seus xuros legais desde a data de percepción.

3. Na declaración definitiva deberá facerse consta-lo expediente de construcción, a identificación do promotor, a localización das vivendas, o seu número, datos rexistrais, a data de declaración provisional e de remate das obras, as limitacións a que están suxeitas as vivendas, o prazo de duración da dita suxeición, o prezo máximo de venda ou renda e demais datos e circunstancias que, por aplicación das normas deste decreto e do Real decreto 1186/1998, deban constar.

4. Cando a construcción se executase por fases, cada fase será obxecto dunha declaración.

5. Para a determinación da superficie útil das vivendas e, se é o caso, garaxes, rochos ou anexos, aplicaranse as normas relativas das vivendas de protección oficial.

6. As vivendas protexidas axustaranse ás disposicións da Lei 8/1997, sobre accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 20º.-Réxime xurídico.

1. O réxime xurídico das vivendas declaradas protexidas farase extensivo ó período de amortización do préstamo cualificado e, en todo caso, terá unha duración mínima de 10 anos.

Durante estes períodos manteranse as condicións de uso e prezo máximos establecidos. Transcorridos estes prazos, extinguiranse as condicións de uso e de prezos máximos.

2. Os contratos de compravenda e arrendamento das vivendas declaradas protexidas deberán inclui-las seguintes cláusulas.

a) Que a vivenda se utilice como domicilio habitual e permanente do adquirente, adxudicatario, promotor para uso propio ou arrendatario e os prezos de venda ou renda non excedan dos límites establecidos.

b) Que o adquirente ou arrendatario se obrigue a ocupa-la vivenda no prazo máximo de tres meses a

partir da entrega de chaves, agás que medie xusta causa.

c) Que o vendedor ou o arrendador se obrigue a poñer á disposición do adquirente ou arrendatario un exemplar do contrato, debidamente visado pola Delegación Provincial do Instituto Galego da Vivenda e Solo.

d) Nos contratos de arrendamento, que o subarrendamento total ou parcial da vivenda dará lugar á resolución do contrato.

e) Se o promotor percibe dos adquirentes ou adxudicatarios antes ou durante o período de construcción parte do prezo das vivendas, deberá facerse constar esta circunstancia nos contratos de compravenda ou adxudicación.

As ditas obrigas serán directamente esixidas ós vendedores e arrendadores.

Os contratos de compravenda e de arrendamento de vivendas declaradas protexidas deberán ser visados polas delegacións provinciais do Instituto Galego da Vivenda e Solo unha vez obtida a correspondente cédula de declaración provisional ou definitiva.

Para proceder ó visado dos contratos de compravenda ou adxudicación nos que se estipule a entrega de cantidades a conta do prezo da vivenda, antes de iniciarse a construcción ou durante ela, será necesario acredita-la garantía que fose constituída en previsión da devolución dos importes recibidos, conforme establece a Lei 57/1968, do 27 de xullo, que regula a percepción de cantidades anticipadas na súa construcción e venda, dando lugar, de non facerse así, á denegación do visado, con independencia das responsabilidades a que houbera lugar conforme o previsto no Real decreto 515/1989, do 21 de abril, sobre protección dos consumidores en canto á información que se vaia subministrar na compravenda e arrendamento de vivendas.

Artigo 21º.-Recoñecemento de axudas.

1. O Instituto Galego da Vivenda e Solo, a través das súas delegacións provinciais, recoñecerá o dereito á obtención de préstamo cualificado ós promotores, adquirentes ou adxudicatarios de vivendas declaradas protexidas que reúnan as condicións establecidas neste decreto e no Real decreto 1186/98.

2. Así mesmo, con cargo ós orzamentos do Ministerio de Fomento recoñecerá:

2.1. Ós promotores para uso propio, adquirentes ou adxudicatarios que obtivesen préstamo cualificado e cumpran os requisitos establecidos neste decreto e no Real decreto 1186/98, o dereito á subsidiación simple e, se é o caso reforzada, dunha porcentaxe das cotas de amortización de capital e xuros (ou só de xuros cando proceda) do préstamo cualificado nos termos previstos no artigo 20 do Real decreto 1186/98.

2.2. Ós promotores de vivendas con destino a aluguer:

a) Subsidiación do préstamo cualificado nos termos previstos no artigo 20 do devandito real decreto.

b) Subvención a fondo perdido nunha contía do 15% do prezo máximo total de venda ó que puideran venderse as vivendas, se se cualificaran como de protección oficial, sempre que non excedan de 70 metros cadrados útiles, conforme determina o Art. 21 do referido real decreto.

3. Con cargo ós orzamentos da Comunidade Autónoma, o Instituto Galego da Vivenda e Solo poderá conceder subvencións na contía que se indica, ós adquirentes, adxudicatarios e promotores individuais para uso propio de vivendas declaradas protexidas que obtivesen préstamo cualificado, reúnan as condicións establecidas neste decreto e no Real decreto 1186/1998 e se atopen nalgún dos seguintes supostos:

a) Que teñan ingresos familiares iguais ou inferiores a 3,5 millóns de pesetas: 250.000 ptas.

b) Que cumpran as condicións esixidas para as axudas de primeiro acceso en propiedade: 250.000 ptas.

c) Que acrediten estar en posesión de título de familia numerosa, expedido polo departamento correspondente da Xunta de Galicia, no momento da sinatura do contrato de compravenda da vivenda obxecto de protección:

Con 3 e 4 fillos: 250.000 ptas.

Con 5 ou máis fillos: 500.000 ptas.

Artigo 22º.-Concesión de subvencións.

1. A concesión de subvencións ós promotores de vivendas destinadas a arrendamento efectuarase unha vez obtida a declaración definitiva. Agora ben, poderá efectuarse unha vez obtida a declaración provisional, logo de acreditación do inicio das obras, cando así o autorice o Ministerio de Fomento.

2. A concesión de subvencións a adquirentes, adxudicatarios e promotores para uso propio efectuarase:

a) Cando se trate de promotores para uso propio, unha vez obtida a declaración definitiva da vivenda e acreditada a obtención do préstamo cualificado.

b) No caso de adquirentes e adxudicatarios, cando se achegue a escritura pública inscrita no rexistro da propiedade que acredite a transmisión da vivenda e a obtención do préstamo cualificado.

3. En todo caso a concesión das subvencións estará condicionada á existencia de crédito orzamentario na partida correspondente, polo que, se no momento no que se achegue a documentación esixible non existira crédito orzamentario, as delegacións provinciais do Instituto Galego da Vivenda e Solo resolverán só para os efectos de declara-lo cumprimento dos requisitos esixidos pola lexislación vixente, quedando suxeita a concesión da subvención ó momento en que a dita cobertura orzamentaria exista.

Sección terceira

Aloxamentos declarados protexidos

Artigo 23º.-Aloxamentos declarados protexidos.

Os aloxamentos declarados protexidos que se promovan para o seu destino a aluguer ou outras formas de explotación terán as seguintes características:

1. A superficie útil non poderá ser superior a 50 metros cadrados.

2. A superficie protexida para os efectos de financiamento cualificado non excederá de 40 metros cadrados útiles.

Esta superficie protexida poderase incrementar ata un máximo do 20 por 100 co fin de incluí-la correspondente ós servicios comúns.

3. Serán de aplicación a estes aloxamentos as normas técnicas de calidade e deseño que rexen para as vivendas de protección oficial coas seguintes excepcións:

a) As superficies mínimas das pezas axustaranse ó establecido na normativa autonómica sobre habitabilidade das vivendas.

b) Non será de aplicación o establecido nas ordenanzas provisionais de V.P.O., números 9 e 17.

Artigo 24º.-Destino dos aloxamentos.

Os aloxamentos só poderán ser cedidos en arrendamento a persoas maiores de 60 anos e mozos con idades comprendidas entre os 18 e 30 anos sempre que os seus ingresos ou os da unidade familiar á que pertenzan, non superen os 5,5 millóns de pesetas no suposto das persoas maiores de 60 anos e non superen os 3,5 millóns de pesetas cando se trata de mozos con idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos.

Artigo 25º.-Condicións dos alugueres.

1. A renda anual máxima inicial será o 5 por 100, cando o préstamo cualificado sexa a 25 anos de amortización, e o 7 por 100, cando o préstamo sexa a 10 anos, do prezo legal máximo ó que puidera venderse se se tratase dunha vivenda de protección oficial de promoción privada no momento de celebración do contrato de arrendamento.

2. A renda inicial poderá actualizarse anualmente en función das variacións porcentuais do índice nacional xeral do sistema de medidas de prezos ó consumo.

3. O arrendador poderá percibir, ademais da renda inicial ou revisada que corresponda, o custo real dos servicios de que desfrute o inquilino e sexan satisfeitos polo arrendador, así como as demais repercusións autorizadas pola lexislación aplicable.

4. O propietario deberá entregarlles ós arrendatarios os aloxamentos en condicións axeitadas de uso e conservación. Así mesmo, deberá solicita-lo visado dos contratos, achegando a documentación necesaria para que a Administración poida comprobar que os inquilinos cumpren os requisitos establecidos por este decreto.

5. En garantía do bo mantemento e do uso axeitado do aloxamento, deberá depositarse por parte do arrendatario unha fianza por un importe dunha mensua

lidade, de acordo co disposto na normativa aplicable en materia de fianzas.

6. A duración e prórroga dos contratos de arrendamento rexerase polo establecido na vixente Lei de arrendamentos urbanos. Non obstante, no caso de que os aloxamentos sexan destinados a mozos, para a súa prórroga terase sempre en conta o límite de idade fixado.

Artigo 26º.-Aloxamentos destinados a universitarios.

1. Cando as actuacións protexidas recollidas neste capítulo sexan promovidas pola universidade ou entidades ou empresas que con ela colaboren, xa sexan de titularidade pública ou privada, e se destinen a estudiantes universitarios, os límites de ingresos para xoves con idades comprendidas entre 18 e 30 anos a que se refire o artigo 24º, non se terán en conta.

2. Así mesmo, en relación co establecido no artigo 25.6º, os contratos terán carácter anual, se ben poderán prolongarse durante o período en que duren os estudios universitarios.

3. Para o acceso a estes aloxamentos a universidade establecerá as condicións de tutela e baremación.

Artigo 27º.-Axudas.

1. O Instituto Galego da Vivenda e Solo recoñeceralles ós promotores destas actuacións en aluguer nas condicións establecidas neste decreto e no Real decreto 1186/1998, o dereito á obtención de préstamos cualificados.

2. Así mesmo, con cargo ós orzamentos do Ministerio de Fomento, ós promotores que obtiveran préstamo cualificado recoñeceránselle-las seguintes axudas:

a) Subsidiación dunha porcentaxe das cotas de amortización de capital e xuros, ou só de xuros cando proceda, do préstamo cualificado de acordo co previsto no artigo 20 do Real decreto 1186/1998.

b) Subvención equivalente ó 15 por 100 do prezo máximo total de venda ó que poderan venderse, unha vez rematados, se se tratase de vivendas de protección oficial de promoción privada.

3. Con cargo ós orzamentos da Comunidade Autónoma, o Instituto Galego da Vivenda e Solo concederá ós promotores unha subvención, equivalente ó 20 por 100 do citado prezo máximo de venda, que terá carácter complementario coa recoñecida a cargo do Ministerio de Fomento.

4. A concesión das subvencións con cargo ós orzamentos do Ministerio de Fomento, nos supostos previstos no artigo 21 do Real decreto 1186/98, poderá efectuarse unha vez obtida a declaración provisional, logo de acreditación do inicio das obras. Nos demais casos unha vez obtida a declaración definitiva.

5. A concesión de subvencións con cargo ós orzamentos da Comunidade Autónoma efectuarase unha vez obtida a cédula de declaración definitiva.

6. Non obstante, se non existise crédito orzamentario, resolverase a concesión no momento en que exista cobertura orzamentaria.

Artigo 28º

No que atinxe ó procedemento para a declaración provisional e definitiva dos aloxamentos declarados protexidos así como ó período de duración do réxime legal, aplicarase ó previsto nos artigos 18º, 19º e 20º da sección segunda do presente decreto para as vivendas declaradas protexidas.

Capítulo III

Adquisición protexida doutras vivendas

xa construídas

Artigo 29º.-Vivendas xa construídas.

Para os efectos deste decreto considérase adquisición protexida doutras vivendas xa construídas a que teña lugar a título oneroso, sempre que se trate dunha segunda ou posterior transmisión, que o seu prezo por metro cadrado de superficie útil non supere o establecido no artigo 10º e que a súa superficie útil non sexa superior a 120 metros cadrados, así como os seguintes supostos:

a) Cando a transmisión afecte vivendas suxeitas a réximes de protección pública que se destinasen a aluguer, e se realice transcorridos, polo menos, cinco anos desde a cualificación ou declaración definitiva, agás que a normativa pola que se rexeu o financiamento cualificado da vivenda esixise un prazo superior.

b) Cando, tratándose de vivendas libres de nova construcción, transcorrese un prazo de dous anos como mínimo entre a expedición da licencia de primeira ocupación ou do certificado final de obra e a data do contrato de opción de compra ou de compravenda.

c) Cando se trate de vivendas libres resultantes das actuacións de rehabilitación de edificios, ás que se refire o artigo 34 do Real decreto 1186/1998, do 12 de xuño, con ou sen adquisición do edificio rehabilitado.

Artigo 30º.-Requisitos para acceder ás axudas.

Ademais das condicións xerais para acceder ó financiamento cualificado establecidas no artigo 7º, para a adquisición protexida de vivendas xa construídas é necesario:

a) Que o contrato de opción de compra ou compravenda recolla as cláusulas obrigatorias establecidas no artigo 20º para as vivendas protexidas.

b) Que o dito contrato sexa visado pola correspondente delegación provincial do Instituto Galego da Vivenda e Solo.

c) Que entre a celebración do contrato e a solicitude do visado non transcorreran máis de dous meses.

d) Se o vendedor recibira préstamo cualificado para a mesma vivenda, deberán cancelalo previa ou simultaneamente á formalización do préstamo ó adquirente, agás no suposto de actuacións de rehabilitación do artigo 34 do Real decreto 1186/1998.

En todo caso, o prazo de validez do visado para solicita-lo préstamo cualificado será de seis meses,

agás que, por causa non imputable ó adquirente, a delegación provincial do Instituto Galego da Vivenda e Solo dispoña unha prórroga.

Artigo 31º.-Recoñecemento das axudas.

1. O Instituto Galego da Vivenda e Solo, a través das delegacións provinciais, recoñecerá o dereito á obtención de préstamos cualificados ós adquirentes de vivendas xa construídas que reúnan os requisitos establecidos neste decreto e no Real decreto 1186/1998.

2. Así mesmo, con cargo ós orzamentos do Ministerio de Fomento, recoñecerá ós adquirentes que obtiveran préstamo cualificado a subsidiación simple e, se é o caso, reforzada, prevista no artigo 20 do Real decreto 1186/1998, sempre que a superficie útil da vivenda non exceda de 90 metros cadrados.

3. Se os adquirentes cumpren as condicións establecidas neste decreto e no Real decreto 1186/1998 e obtiveran préstamo cualificado, o Instituto Galego da Vivenda e Solo, concederá, cando se trate de primeiro acceso a unha vivenda en propiedade, unha subvención de 250.000 ptas.

Así mesmo, subvencionará as familias numerosas en función do número de fillos nas seguintes contías:

Con 3 e 4 fillos: 250.000 ptas.

Con 5 ou más fillos: 500.000 ptas.

Artigo 32º.-Concesión de subvencións.

1. A concesión de subvencións efectuarase cando se achegue a escritura pública inscrita no Rexistro da Propiedade que acredite a transmisión da vivenda e a obtención do préstamo cualificado.

2. En todo caso a concesión das subvencións estará condicionada á existencia de crédito orzamentario na partida correspondente, polo que, se no momento no que se achegue a documentación esixible non existira crédito orzamentario, as delegacións provinciais do Instituto Galego da Vivenda e Solo resolverán só para os efectos de declara-lo cumprimento dos requisitos esixidos pola lexislación vixente, quedando suxeita a concesión da subvención ó momento en que a dita cobertura orzamentaria exista.

Capítulo IV

Actuacións protexidas en materia de rehabilitación

Sección primeira

Actuacións protexidas

Artigo 33º.-Actuacións de rehabilitación.

Considéranse actuacións protexibles de rehabilitación as actuacións en áreas de rehabilitación e a rehabilitación de vivendas e de edificios de vivendas.

Artigo 34º.-Recoñcemento e concesión das axudas.

O Instituto Galego da Vivenda e Solo, a través das súas delegacións provinciais, recoñecerá o dereito á obtención de préstamos cualificados así como das subsidiacións e subvencións previstas no capítulo V do Real decreto 1186/1998, do 12 de xuño, con cargo

ós orzamentos do Ministerio de Fomento ós promotores de actuacións en materia de rehabilitación que, solicitándoas, reúnan as condicións establecidas neste decreto e no Real decreto 1186/1998 arriba mencionado.

Sección segunda

Áreas de rehabilitación

Artigo 35º.-Concepto.

Consideraranse áreas de rehabilitación as áreas de rehabilitación integrada así como aquelas que sexan declaradas polo conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, logo de acordo co concello afectado, para os efectos do disposto no Real decreto 1186/98, do 12 de xuño, sobre medidas de financiamento de actuacións protexidas en materia de vivenda e solo do Plan 1998-2001.

Artigo 36º.-Axudas complementarias da Comunidade Autónoma.

Con carácter complementario ás axudas previstas no artigo 34, o Instituto Galego da Vivenda e Solo concederá con cargo ós orzamentos da Comunidade Autónoma unha subvención na contía máxima seguinte:

a) Ata o 30 por 100 do custo da rehabilitación de edificios e vivendas, sen que a subvención media poida exceder de 600.000 pesetas por vivenda obxecto ou, se for o caso, consecuencia da rehabilitación.

b) Ata o 25 por 100 do custo das operacións de urbanización e reurbanización comprendendo, se é o caso, as obras de demolición, sempre que a contía resultante non exceda do 15 por 100 da subvención que corresponda efectivamente como consecuencia da alínea a) anterior.

Sección terceira

Rehabilitación de edificios e vivendas

Artigo 37º.-Actuacións protexidas.

1. A rehabilitación de edificios e vivendas comprende as actuacións que cumpren as condicións que para a cualificación de actuación protexida establece o Real decreto 1186/1998. Ademais das actuacións previstas no dito real decreto consideraranse protexidas a instalación, reposición, rehabilitación e adaptación á normativa vixente de ascensores e sistema de calefacción individual ou colectivo así como as destinadas á restauración de fachadas e carpinterías exteriores.

2. Para a rehabilitación de edificios e vivendas establécense como prezos máximos os das distintas partidas da base de datos da construcción de Galicia publicadas, e para as partidas non definidas determinaranse os rendementos por asimilación a outras partidas.

Artigo 38º.-Rehabilitación de vivendas unifamiliares.

Para os efectos do determinado no artigo 44 do Real decreto 1186/1998, do 12 de xuño, entenderanse com

prendidos entre as obras reguladas na sección 3ª do citado real decreto as obras que afecten a cubertas, fachadas, carpintería exterior, calefacción, fosa séptica, depósito de auga que non sexa visible desde o exterior, reforzo e substitución parcial de elementos estructurais, excluídas as demolicións e baleirados da edificación primitiva.

Capítulo V

Actuacións protexidas en materia de solo

Artigo 39º.-Axudas económicas.

O Instituto Galego da Vivenda e Solo recoñeceralles ós promotores das actuacións previstas no Art. 45 e que cumpran os requisitos que se establecen nos artigos 46 e 47 do Real decreto 1186/1998 o dereito ó financiamento cualificado previsto nos artigos 48 e 49 do dito real decreto.

Disposicións adicionais

Primeira.-Dada a súa incidencia orzamentaria, en ningún caso poderán entenderse outorgadas por silencio administrativo as axudas que establece este decreto.

Segunda.-Autorízase o conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda para que mediante orde poda modifica-los prezos que se fixan neste decreto dentro dos límites sinalados no Real decreto 1186/1998, do 12 de xuño.

Igualmente, se a evolución dos prezos así o aconsella, o conselleiro poderá modifica-la inclusión dos concellos nas zonas 1ª e 2ª, o nivel mínimo de ingresos esixido no artigo 7.1º f), así como os coeficientes multiplicativos correctores previstos no artigo 11º.

Terceira.-Para determina-lo prezo de venda en segundas e posteriores transmisións das vivendas de protección oficial de promoción privada celebradas a partir do 1 de xaneiro de 1999, as referencias a módulos, con ou sen ponderación, entenderanse ó prezo básico establecido no Real decreto 1186/1998, segundo a seguinte táboa de conversión:

Relación entre módulos e prezo básico (porcentaxe)

Áreas xeográficasMódulos sen ponderarMódulos ponderados

90,2894,84

80,0784,11

Así mesmo, as referencias ó modulo, con ou sen ponderación, que se fan na normativa da Comunidade Autónoma de Galicia sobre vivendas de promoción pública, entenderanse referidas ás devanditas táboas de conversión.

Os módulos sen ponderar e ponderados entenderanse actualizados automaticamente na mesma medida na que se revise o prezo básico nacional.

Cuarta.-O artigo 3 do Decreto 98/1992, do 26 de marzo, polo que se regula o financiamento e adxudicación de vivendas de promoción pública queda redactado do seguinte modo:

Artigo 3º.-Pagamento do prezo de venda.

1. As vivendas a que se refiren os dous artigos anteriores venderanse aprazando a totalidade do prezo, que producirá un xuro anual do 5% e devolverase en 20 anos en cotas mensuais, integradas por capital e xuros, con crecemento do 4% anual.

Cando no momento da adxudicación definitiva do grupo efectuada pola Comisión Provincial da Vivenda, o tipo de xuro anteriormente establecido fose superior ó fixado polo Consello de Ministros para os convenios que subscriba o Ministerio de Fomento coas entidades prestamistas para o financiamento de actuacións protexidas en materia de vivenda e solo, entenderase que este último será o tipo de xuro aplicable.

2. Cando o IGVS subscriba convenios con entidades financeiras de tal xeito que estas financien a construcción das vivendas públicas e os adquirentes destas se subroguen no pagamento da débeda e na responsabilidade derivada da existencia da garantía hipotecaria, as condicións nas que os adxudicatarios se subroguen nos correspondentes préstamos serán as sinaladas no parágrafo primeiro deste artigo, polo que o IGVS, nos supostos nos que o tipo de xuro establecido nos respectivos convenios sexa superior ó fixado no número segundo do parágrafo primeiro, subsidiará os préstamos aboándolle á entidade financeira a diferencia entre o devandito xuro e o convenido.

Quinta.-O incremento de superficie para as vivendas promovidas por cabezas de familias numerosas, así como a reserva e desfrute de dúas ou tres vivendas que constitúan unidade horizontal ou vertical por titulares nos que concorra tal condición, previstos na normativa de vivendas de protección oficial, serán de aplicación ás vivendas declaradas protexidas pola Comunidade Autónoma. O financiamento cualificado aplicarase á superficie útil total das vivendas adquiridas ou promovidas polo cabeza de familia numerosa dentro dos límites establecidos neste decreto e no Real decreto 1186/1998.

Sexta.

1. As axudas reguladas no presente decreto son incompatibles coas axudas dos programas autonómicos de rehabilitación, reconstrucción de vivenda unifamiliar no medio rural, autoconstrucción no medio rural así como coas axudas para a erradicación do chabolismo e infravivenda.

Sétima.-O prazo máximo para o outorgamento da cualificación provisional de vivendas de protección oficial será de tres meses desde a presentación da solicitude correspondente. Transcorrido o dito prazo sen que recaera resolución expresa considerarase denegada.

Disposición derrogatoria

Á entrada en vigor deste decreto queda derrogada a Orde do 26 de febreiro de 1996 pola que se regula a aplicación na Comunidade Autónoma do Real decreto 2190/1995, do 28 de decembro, sobre medidas de financiamento de actuacións protexibles en materia de vivenda e solo, e axudas complementarias, sen prexuízo da vixencia das situacións creadas ó seu amparo.

Igualmente, quedan derrogados os decretos 7/1997, do 9 de xaneiro, sobre vivendas residencia en réxime de aluguer para maiores de 60 anos e 142/1997, do 5 de xuño, sobre vivendas en réxime de aluguer para xoves, así como tódalas disposicións de igual ou inferior categoría que se opoñan ó establecido neste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda para dictar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento do presente decreto.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte de novembro de mil novecentos noventa e oito.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Cuíña Crespo

Conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda

ANEXO I

Zonas territoriais

Concellos incluídos na zona 1ª:

A Coruña, Ames, Ares, Arteixo, As Pontes de García Rodríguez, Betanzos, Boiro, Boqueixón, Cambre, Carballo, Cee, Cedeira, Culleredo, Fene, Ferrol, Melide, Mugardos, Narón, Neda, Noia, Oleiros, Ordes, Oroso, Padrón, Pontedeume; Ribeira, Sada, Santiago de Compostela e Teo.

Burela, Cervo, Chantada, Foz, Lugo, Monforte de Lemos, Ribadeo, Sarria, Vilalba e Viveiro.

Allariz, A Rúa, Ourense, O Barco de Valdeorras, O Carballiño, Ribadavia, Verín e Xinzo de Limia.

A Estrada, Baiona, Cambados, Cangas, Lalín, Marín, Moaña, Mos, Nigrán, O Grove, O Porriño, Poio, Ponteareas, Pontevedra, Redondela, Sanxenxo, Tui, Vilagarcía de Arousa e Vigo.

Concellos incluídos na zona 2ª:

Resto de concellos da Comunidade Autónoma.

11029