Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 235 Xoves, 03 de decembro de 1998 Páx. 13.021

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 16 de novembro de 1998 sobre aplicación de deduccións nas taxas de inspección e controis sanitarios oficiais de carnes frescas e carnes de coello e caza.

A Lei 13/1991, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia e o Decreto lexislativo 1/1992, do 11 de abril, polo que se aprobou o texto articulado das bases contidas no capítulo III do título II da dita lei, recollían as taxas aplicables en concepto de inspeccións e controis sanitarios oficiais de carnes frescas, carnes de ave de curral e coellos.

A Lei 1/1998, do 7 de abril, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 1998, no seu título IV sobre normas tributarias, capítulo único sobre tributos propios, no seu artigo 30 de taxas, no punto dous, apartado 22, fai unha modificacióin da redacción do apartado 08 do artigo 23 do Decreto lexislativo 1/1992. O apartado C da nova redacción, no que se fai referencia á liquidación e ingreso das taxas xeradas polas inspeccións e controis sanitarios oficiais de carnes frescas e carnes de coello e caza, inclúe no seu parágrago 5º a posibilidade de deduccións polos conceptos de persoal auxiliar e axudante.

Na norma citada no parágrafo anterior establécese que, para a aplicación das ditas deduccións se require o recoñecemento previo da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

En consecuencia, co fin de aplica-las devanditas deduccións, en virtude das facultades que me confire o artigo 34.6º da Lei 1/1981, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, reformada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Os suxeitos pasivos das taxas por inspeccións e controis sanitarios oficiais, ante o post-mortem dos animais sacrificados, selado de canais e cabezas, linguas e vísceras, destinadas ó consumo humano, é dicir,

os titulares das explotacións de matadoiros ou lugares de sacrificio, cando pretendan aplicar, na liquidación das ditas taxas a deducción por custo suplido do persoal auxiliar e axudante, prevista na letra C do artigo 23 do Decreto lexislativo 1/1992, do 11 de abril, na redacción dada a este na Lei 1/1998, do 7 de abril, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 1998, no seu título IV sobre normas tributarias, capítulo único sobre tributos propios, no seu artigo 30, de taxas, no punto dous, apartado 22, deberán obter previamente do delegado provincial da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais o correspondente recoñecemento.

Artigo 2º

O recoñecemento a que se fai referencia no artigo anterior seralles facilitado ós suxeitos pasivos que o soliciten e cando estes acrediten a realización das seguintes actividades:

-Recompilación e supervisión de toda a documentación de orixe no momento da entrada dos animais no matadoiro.

-Anotación desta no libro de rexistro de entrada.

-Traslado dos datos correspondentes para cubrir toda a documentación dos animais procedentes de campañas de saneamento gandeiro.

-Control dos certificados dos plans de desinfección, desinsectación e desparasitación.

-Traslado de tódolos datos para cubri-los libros de control de sacrificio.

-Traslado de tódolos datos para cubri-los documentos de liquidación de taxas.

-Envío de partes de sacrificio ós órganos de dirección.

-Traslado de tódolos datos para a emisión de certificados de exportación.

-Traslado de datos para a emisión de certificacións de sacrificio, comisos e doutras.

-Arquivos documentais.

Artigo 3º

Para a obtención do recoñecemento das deduccións que se regulan na presente orde, o interesado deberá formular solicitude á Delegación Provincial da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, quen poderá solicitar canta información considere oportuna para a acreditación da realización das actividades que se recollen no artigo anterior.

O modelo de solicitude é o que figura no anexo da presente orde.

Artigo 4º

A delegación provincial da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais correspondente, unha vez estudiada a solicitude e comprobados os seus termos, emitirá o acordo de recoñecemento.

No caso de que se emita o devandito acordo de recoñecemento, o prazo de validez será dun ano, contado a partir da data que figure no acordo.

Antes de que transcorran os quince últimos do prazo a que se refire o apartado anterior, os interesados deberán solicita-la renovación do recoñecemento seguindo a sistemática establecida no artigo 3º desta orde.

Artigo 5º

Contra as resolucións dos delegados provinciais da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, poderase interpoñer recurso ordinario perante o conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais de acordo cos prazos e requisitos establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposición transitoria

Os acordos de recoñecemento de deduccións emitidos con anterioridade á entrada en vigor da presente

orde continuarán producindo efectos ata o final do seu prazo de validez.

Disposición derrogatoria

Única.-Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou menor rango se opoñan ó disposto na presente orde e, en particular, a Orde do 4 de abril de 1997, sobre aplicación das deduccións nas taxas de inspeccións e controis sanitarios oficiais de carnes frescas, carnes de aves de curral e coellos.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de novembro de 1998.

José María Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais

10976