Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 234 Mércores, 02 de decembro de 1998 Páx. 12.910

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 9 de novembro de 1998, da Delegación Provincial de Ourense, pola que se dispón a inscrición e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo de ámbito provincial da empresa Aguas de Sousas, S.A. de Ourense.

Visto o texto do convenio colectivo da empresa Aguas de Sousas, S.A. (código nº 3200032) de Ourense, con entrada nesta delegación provincial, subscrito en representación da parte económica, pola empresa, e da parte social, polo delegado de persoal, na reunión celebrada o día 3-9-1998, e de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Estatuto dos traballadores, texto refundido aprobado polo R.D. 1/1995, do 24 de marzo, R.D. 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo, e R.D. 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo,

Esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no rexistro de convenios colectivos desta delegación provincial, con notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Unidade de Mediación, Arbitraxe e Conciliación desta delegación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Ourense, 9 de novembro de 1998.

José Lage Lage

Delegado provincial de Ourense

Convenio colectivo de Aguas de Sousas, S.A. 1998

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

As disposicións incluídas no presente convenio regularán durante a súa vixencia, as relacións laborais que nel se establecen entre a empresa Aguas de Sousas, S.A. e o seu persoal.

Artigo 2º.-Ámbito persoal.

Estará afecto polo presente convenio todo o persoal da empresa, agás as persoas que exerzan funcións de alta dirección e alto consello.

Artigo 3º.-Vixencia, duración e denuncia.

A duración deste convenio será dun ano, comezando os seus efectos económicos o 1 de xaneiro de 1998 e rematando o 31 de decembro de 1998. O convenio prorrogarase de ano en ano se non fose denunciado por unha das partes polo menos cun mes de antelación ó remate da súa vixencia.

Artigo 4º.-Compensación e absorción.

As melloras resultantes do presente convenio serán compensadas e absorbidas, ata onde alcance o cómputo anual, con aqueloutras que se puidesen establecer por disposición legal ou que establecese a empresa, agás que expresamente se pacte o contrario.

Artigo 5º.-Comisión paritaria.

Para resolve-las dúbidas que puidesen xurdir sobre a aplicación do convenio, constitúese unha comisión mixta composta polos vocais que interviñeron na negociación e elaboración do convenio.

Artigo 6º.-Clasificación do persoal.

Por disposicións legais obrigatorias e por necesidades das empresas, cómpre crear e definir novas categorías:

Técnico titulado de laboratorio: é o que con título facultativo oficial realiza as funcións de analista de control de calidade, con responsabilidade, dependendo directamente da dirección da empresa.

Laborante: é o productor que ten ó seu cargo un grupo de persoas que dirixe e orienta na execución dos traballos dun determinado servicio.

Peón: é o operario que executa labores para os que se require predominantemente esforzo físico, sen necesidade de ningunha práctica operatoria. Esta categoría só se lle poderá aplicar ó persoal contratado por tempada para carga e descarga e non ó ingresado como fixo do cadro de persoal como operario de embotellamento.

Artigo 7º.-Xornada de traballo.

Establécese unha xornada de traballo de 40 (corenta) horas semanais. O persoal de distribución e reparto, mentres que estea adscrito a estes traballos, poderá ser excluído desta xornada sempre que de común acordo coa empresa se fixen compensacións económicas para as posibles variacións que poida te-la

xornada, tendo en conta as características especiais que presenta a distribución e reparto.

Para efectos de cómputo como xornada efectiva de traballo establécese que, no caso de realizarse xornada continua, os traballadores terán dereito a quince minutos de descanso para bocadillo por conta da empresa durante todo o ano.

Artigo 8º.-Vacacións.

Os traballadores terán dereito a 30 días naturais de vacacións. O salario que percibirán durante o período de vacacións será o real estipulado no presente convenio.

As vacacións serán concedidas de acordo coas necesidades do servicio, procurando comprace-lo persoal, se ben a empresa se reserva a facultade de concedelas fóra da época de campaña comprendida entre o 1º de xuño e o 30 de setembro, ámbalas dúas datas inclusives.

Non obstante o anterior, o persoal contido neste convenio terá dereito a fracciona-lo seu descanso vacacional en dous períodos, un de 22 días ininterrompidos e outro de 8 días, tendo sempre presentes as necesidades do servicio.

Artigo 9º.-Licencia e permisos.

O traballador, tralo aviso e xustificación, poderá ausentarse do traballo, con dereito a remuneración, por algún dos motivos e tempo seguintes:

A) Quince días naturais no caso de matrimonio.

B) Dous días nos casos de nacemento dun fillo ou enfermidade grave ou falecemento de parentes de ata segundo grao de consanguinidade ou afinidade. Cando, con tal motivo, o traballador necesite facer un desprazamento, o prazo será de catro días.

C) Un día de traslado de domicilio habitual.

D) Polo tempo indispensable para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público e persoal. Cando conste nunha norma legal ou convencional un período determinado, aplicarase o disposto en canto á duración da ausencia e á súa compensación económica.

Cando o cumprimento do deber antes referido supoña a imposibilidade da prestación do traballo debido en máis do 20% das horas laborables nun período de tres meses, a empresa poderá pasa-lo traballador afectado á situación de excedencia regulada no número 1 do artigo 46 desta lei.

No suposto de que o traballador, por cumprimento do deber ou desempeño do cargo, perciba unha indemnización, descontarase o seu importe do salario ó que tivese dereito na empresa.

E) Para realizar funcións sindicais ou de representación do persoal nos termos establecidos legal ou convencionalmente.

As traballadoras, por lactación dun fillo menor de nove meses terán dereito a unha hora de ausencia do traballo, que poderán dividir en dúas fraccións.

A muller, pola súa vontade, poderá substituír este dereito por unha reducción da xornada normal en media hora coa mesma finalidade. Este permiso poderá ser desfrutado indistintamente pola nai ou polo pai no caso de que ámbolos dous traballen.

Quen, por razón de garda legal, teña ó seu coidado directo algún menor de seis anos ou un diminuído físico ou psíquico que non desempeñe outra actividade retribuída, terá dereito a unha reducción da xornada de traballo, coa diminución proporcional do salario entre, alomenos, un tercio e un máximo da metade da duración daquela.

Artigo 10º

A retribución convida constará de:

-Salario base.

-Complementos salariais.

Artigo 11º.-Salario base.

O salario base e os complementos salariais que rexerán desde o 1 de xaneiro de 1998 ata o 31 de decembro de 1998 serán os que figuran na táboa de salarios anexa e que supón un incremento do 2,25% sobre o salario base e complementos salariais negociado para o ano 1997.

Artigo 12º.-Antigüidade.

Establécese un complemento de antigüidade consistente en trienios ó 4% sobre o salario base.

Artigo 13º

Establécese o dereito á percepción dunha gratificación de carencia de incentivos como prima de productividade e asistencia.

A contía da gratificación é a que se establece por día de traballo efectivo na táboa de salarios anexa.

O dereito á percepción desa gratificación perderase total ou parcialmente polas seguintes causas:

A) O 25% da gratificación corresponde ó salario dun día, por falta de puntualidade de ata cinco minutos. A reincidencia deste tipo de falta agravarase co 50%.

B) O 75% da gratificación correspondente ó salario dun día, por falta de puntualidade superior a cinco minutos e ata media hora.

C) O 100% por máis de media hora sen chegar ó día completo.

D) O correspondente a tres días por faltas de asistencia.

E) O correspondente a quince días pola imposición dunha sanción de carácter moi grave.

F) O abandono do traballo antes da hora sinalada, a non incorporación á hora xusta e as interrupcións inxustificadas consideraranse como faltas de puntualidade para estes efectos.

Artigo 14º.-Sistemas de incentivos.

A empresa poderá establecer calquera outro sistema de incentivos. O devandito sistema de remuneración

por rendemento representará como actividade normal do traballo a de 100 unidades do sistema centesimal ou 60 puntos de Bedaux. A actividade óptima estará valorada en 140 unidades centesimais ou 80 puntos de Bedaux.

Artigo 15º.-Gratificacións extraordinarias.

Establécense tres pagas extraordinarias que serán aboadas en xullo, outra en decembro e outra no primeiro trimestre do ano por anos vencidos, aboándose a razón dunha mensualidade a salario real.

Artigo 16º.-Xubilación.

Ó cesa-lo traballador na empresa por xubilación concederáselle unha indemnización de salario base máis antigüidade, en proporción ós seus anos de servicio na empresa, conforme a seguinte escala.

-5 anos: dúas mensualidades.

-10 anos: tres mensualidades.

-15 anos: catro mensualidades.

-20 anos: cinco mensualidades.

-25 anos: seis mensualidades.

-de 30 en diante: unha anualidade.

Artigo 17º.-Gratificación de vixilancia e garda xuramentado.

En concepto de perigosidade establécese unha gratificación para os que exerzan as anteditas funcións, consistente no 10% do salario base.

Artigo 18º.-Auxiliares administrativos.

Os auxiliares administrativos, ós seis anos de exerce-las devanditas funcións na empresa, deberán ascender á categoría de oficiais administrativos.

Artigo 19º.-Seguro de vida, accidentes e invalidez permanente.

A empresa estará obrigada a manter un seguro para todo o persoal afectado polo presente convenio que cubra as seguintes continxencias e coas seguintes indemnizacións:

-Morte por accidente: 1.000.000 de pesetas.

-Morte por calquera outra causa: 500.000 pesetas.

-Invalidez permanente total, absoluta ou gran invalidez: 2.000.000 de pesetas.

O beneficiario no caso de invalidez permanente será o traballador, e no caso de morte nas dúas modalidades que recolle o convenio será ó cónxuxe ou, se é o caso, os dereitos habentes do traballador asegurado.

O prazo para concertar este seguro para o persoal de novo ingreso será de tres meses a partir do día en que o traballador entre na empresa.

Artigo 20º.-Gratificacións por matrimonio.

Tódolos traballadores con antigüidade de alomenos tres anos na empresa terán dereito, cando casen, a unha gratificación dun mes de salario máis antigüidade.

Artigo 21º.-Incapacidade temporal.

Cando un traballador se encontre en incapacidade temporal como consecuencia dun accidente de traballo percibirá o 100% do salario que viña percibindo a partir do día seguinte ó de se producir o antedito accidente.

Cando un traballador se encontre en incapacidade temporal como consecuencia dun accidente non laboral, enfermidade común ou enfermidade profesional percibirá o 100% do salario que viña percibindo a partir da segunda semana consecutiva que se encontre na dita situación.

Cláusula derradeira

En todo o que non estea previsto no presente convenio aplicarase o disposto na regulamentación de establecementos balnearios do 3 de xuño de 1959 e nas demais disposicións legais vixentes.

O presente convenio é asinado pola empresa Aguas de Sousas, S.A. e polos representantes dos traballadores no seo da empresa, pertencentes á central sindical Unión General de Trabajadores (UGT), ambas partes con capacidade legal bastante segundo o Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de maio, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores.

Para o ano 1998

Táboa de salarios de Aguas de Sousas, S.A.

PersoalSalarioPCI

Persoal técnico
Licenciados titulados superiores141.043
Técnicos titulados120.130
Peritos e asimilados120.130

Non titulados
Encargado xeral120.130
Encargado de sección112.157

Persoal administrativo
Xefe de 1ª81.4881.838
Xefe de 2ª81.4881.838
Oficial de 1ª81.4881.375
Oficial de 2ª81.4881.218
Auxiliar81.488841

Persoal comercial
Xefe de vendas120.130
Inspector de vendas79.6951.375

Persoal obreiro
Capataz2.8131.375
Operario de embotellamento2.8131.216
Aprendiz2.813

Oficios varios
Oficial de 1ª2.8131.375
Conductor-repartidor2.8131.375
Oficial de 2ª2.8011.219
Oficial de 3ª2.8011.219
Axudante, conductor, laborante2.879841

Persoal subalterno
Peón, almaceneiro, ordenanza2.460852
Cobrador, vixilante, porteiro2.460852
Conserxe, telefonista2.460852
Xardineiro, limpador2.460852

10942