O Concello de Cerceda (A Coruña), en sesión celebrada o día 25 de xuño de 1998, aprobou o proxecto de ampliación do depósito de residuos sólidos urba
nos, A Areosa-Queixas-Cerceda e na mesma sesión acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa. O Concello remitiu a documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 5 de outubro de 1998.
Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.
A Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. O dito informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 26 de outubro de 1998.
Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, porque o depósito temporal de residuos sólidos urbanos de Sogama en Cerceda está a punto de encherse na fase que actualmente se encontra en explotación, e dado o ritmo crecente de afluencia dos residuos sólidos urbanos procedentes de municipios con problemas puntuais, faise imprescindible comeza-la realización das obras de ampliación coa maior urxencia posible para non interrompe-lo servicio público de xestión dos residuos dos municipios que utilizan o depósito temporal, o que sen dúbida levaría consigo graves consecuencias para eles.
A competencia para a declaración da urxente ocupación corresponde ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.
Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día doce de novembro de mil novecentos noventa e oito,
DISPOÑO:
Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, polo Concello de Cerceda (A Coruña) para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de ampliación do depósito de residuos sólidos urbanos, A Areosa-Queixas-Cerceda.
Santiago de Compostela, doce de novembro de mil novecentos noventa e oito.
Manuel Fraga Iribarne
Presidente
Jesús C. Palmou Lorenzo
Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais
10702