Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 232 Luns, 30 de novembro de 1998 Páx. 12.807

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 338/1998, do 12 de novembro, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, pola Deputación Provincial de Lugo, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto 15 R.V.L. 97, A Pastoriza, de alargamento e mellora da estrada provincial Viveiro-Meira, pasando pola Pastoriza, Reigosa, p.k. 1,500 a 2,500.

A Deputación Provincial de Lugo, en sesión celebrada o día 7 de novembro de 1997, aprobou o proxecto 15 R.V.L. 97 A Pastoriza, de alargamento e mellora da estrada Viveiro-Meira, pola Pastoriza a Reigosa, p.k. 1,500 a 2,500 e na sesión celebrada o día 25 de maio de 1998 acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa. A Deputación remitiu a documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 15 de setembro de 1998.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. O dito informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 26 de outubro de 1998.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, porque as obras de referencia figuran nun Programa de Cooperación Económica Local e os terreos precísanse para inicia-las obras dentro dos prazos sinalados pola normativa ó respecto.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día doce de novembro de mil novecentos noventa e oito,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, pola Deputación Provincial de Lugo para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para efecto e necesarios para a execución

das obras do proxecto 15 R.V.L. 97 de alargamento e mellora da estrada Viveiro-Meira pasando pola Pastoriza e Reigosa, p.k. 1,500 a 2,500.

Santiago de Compostela, doce de novembro de mil novecentos noventa e oito.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús C. Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais

10703