Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 232 Luns, 30 de novembro de 1998 Páx. 12.801

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

DECRETO 336/1998, do 27 de novembro, polo que se modifican e establecen os prezos do Diario Oficial de Galicia.

O Diario Oficial de Galicia, órgano oficial de difusión e expresión da actividade administrativa da Comunidade Autónoma de Galicia, vén publicándose ininterrompidamente desde 1982.

En 1997, por Decreto 315/1997, produciuse o último incremento nos prezos da subscrición e da inserción de anuncios, pero razóns tales como un mellor axuste nos seus custos e o ofrecemento de novos productos para o cidadán, así como o aumento do

IPC fan aconsellable proceder a un novo incremento do prezo dos productos xa existentes e o establecemento do correspondente ós novos productos.

Na súa virtude, e de acordo co artigo 12 da Lei 13/1991, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, por proposta do conselleiro da Presidencia e Administración Pública tralo informe favorable da Consellería de Economía e Facenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintesete de novembro de mil novecentos noventa e oito,

DISPOÑO:

Artigo 1º

1. O prezo da subscrición anual en papel ó Diario Oficial de Galicia establécese en 42.600 pesetas. Neste prezo inclúense os CD-ROM correspondentes ó mesmo período sempre que o subscritor así o solicite ó formaliza-la subscrición.

2. O prezo de venda do exemplar en papel do Diario Oficial de Galicia fíxase en 205 pesetas.

3. O prezo anual da subscrición por internet fíxase en 47.516 pesetas. Neste prezo inclúense, tamén, os CD-ROM correspondentes ó mesmo período, sempre que o subscritor así o solicite ó formaliza-la subscrición. Rematado este período o subscritor continuará con dereito de acceso ós exemplares pagados sempre que permaneza como tal.

4. O prezo do acceso por internet ós DOG correspondentes ó período comprendido entre o 1º de outubro de 1995 e o 31 de decembro de 1998 fíxase en 45.000 pesetas. Este dereito de acceso, que require a subscrición ó ano que corre, ten vixencia mentres o interesado continúe como subscritor.

5. O prezo dos CD-ROM correspondentes ó ano 1999 fíxase en 25.000 pesetas.

6. O prezo dos CD-ROM correspondentes ós anos 1996, 1997 e 1998 fíxase en 15.000 pesetas cada anualidade.

Artigo 2º

1. O prezo dos anuncios no Diario Oficial de Galicia fíxase para cada liña en columna de 18 cíceros (54 espacios) en:

a) Procedemento ordinario: 555 pesetas.

b) Procedemento urxente: 1.110 pesetas.

2. Os prezos establecidos no artigo anterior e neste entenderanse, se é o caso, co IVE incluído.

Disposición transitoria

Os subscritores que se abonen ó Diario Oficial de Galicia por internet, antes de que este estea dispoñible, poderán recibi-lo Diario Oficial de Galicia en papel ata ese momento, se así o desexan, sen que iso supoña incremento económico de ningún tipo no prezo da subscrición. En canto estea dispoñible,

os subscritores poderán acceder ó Diario Oficial de Galicia desde o 1º de xaneiro de 1999.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Os prezos establecidos no presente decreto entrarán en vigor o día 1 de xaneiro de 1999.

Segunda.-Facúltase o conselleiro da Presidencia e Administración Pública para dicta-las disposicións necesarias para o desenvolvemento e aplicación deste decreto.

Santiago de Compostela, vintesete de novembro de mil novecentos noventa e oito.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública

10780