Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 232 Luns, 30 de novembro de 1998 Páx. 12.800

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

DECRETO 335/1998, do 27 de novembro, polo que se regulan as áreas funcionais.

O Decreto 65/1997, do 20 de febreiro, polo que se aprobou definitivamente o Mapa Comarcal de Galicia, de acordo coas previsións contidas no artigo 27 da Lei 7/1996, do 10 de xullo, de desenvolvemento comarcal, definiu a delimitación territorial das comarcas de Galicia.

Na actualidade, a consideración da comarca e, así mesmo, a súa agrupación en unidades supracomarcais como ámbito territorial, é demandada tanto polo sector público como polo privado por razóns, fundamentalmente, de tipo funcional e organizativo.

O obxecto que se persegue é servir de marco territorial derivado, adaptado ás necesidades de xestión da organización territorial e funcional, orientado á implantación de estratexias de coordinación; racionalizar unha desconcentración flexible dos servicios administrativos e conseguir unha mellor relación entre eles.

Urxe esta necesidade especialmente debido ás características específicas de determinados departamentos da Administración autonómica, que requiren unha organización territorial que combine a coordinación das accións no territorio coa especialización que a racionalización dos distintos servicios que se queren prestar, esixe. Isto aconsella que exista unha previa coordinación por parte da Consellería de Presidencia e Administración Pública, a través da Secretaría Xeral de Planificación e Desenvolvemento Comarcal, cos diferentes órganos da Administración autonómica o que xustifica a regulación que se acada polo presente decreto.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro da Presidencia e Administración Pública e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia do vintesete de novembro de mil novecentos noventa e oito,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Cando razóns funcionais ou organizativas así o aconsellen, e logo da solicitude das distintas consellerías da Xunta de Galicia para a prestación dos seus servicios ou a realización das súas actividades, poderanse establecer áreas funcionais, adaptándoas ás peculiares necesidades daquelas.

Artigo 2º

Enténdese por área funcional unha agrupación de comarcas en conxuntos territoriais axeitados ás necesidades de cada servicio ou función, configurando unha estructura territorial supracomarcal complementaria para favorece-la xestión coordinada da organización territorial e funcional de Galicia, mantendo sempre as comarcas como unidades territoriais básicas e de referencia.

Artigo 3º

As áreas funcionais articularanse tomando como base a división territorial definida e establecida no Decreto 65/1997, do 20 de febreiro, polo que se aproba con caracter definitivo o Mapa Comarcal de Galicia.

Cada área funcional poderá comprender unha ou varias comarcas das comprendidas no referido Mapa Comarcal de Galicia; e o establecemento dunha, aínda que comprenda varias comarcas, non poderá modificar territorial nin xeograficamente aquelas sobre as que se asenta.

Artigo 4º

As áreas funcionais que se establezan de conformidade co disposto no presente decreto non poderán, en ningún caso, contradici-las demarcacións ou divisións territoriais establecidas por normas de rango legal.

Artigo 5º

O establecemento de áreas funcionais deberá realizarse por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da Consellería da Presidencia e Administración Pública, logo de informe da Secretaría Xeral de Planificación e Desenvolvemento Comarcal e por iniciativa da consellería correspondente por razón da materia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facultase o conselleiro da Presidencia e Administración Pública para desenvolve-lo establecido no presente decreto.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vintesete de novembro de mil novecentos noventa e oito.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública

10799