Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 231 Venres, 27 de novembro de 1998 Páx. 12.757

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 333/1998, do 12 de novembro, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, polo Concello de Valga (Pontevedra), dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de construcción de camiños en Valga, 2ª fase.

O Concello de Valga (Pontevedra), en sesión celebrada o dia 3 de abril de 1996, aprobou o proxecto de construcción de camiños en Valga, 2ª fase e na sesión celebrada o día 25 de maio de 1998 acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa. O concello remitiu a documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 9 de outubro de 1998.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. O dito informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 23 de outubro de 1998.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, porque se trata de mellora-las comunicacións públicas do concello, e por outra banda, dado que o proxecto elaborouse no ano 1995 e que a maior parte das obras xa foron executadas, e que se atopan paralizadas por falta de acordo cos dous propietarios afectados, a demora no seu remate arruinará o xa executado e encarecerá os gastos cun evidente prexuízo tanto para o concello como para os seus habitantes.

A competencia para a declaración da urxente ocupación corresponde ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa

reunión do día doce de novembro de mil novecentos noventa e oito,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, polo Concello de Valga (Pontevedra) para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de construcción de camiños en Valga, 2ª fase.

Santiago de Compostela, doce de novembro de mil novecentos noventa e oito.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús C. Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais

10705