Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 230 Xoves, 26 de novembro de 1998 Páx. 12.698

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

DECRETO 327/1998, do 12 de novembro, polo que se declara a urxente ocupación de bens e dereitos co obxecto de impoñe-la servidume de paso para o establecemento e conservación da liña eléctrica a 20 kV, ó centro de transformación de Lameiro-Corgal, concellos de Negreira e A Baña, provincia da Coruña. (Expediente 96/37).

Unión Eléctrica-Fenosa, S.A., con enderezo para efectos de notificacións na Avda. de Arteixo, 171, 15008 A Coruña, solicitou desta consellería, a concesión dos beneficios de expropiación forzosa e a declaración de urxente ocupación dos terreos afectados pola execución do proxecto de construcción das L.M.T. aérea a 20 kV, con conductor LA-110 sobre apoios de formigón, de 2.508 m de lonxitude, con orixe na subestación de Negreira e remate no último apoio da liña existente que alimenta o C.T. Lameiro-Corgal, no termo municipal de Teo (A Coruña). (Expediente 96/37).

A dita instalación autorizouse, declarouse de utilidade pública e aprobouse o seu proxecto de execución, por resolución da Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio de A Coruña do 31-3-1997, a cal foi obxecto de publicación, inseríndose no DOG do 7 de maio, no BOP da Coruña do 29 de abril, e no BOE do 24 de abril.

A solicitude de urxente ocupación fíxose e tramitouse de acordo co disposto no artigo 31 do Decreto 2619/1966, do 20 de outubro, polo que se aproba o regulamento da Lei 10/1966, do 18 de marzo, de expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas, aplicable a este expediente en virtude do establecido pola disposición transitoria primeira da Lei 40/1994, do 30 de decembro, do sistema eléctrico nacional.

Os anuncios de información pública aberta en función desta petición, coa relación de interesados, bens e dereitos afectados, publicáronse no DOG do 30-3-1998, no BOP da Coruña do 21-3-1998, no xornal El Correo Gallego do 18-3-1998, e nos taboleiros de anuncios das casas do concello de Negreira e A Baña e no da delegación provincial; ó mesmo tempo na forma regulamentaria notificouse individualmente a cada un dos interesados que figuran na dita relación.

Durante o período en que se someteu a trámite de información pública formuláronse as seguintes alegacións:

1. Daniel Dopazo Hombre expón que os auténticos propietarios do predio nº 15 son a súa esposa María Calvo Suárez e o seu irmán José Calvo Suárez; por outra banda, solicita que o trazado da liña se efectúe polo lindeiro do predio, xa que ten a intención de construír unha vivenda, posto que segundo establece o artigo 26 do Decreto 2619/1966 non poderá impoñerse a servidume cando a liña poida instalarse sobre terreos de dominio público.

2. Enrique Carril Teiga, titular do predio nº 18, manifesta que o trazado da liña eléctrica atravesa o seu predio en toda á súa extensión, afecta a construcción dunha vivenda unifamiliar xa proxectada, polo que solicita a variación da liña utilizando terreos de dominio público nos lindeiros do predio, segundo establece o artigo 26 do Decreto 2619/1966, ou ben que o paso se efectúe polo punto menos prexudicial.

3. Benigno Mancebo Rojo, titular do predio nº 20, solicita máis información sobre o lugar por onde vai pasa-la liña eléctrica, xa que ten proxectada a construcción de dúas vivendas unifamiliares.

As alegacións foron remitidas á empresa beneficiaria para a súa contestación.

Á vista da alegación e da resposta a elas por parte da empresa beneficiaria dedúcese que:

1. A empresa beneficiaria procedeu a modifica-la relación de afectados no sentido de incluír como titulares do predio nº 15 a María Calvo Suárez e José Calvo Suárez.

2. Non se poden acepta-las variacións do trazado propostas para os predios nº 15 e 18, xa que non se cumpren conxuntamente os tres requisitos que establece o devandito Decreto 2619/1966 e, ademais, os trazados propostos producirían a afección doutros propietarios non incursos no expediente. Non obstante, cabe dicir que a servidume que se establece non lles impide ós donos dos predios serventes cercalos, plantar ou edificar neles, deixando a salvo a dita servidume.

3. A empresa beneficiaria achegou a información solicitada por Benigno Mancebo Rojo.

Unha vez practicada, por técnicos da delegación provincial da Consellería de Industria e Comercio

da Coruña, a inspección sobre o terreo seguindo o trazado aprobado para a instalación desta liña, púidose comprobar, segundo o certificado emitido ó respecto, que nos bens afectados, sobre os que se solicitan os beneficios de expropiación, para os efectos da servidume, non se dan as limitacións previstas no artigo 56 da Lei 40/1994, do 30 de decembro, de ordenación do sistema eléctrico nacional, que reitera as sinaladas no artigo 6 da Lei 10/1966, do 18 de marzo, e que é aplicable a este expediente en virtude do establecido no punto 2 da disposición transitoria segunda da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, nin lle son de aplicación as prohibicións e limitacións dos artigos 25 e 26 do Decreto 2619/1966, do 20 de outubro, respectivamente.

Considérase xustificada a urxente ocupación solicitada pola compañía Unión Eléctrica-Fenosa, S.A., xa que con esta liña se pretende mellora-la subministración de enerxía eléctrica nos sectores de influencia, debido ás numerosas reclamacións presentadas por cortes e deficiente subministración, aumentando deste xeito a seguridade para as persoas e bens, e debido a que a imposición da servidume de paso, polo procedemento ordinario, faría imposible atende-lo servicio demandado coa celeridade debida.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Industria e Comercio e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día doce de novembro de mil novecentos noventa e oito,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co establecido polo artigo 52 da Lei de expropiación forzosa do 16 de decembro de 1954, declárase a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola servidume de paso, para realiza-la instalación proxectada e proposta por Unión Eléctrica-Fenosa, S.A. da liña eléctrica, a 20 kV ó centro de transformación de Lameiro-Corgal (expediente 96/37), cos efectos e alcance previstos nos artigos 55 e 57 da Lei 40/1994, do 30 de decembro, de ordenación do sistema eléctrico nacional.

Os bens e dereitos a que afecta esta disposición sitúanse no termo municipais de Negreira e A Baña (A Coruña) e son tódolos que figuran na relación presentada pola empresa solicitante dos beneficios de expropiación, que consta no expediente, o cal se someteu a información pública na forma e datas anteriormente descritas.

Santiago de Compostela, doce de novembro de mil novecentos noventa e oito.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Couceiro Méndez

Conselleiro de Industria e Comercio

10599