Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 228 Martes, 24 de novembro de 1998 Páx. 12.607

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLO DE CONTAS DE GALICIA

RESOLUCIÓN do 12 de novembro de 1998 pola que se aproban as bases de axuda ó aluguer da vivenda habitual para 1998.

1. Obxecto da axuda.

O obxecto da axuda que regula estas bases é colaborar nos custos derivados do aluguer da vivenda habitual.

2. Beneficiarios.

O persoal ó servicio do Consello de Contas, que teña custos durante o ano 1998 derivados do aluguer da súa vivenda habitual.

3. Orzamento.

No ano 1998, destinarase a axudas para aluguer de vivenda un importe global de 1.500.000 ptas.

4. Período de cobertura.

O período de cobertura da axuda convocada conforme estas bases estenderase entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 1998. En ningún caso a convocatoria e concesión da axuda orixinará dereitos para exercicios posteriores.

5. Requisitos para a obtención da axuda.

A concesión da axuda estará supeditada ó cumprimento das seguintes condicións:

1. Que o solicitante teña contratado o aluguer con anterioridade ó remate do prazo de presentación de solicitudes de concesión de axuda.

2. Que a vivenda sexa a única que pode ser considerada como habitual do solicitante.

3. Que o solicitante ou o seu conxuxe no posúa vivenda en propiedade no termo municipal de residencia, ou, se é o caso, se xustifique a necesidade do aluguer.

6. Importe individual.

1. O importe que se lle condederá a cada beneficiario virá determinado polo reparto do montante asignado que resulte da aplicación do apartado 3 entre tódolos solicitantes que cumpran os requisitos establecidos, ata un máximo de 180.000 ptas.

2. Cando a suma do importe a percibir supere a renda anual do aluguer, minorarase pola diferencia que resulte.

3. No suposto de que o período de servicios prestados no Consello de Contas polo solicitante sexa inferior ó período de cobertura a axuda reducirase proporcionalmente ó tempo prestado.

7. Incompatibilidades.

A axuda establecida nestas bases é incompatible coa percepción por parte do beneficiario ou do seu cónxuxe doutra á vivenda, calquera que sexa a súa natureza, concedida por outro organismo oficial ou empresa privada agás que fose de contía inferior; neste caso se se acredita documentalmente a súa natureza e contía poderá solicitarse a diferencia ata a cantidade que en cada caso, corresponda. En todo caso deberá presentarse certificación do importe anual percibido, expedido polo organismo correspondente.

Esta axuda é incompatible coa axuda para a adquisición da vivenda establecida polo Consello de Contas durante o mesmo período.

8. Procedemento de solicitude.

As solicitudes dirixiranse ó conselleiro maior e presentaranse no modelo que figura como anexo I destas bases no rexistro xeral do Consello de Contas no prazo de quince días contados desde ó seguinte ó da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia.

9. Documentación.

a) Copia cotexada do contrato de arrendamento da vivenda.

b) Declaración responsable do solicitante na que se faga constar que a vivenda para a que solicita a axuda por aluguer constitúe a súa residencia habitual.

c) Certificación de residencia.

d) Comprobantes de pagamento do aluguer da vivenda desde o 1 de xaneiro de 1998 ata a data de presentación da solicitude de axuda.

e) Os beneficiarios destas axudas terán que acreditar como requisito previo ó pagamento, que se atopan ó corrente das súas obrigas tributarias e sociais e que non teñen pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma nos supostos e dentro dos límites establecidos na lei.

10. Resolución e interpretación.

1. As solicitudes de axuda para aluguer da vivenda habitual serán resoltas pola Comisión de Goberno logo de informe do secretario xeral de que se axustan ás presentes bases.

2. O secretario xeral poderá solicitar do interesado a ampliación ou aclaración da documentación aportada e da súa adecuación á requerida nestas bases. A súa non presentación será motivo de denegación da axuda, previo acordo da Comisión de Goberno.

3. O órgano encargado de interpretar estas bases e de resolve-las dúbidas que se susciten na súa aplicación será a Comisión de Goberno.

11. Xustificación.

Os documentos a presentar coa instancia, servirán de xustificación, sen prexuízo dos actos de comprobación que poida establecer o órgano resolutorio.

12. Pagamento.

As axudas concedidas consonte estas bases seranlle aboadas ó interesado con cargo á conta bancaria pola que percibe as súas retribucións, ou en calquera outra que el solicite.

Santiago de Compostela, 12 de novembro de 1998.

Carlos G. Otero Díaz

Conselleiro maior

10595