Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 227 Luns, 23 de novembro de 1998 Páx. 12.568

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 28 de outubro de 1998 pola que se nomean funcionarios en prácticas do corpo de profesores de ensino secundario, profesores técnicos de formación profesional, profesores de música e artes escénicas, profesores e mestres de taller de artes plásticas e deseño os opositores que superaron os procedementos selectivos convocados por Orde do 15 de abril de 1998 (DOG do 24) e están ocupando vacante dotada orzamentariamente.

Por Orde do 15 de abril de 1998 (DOG do 24) convocáronse procedementos selectivos de ingreso e acceso ós corpos de profesores de ensino secundario, profesores técnicos de formación profesional, profesores de música e artes escénicas, profesores e mestres de taller de artes plásticas e deseño en expectativa de ingreso na Comunidade Autónoma de Galicia.

O punto 1 da base común 12 da citada orde establece que as prácticas terán por obxecto a valoración das aptitudes didácticas dos aspirantes que aprobaron a fase de oposición, realizándose nos destinos provisionais que lles corresponda co desempeño da función docente con plena validez académica.

Na súa virtude, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

DISPÓN:

Primeiro.-Nomear funcionarios en prácticas dos corpos de profesores de ensino secundario, profesores técnicos de formación profesional, profesores de música e artes escénicas, profesores e mestres de taller de artes plásticas e deseño os opositores que se relacionan nos anexos II, III, IV, V e VI da Orde do 11 de agosto de 1998 (DOG do 21).

Segundo.-O nomeamento como funcionario en prácticas producirá efectos económicos e administrativos da data na que comezou o curso académico 1998-1999, agás para os que estiveran prestando servicios coma interinos no curso 1997-1998, que será do 1 de outubro de 1998 e tamén para os que tomaron posesión con posterioridade á citada data.

Terceiro.-O réxime retributivo dos funcionarios en prácticas será o establecido no Real decreto 456/1986, do 10 de febreiro, (BOE do 6 de marzo), polo que se fixan as retribucións dos funcionarios en prácticas.

Cuarto.-Os funcionarios en prácticas que xa estean prestando servicios remunerados na Administración como funcionarios de carreira ou interinos, contratados administrativos ou como persoal laboral, sen prexuízo da situación administrativa ou laboral que de acordo coa normativa vixente lles corresponda, deberán formular opción pola percepción das remuneracións durante a súa condición de funcionarios

en prácticas de conformidade co disposto no Real decreto 456/1986, do 10 de febreiro (BOE do 6 de marzo).

Quinto.-A Dirección Xeral de Persoal adoptará tódalas medidas e instruccións que sexan necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Santiago de Compostela, 28 de outubro de 1998.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria

10351