Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 226 Venres, 20 de novembro de 1998 Páx. 12.523

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 14 de setembro de 1998, da Dirección Xeral de Industria, pola que se lle autoriza a instalación dunha planta de coxeración de enerxía eléctrica á empresa Papelera de Brandía, S.A., no concello de Santiago de Compostela. (Expediente 97/770).

Visto o escrito presentado con data do 4 de febreiro de 1998 pola empresa Papelera de Brandía, S.A., con enderezo para efectos de notificacións en Vidán, 132, 15897 Santiago de Compostela, polo que solicita a autorización administrativa dunha planta de coxeración que se vai instalar no concello de Santiago de Compostela, esta dirección xeral ten en conta os seguintes feitos:

Primeiro.-Con data do 9 de decembro de 1997, a planta de coxeración de enerxía eléctrica prevista pola empresa Papelera de Brandía, S.A. foi incluída no réxime especial creado polo R.D. 2366/1994, do 9 de decembro, sobre producción de enerxía eléctrica por instalacións hidráulicas, de coxeración e outras abastecidas por recursos ou fontes de enerxía renovables, dictada en desenvolvemento da Lei 82/1980, do 30 de decembro, sobre conservación de enerxía.

Segundo.-As características básicas da planta de coxeración prevista serán as seguintes:

-Cinco grupos moto-xeradores de 998 kW c/u, alimentados por gas natural, potencia activa 972 kWe, cos seus equipos de protección e control, transformación e ensamblaxe.

-Intercambiadores de calor, caldeira de recuperación de calor gases-auga.

-Potencia eléctrica total 4.860 kWe.

Terceiro.-De conformidade co establecido no Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, sobre autorización de instalacións eléctricas, de aplicación ó presente expediente en virtude do establecido na disposición transitoria primeira da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, a Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio da Coruña dictou Resolución do 13 de febreiro de 1998 pola que se someteu a información pública a autorización administrativa da instalación de referencia, que se publicou no DOG do 12-3-1998 e no BOP da Coruña do 18-3-1998, sen que se presentase no período legalmente establecido para iso alegación ningunha.

Cuarto.-Do proxecto emitiu informe favorable a Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio da Coruña e cumpre coas esixencias regulamentarias fixadas no Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, e coas demais que son de aplicación.

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-A Dirección Xeral de Industria é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia, o Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, o Decreto 132/1982, do 4 de novembro, e o Decreto 99/1998, do 26 de marzo, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Industria e Comercio, en relación co Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, sobre autorización de instalacións eléctricas e o Real decreto 2366/1994, do 9 de decembro.

Segundo.-No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

Esta dirección xeral, de acordo con todo o que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas,

RESOLVE:

Autoriza-la instalación dunha planta de coxeración á empresa Papelera de Brandía, S.A., que se vai situar nas súas instalacións do termo municipal de Santiago de Compostela, na provincia da Coruña.

Calquera modificación das instalacións autorizadas requirirá unha nova solicitude de autorización administrativa, de acordo co indicado no Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, que fixa o réxime de instalación, ampliación e traslado das industrias en xeral.

O promotor presentará perante a Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio da

Coruña, no prazo dun ano contado a partir da data de publicación no DOG da presente resolución, o proxecto de execución da planta de coxeración autorizada, o cal conterá os datos e condicións técnicas para a realización das instalacións de conexión da central á rede, que serán facilitados pola empresa que distribúa enerxía eléctrica na zona, así como o punto de interconexión.

Como requisito necesario para a aplicación á citada instalación do réxime especial, o promotor deberá inscribila no Rexistro de Instalacións de Producción de Enerxía Eléctrica en Réxime Especial da Comunidade Autónoma de Galicia, creado pola orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xullo de 1995 (DOG do 14 de xullo), para o que acreditará o cumprimento das condicións previstas no artigo 11 do R.D. 2366/1994, presentando a documentación que figure nas instruccións que dicte esta dirección xeral en desenvolvemento da dita orde.

Así mesmo, a instalación interconectarase co sistema centralizado para que o réxime especial estableza, se é o caso, a Dirección Xeral de Industria.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpor recurso ordinario perante o conselleiro de Industria e Comercio da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día da súa publicación.

Santiago de Compostela, 14 de setembro de 1998.

Joaquín del Moral Crespo

Director xeral de Industria

10440