Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 226 Venres, 20 de novembro de 1998 Páx. 12.484

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

DECRETO 309/1998, do 6 de novembro, polo que se regulan os procesos de selección para o acceso a prazas de persoal estatutario, sanitario non facultativo e non sanitario, das institucións sanitarias do Servicio Galego de Saúde, con aprobación das ofertas públicas de emprego do organismo para os anos 1998-2000.

Tralas transferencias operadas en materia de asistencia sanitaria con efectos do 1 de xaneiro de 1991, a Comunidade Autónoma de Galicia vehiculou unha oferta pública de emprego para acceso das categorías de persoal sanitario non facultativo e non sanitario. Tal oferta formalizouse en virtude do Decreto 74/95, do 10 de marzo.

No citado decreto fixábase o número de prazas da oferta e establecíanse as bases que rexen a convocatoria de acceso dos aspirantes. Como sistema de selección determinábase o concurso-oposición, configurado cunha fase de oposición de carácter eliminatorio e unha de concurso prevista para os aspirantes que superasen a anterior fase.

En execución do citado decreto, convocáronse e foron resoltas as convocatorias das categorías ofertadas, coa ulterior toma de posesión dos aspirantes definitivamente aprobados.

O proceso de selección aludido desenvolveuse de xeito pacífico e ordenado, máis con certa lentitude por mor da complexidade e amplitude do sistema instaurado e de se tratar do primeiro proceso vehiculado pola Comunidade Autónoma. Ademais, accederon, con carácter fixo, ó sistema, un número de profesionais que, sendo amplo, non resolve a cobertura estable das categorías afectadas nas II.SS. da rede do Sergas. Igualmente a oferta non abarcou a totalidade das categorías actualmente existentes con virtualidade prestacional nas institucións sanitarias, xa que restan varias categorías non ofertadas, por mor da súa creación e configuración posterior, ou da necesidade de seren transformadas noutras categorías estatutarias para cubri-las necesidades que van xurdindo nas institucións colexidas da súa propia dinámica no devir delas.

Precisamente, para atender e procurar unha saída plausible a tales carencias, a administración sanitaria e as organizacións sindicais representadas na Mesa Sectorial do Persoal Sanitario asinaron un pacto de conformidade co previsto na Lei 9/1987, do 12 de xuño, de órganos de representación, determinación das condicións de traballo e participación do persoal ó servicio das administracións públicas,

que contén un plan de actuación sobre os procesos de provisión e selección de persoal estatutario das II.SS. do Sergas con vixencia ata o 31 de decembro do ano 2000.

Este plan procura, en puridade, dous apuntamentos: un relativo a acadar un grao importante de satisfacción do desexo de mobilidade por traslado dos profesionais propietarios, a través de varios concursos convocados e resoltos ata a data final de vixencia; e outro concernente á convocatoria de procesos selectivos axeitados á situación e necesidades das II.SS. do Sergas, que posibiliten a consecución dun emprego fixo e estable nun alto grao para esas II.SS. durante o prazo de vixencia do plan.

Cómpre, logo, co rango normativo axeitado, establece-los alicerces do sistema e contido básico suficiente para vehicular, na secuencia pactada, as convocatorias dos procesos selectivos, así como o número de prazas ou regras que determinen a súa contía para os citados procesos selectivos ata a súa ultimación o 31 de decembro do ano 2000.

O tratamento da materia principia pola fixación das categorías que van ser obxecto da convocatoria nunha primeira fase ou sucesivas. Para este fin resulta preciso ter en conta as categorías que xa foron obxecto do anterior proceso selectivo e que ademais se presentan como incuestionables para o futuro das institucións sanitarias pola súa plena imbricación coas necesidades prestacionais do sistema. Xa que logo, as devanditas categorías serán convocadas nos próximos procesos selectivos.

Outras categorías actualmente existentes e con algún desenvolvemento nas II.SS. requiren dunha análise máis sosegada e profunda da que se colixa o seu mantemento no futuro por adecuarse ós requirimentos da organización ou á súa amortización e transformación noutras que cohonestan mellor cos actuais e futuros predicamentos desa organización. Así é o caso, ora de determinado persoal incluído no amplo grupo de técnicos superiores, onde se sitúan profesións varias, aparentemente incuestionables, coincidentes coas necesidades debidamente constatadas nas institucións ou nalgunha delas, como é o caso dos bibliotecarios, xornalistas, informáticos superiores, ou outras de imposible encaixamento na actualidade ata a súa definitiva consideración como persoal sanitario e, se é o caso, localización correspondente dentro das especialidades dos facultativos, como ocorre na actualidade cos psicólogos clínicos, químicos ou biólogos. E ora da categoría do grupo administrativo da función administrativa

de difícil aceptación na actualidade ó confundirse, ou ben coa categoría inferior de auxiliar administrativo, ou ben con funcións estrictamente de carácter informático, ou finalmente coa superior do grupo de xestión e incluso técnico, pero en todo caso carente do contido

prístino, por ter perdido a súa identidade propia e autonomía funcional no eido das II.SS.

Tal proceder corresponde tamén con outras categorías de oficios que requiren a súa refundición nunha única de contido máis racional e unitario, ou simple transformación noutras máis actualizadas ás demandas das II.SS.

Loxicamente, a solución que se aplique esixirá dun certo tempo de estudio e debate para chegar ó resultado propugnado.

Ademais, neste momento, concorren outras categorías xa plenamente instauradas no sistema e de pacífica aceptación, como é o caso dos profesionais logopedas, hixienistas dentais, persoal de servicios xerais, amén dunha tradicional e incuestionable categoría non ofertada con anterioridade, cal é a das profesionais matronas.

Outra das cuestións relevantes que serán obxecto de tratamento no texto da presente norma corresponde á plasmación do sistema de acceso, que ratifica o tradicional e pacificamente mantido non só no eido do noso servicio, senón do resto do Sistema, de concurso-oposición. Como configuración del establécense as características definidoras da fase de oposición e de concurso, co apuntamento para a primeira de acadar unha execución áxil e simplificada do proceso que elimine trámites e trabas innecesarias, sen preteri-la solvencia e rigor precisos do réxime de selección e para a segunda, de ter en debida estima determinados méritos acreditados polos aspirantes que xa veñen gozando de virtualidade no acceso temporal ás II.SS. a través do sistema de selección vixente para o noso organismo. Se ben, como resulta imperativo, para a acreditación e valoración deses méritos esixirase o indefectible rigor e solvencia por mor da entidade que se lles outorga para o resultado do proceso selectivo.

Prevese igualmente a posibilidade de que os aspirantes seleccionados das categorías que resulten pertinentes polo seu contido prestacional cohonestado coa formación esixida para o acceso, desenvolvan e superen un curso de formación teórico-práctico en institución acreditada, que facilite o seu entronque máis axeitado coa organización do traballo nas II.SS. de destino. Esta previsión goza de evidente predicamento no eido das administracións públicas e no máis específico do sector sanitario, tendo en conta a especial complexidade e idiosincrasia dos cometidos que se desenvolven nel.

Tamén resulta de verdadeira importancia a atención, xa prestada na anterior oferta, ó acceso pola quenda de promoción interna, que patentiza a consideración que merece, e debe verse debidamente reflectida, o persoal fixo que pretende promocionarse a outras categorías estatutarias. Así se plasma no texto, co establecemento da reserva dun número de

prazas para a cobertura por esta modalidade e determinada adición ós méritos da fase de concurso, sen que iso implique menoscabo da seriedade e esixencia que informa a globalidade do modelo que se está a aplicar para o acceso ás II.SS. do Sergas.

Os temarios que rexerán a fase de oposición serán substancialmente os mesmos cós da anterior O.P.E., sen menoscabo, como se expuxo, da simplificación dos exercicios para unha maior axilidade na execución do proceso. No caso das categorías que non foron obxecto da anterior O.P.E. e, xa que logo, carecen neste momento de temarios, estes confeccionaranse coa maior brevidade posible e publicaranse canto antes, para coñecemento dos aspirantes interesados.

Igualmente, convén subliña-la referencia que se fai no plan á posibilidade de vehicula-la oferta ou ofertas co ámbito territorial de área sanitaria en correspondencia co sistema de selección temporal vixente, na procura de que os aspirantes accedan ós centros sanitarios coincidentes coas súas querencias ou necesidades de residencia.

Emporiso, o teor do plan refire que tal modalidade territorial de acceso debe ser necesariamente valorada co rigor e profundidade precisos e, de resultar conveniente, tralo proceso de análise, fixala como sistema no momento que resulte máis plausible. Por iso convén adia-la execución, se cabe, desta modalidade a unha ulterior fase, xa executado o primeiro concurso de traslados e, por ende, coñecidas as demandas dos solicitantes e o seu volume.

Finalmente, procede sinalar que a presente regulamentación non afecta o proceso selectivo de prazas de atención primaria sobre das categorías reflectidas no Decreto 186/97, do 3 de xullo, que regula o proceso de provisión e selección no ámbito do dito nivel asistencial.

En consecuencia, por proposta do conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais, trala negociación coa representación sindical no seo da Mesa Sectorial de Negociación do Persoal Sanitario ó servicio da Comunidade Autónoma e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día seis de novembro de mil novecentos noventa e oito,

DISPOÑO:

Artigo 1º

1. Pola presente disposición apróbanse as ofertas de emprego públicas de persoal estatutario das II.SS. do Sergas para os anos 1998-2000.

2. A contía da oferta para o ano 1998 ascende a un número de prazas garantido de 1.246, que se incrementará coas que resulten vacantes dos procesos de provisión por traslado, vehiculados por mor

da Resolución do 9 de xullo do ano que corre da División de Recursos Humanos do Sergas, que fai pública a convocatoria do concurso voluntario de traslados (DOG nº 136, xoves 16 de xullo 1998) e pola vindeira do primeiro trimestre do ano 1999 consonte prevé o plan de provisión e selección de persoal estatutario sanitario non facultativo e non sanitario de II.SS. do Sergas (DOG nº 132, venres 10 de xullo de 1998).

As prazas correspondentes a cada categoría, respecto á primeira das convocatorias da oferta citada, figuran reflectidas no anexo da presente disposición.

3. No primeiro trimestre do ano 2000 formalizarase unha segunda convocatoria que abranguerá un número de prazas nunha porcentaxe mínima garantida do 50% das acreditadas e debidamente orzadas como vacantes o 31 de decembro de 1999, co engadido das non cubertas no proceso de provisión que se vehicule nese ano de conformidade co establecido no plan de referencia.

4. Con tales previsións, o Sergas formalizará as correspondentes convocatorias de acceso.

Artigo 2º

1. A presente disposición inclúe no seu ámbito o volume da oferta e sistema de acceso ás prazas das categorías de persoal sanitario non facultativo e non sanitario das II.SS. do Sergas.

2. Quedan excluídas dela as correspondentes a aquelas categorías estatutarias que, para o nivel de atención primaria, reflicte o Decreto 186/1997 do 3 de xullo, polo que se regulan os procesos de provisión de prazas e selección de persoal estatutario no ámbito de atención primaria, que seguirá ese especial réxime.

3. As convocatorias dos dous procesos selectivos e bases que os sustenten, que respectarán necesariamente os principios de igualdade, mérito e capacidade no acceso, serán dispostas polo Servicio Galego de Saúde e publicadas no DOG para as categorías obxecto delas. En todo caso deberán axustarse ás presentes previsións e ós preceptos básicos contidos no Real decreto 118/1991, do 25 de xaneiro, sobre selección e provisión de prazas de persoal estatutario.

Artigo 3º

1. As categorías que serán obxecto de oferta, así como o número de prazas de cada unha delas concernentes ó primeiro proceso, refírense no anexo ó presente decreto.

2. Na primeira convocatoria do proceso selectivo incluiranse unicamente as devanditas categorías. Emporiso, resulta perentorio o tratamento e resolución da problemática concorrente neste momento para outras categorías ou profesións actualmente

existentes nas II.SS., como técnicos superiores, grupo administrativo da función administrativa e algunha de oficios, a complexidade das cales foi aludida pormenorizadamente na exposición de motivos do presente decreto. Unha vez resolta esta e configuradas axeitadamente para o seu desenvolvemento prestacional futuro nas II.SS., as categorías que resulten incorporaranse ó segundo proceso selectivo xa indicado.

3. Tódalas prazas que se inclúan nos procesos selectivos terán a condición de prazas básicas da correspondente categoría de persoal estatutario.

Artigo 4º

1. O sistema instaurado para a selección dos aspirantes de tódalas categorías comprensivas dos procesos selectivos que abrangue o presente decreto será o concurso-oposición.

2. A valoración da fase de concurso non poderá exceder do 40% da puntuación máxima atinxible na fase de oposición.

Na fase de concurso valoraranse os servicios prestados na categoría estatutaria á que se acceda nunha institución sanitaria do Sistema Nacional de Saúde, de acordo co previsto nas bases das convocatorias. A puntuación máxima por tal experiencia profesional acreditada será do 35% do total da fase de oposición.

Igualmente, valorarase a formación continuada e profesional dos aspirantes que acrediten trala obtención do título habilitador para o acceso á praza, nos termos sinalados nas bases das convocatorias. A puntuación máxima será dun 5% da total da fase de oposición.

3. En ningún caso a puntuación da fase de concurso poderá ser tida en conta para supera-los exercicios da fase de oposición.

Artigo 5º

1. A fase de oposición consistirá na realización polos aspirantes dos exercicios de carácter eliminatorio, nos termos que refira a correspondente convocatoria, segundo se especifica de seguido:

a) Para os grupos A e B da función administrativa, persoal técnico e de xestión, consistirá en tres exercicios eliminatorios, un deles necesariamente de carácter práctico.

b) Para o resto dos grupos A e B, de persoal sanitario non facultativo e persoal non sanitario, consistirá en dous exercicios eliminatorios, un deles necesariamente de carácter práctico.

c) Para as categorías dos grupos C, D, E, de carácter sanitario non facultativo e non sanitario consistirá igualmente en dous exercicios eliminatorios, comprensivos de dúas probas tipo test, unha de carácter teórico e outra de carácter práctico. As convocatorias

poderán excepcionar este sistema de exame para as categorías de auxiliar administrativo e persoal de servicios xerais, no relativo á proba práctica, consistindo, no seu lugar, na realizacion dun exercicio de manexo de ordenador, ou doutra proba a través da que se evidencie o coñecemento polos aspirantes da materia informática e da súa aplicación. Igualmente poderá excepcionarse nas convocatorias a proba práctica, establecida con carácter xeral, para as profesións que impliquen execución dun oficio, substituíndoa por outra de desenvolvemento práctico das funcións correspondentes á categoría de que se trate.

2. Para considerar superado cada exercicio da fase de oposición esixirase a obtención dunha porcentaxe do 50% do total da puntuación máxima fixada para a súa valoración.

Nas probas tipo test, poderán valorarse como negativas as respostas erróneas, nos termos establecidos nas convocatorias.

3. Os programas que rexeran a fase de oposición serán, substancialmente, os mesmos que xa se tiveron en conta nos anteriores procesos selectivos, vehiculados consonte a oferta pública de emprego aprobada polo Decreto 74/1995, do 10 de marzo, para as categorías incluídas nela.

Respecto ás categorías non obxecto do anterior proceso selectivo, matronas, persoal de servicios xerais, logopeda e hixienistas dentais, os citados programas que regulan a fase de oposición, publicaranse no DOG antes da convocatoria. Así mesmo, de existir algunha modificación dos programas das categorías referidas no primeiro parágrafo deste punto, publicarase do mesmo xeito no DOG.

Igual tratamento se predicará das outras categorías determinadas definitivamente tralo proceso de estudio e debate ó que se fixo mención, que serán obxecto, necesariamente, do segundo proceso selectivo.

4. Na primeira convocatoria do proceso selectivo que se formalice e vehicule trala entrada en vigor do presente decreto ofertaranse as prazas, con carácter global, sen especificación das áreas sanitarias onde se encontren. Deste xeito o destino definitivo dos aspirantes resultará da petición que formulen con base na orde de prelación derivada da puntuación final obtida no proceso selectivo, sobre das prazas determinadas na derradeira fase do dito proceso por centros ou complexos hospitalarios, ou centros de xestión de atención primaria.

O anterior sistema non empece que no segundo proceso se poida articular unha modalidade de acceso con oferta de prazas nun ámbito territorial de área sanitaria. Isto, de aplicarse, traduciríase na dis

posición dun número de prazas das categorías afectadas por cada unha das áreas sanitarias da Comunidade Autónoma de Galicia, ás que poderían concorre-los aspirantes nos termos previstos na convocatoria. Na derradeira fase do proceso selectivo determinaríanse as prazas por centro ou complexo hospitalario ou centro de xestión de atención primaria que escollerían os aspirantes aprobados nas áreas sanitarias dese ámbito pola orde de puntuación final acreditada.

5. O contido das probas da fase de oposición do proceso selectivo adecuarase ás funcións que se van desenvolver que conformen, en puridade, o eido prestacional da categoría estatutaria convocada.

Artigo 6º

Para lle dar cumprimento á normalización do idioma galego e para garanti-lo dereito dos usuarios dos distintos servicios sanitarios do Sergas ó uso de tal lingua, así como para a promoción do seu manexo por parte dos poderes públicos de Galicia, terá que demostrarse o coñecemento do idioma galego nos termos que establezan as correspondentes convocatorias.

Artigo 7º

Naquelas categorías que se prevexa expresamente nas convocatorias formalizadas, os aspirantes que superen o proceso selectivo deberán realizar, coas condicións e nas circunstancias que se refiran, un curso selectivo de carácter teórico-práctico, impartido pola Escola Galega de Administración Sanitaria, logo da súa convocatoria pola División de Recursos Humanos do Servicio Galego de Saúde.

Unha vez superado con declaración de aptitude ó dito curso, os aspirantes seleccionados serán nomeados persoal estatutario fixo do Sergas e tomarán posesión das súas prazas na forma prevista na respectiva convocatoria.

Artigo 8º

1. Nos termos previstos nas correspondentes convocatorias e con respecto á lexislación básica contida nos artigos 14 e 15 do Real decreto 118/1991 do 25 de xaneiro, poderá reservarse ata un máximo do 25% das prazas convocadas para súa provisión polo sistema de promoción interna.

2. A fase de oposición polo sistema de promoción interna terá o mesmo contido cá fase de oposición das probas de selección polo sistema xeral de acceso libre.

3. Na fase de concurso, os aspirantes que concorran polo sistema de promoción interna terán dereito a unha puntuación adicional que se outorgará atendendo fundamentalmente ó contido funcional da

categoría estatutaria de procedencia, así como os servicios prestados nela con praza en propiedade e o desempeño, se é o caso, de postos específicos da estructura das institucións sanitarias.

O máximo da puntuación adicional á que se refire o parágrafo anterior non poderá exceder do 15% da puntuación máxima posible do conxunto dos exercicios da fase de oposición.

4. As prazas non cubertas pola quenda de promoción interna incrementaranse, se é o caso, ás convocadas pola quenda de acceso libre.

Artigo 9º

1. De acordo co establecido na Lei 13/92, do 7 de abril, de integración social de minusválidos, na oferta de emprego público, serán admitidas as persoas con minusvalidez en igualdade de condicións que os demais aspirantes.

2. Nas convocatorias establecerase unha reserva para os que teñan a condición legal de persoas con minusvalidez acreditada polo organismo público correspondente, do 3% da totalidade das prazas convocadas.

3. As prazas que non resulten así cubertas incrementaranse, de se-lo caso, ás convocadas pola quenda de acceso libre.

Artigo 10º

Nas respectivas convocatorias acordarase o pertinente para a posible descentralización das probas selectivas e a existencia, se é o caso, dun ou varios tribunais cualificadores delas. Igualmente poderase acorda-la creación de tribunais coordinadores do resto dos tribunais que se constitúan na Comunidade Autónoma.

Así mesmo, nos tribunais que se conformen figurará, alomenos, un representante das organizacións sindicais asinantes do pacto sobre o plan global de provisión e selección ó que se fixo referencia.

Artigo 11º

En todo o non previsto neste decreto e nas correspondentes convocatorias rexerán, con carácter supletorio, os preceptos non básicos do Real decreto 118/1991, do 25 de xaneiro.

Disposición adicional

O proceso de determinación das categorías estatutarias ás que se refire o artigo terceiro número dous deste decreto, que serán obxecto da segunda convocatoria do proceso selectivo, deberá resolverse, para tódolos efectos, nun prazo non superior a seis meses a contados desde a entrada en vigor da presente disposición.

Disposición derradeira

O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, seis de novembro de mil novecentos noventa e oito.

P.S. (Decreto 287/1998, do 22 de outubro)

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Presidente

José Mª Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais

ANEXO

Prazas que se convocan na oferta de emprego 1998.

CategoríaOferta

ATS338

Matrona3

Fisioterapeuta7

TER19

TEL24

TAP7

Hixienista11

Auxiliar enfermería254

Total663

Grupo técnico función administrativa7

Grupo xestión11

Asistente social13

Profesor logofonía e logopedia3

Auxiliar administrativo162

Celador250

Cociñeiro7

Pinche77

Persoal servicios xerais53

Total583

Total1.246

10467