Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 223 Martes, 17 de novembro de 1998 Páx. 12.334

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

ORDE do 6 de novembro de 1998 pola que se modifica a Orde do 23 de xullo de 1998, pola que se establecen as medidas necesarias para a aplicación, na Comunidade Autónoma de Galicia, do programa de abandono voluntario e definitivo da producción leiteira.

O Real decreto 1486/1998, do 10 de xullo, sobre modernización e mellora da competitividade do sector lácteo estableceu, na súa disposición adicional terceira, un programa nacional de abandono voluntario, definitivo e indemnizado da producción leiteira para o período 1998/1999; diponse, no seu artigo 7.2º, que o prazo para a presentación das solicitudes de indemnización sería de dous meses a partir da publicación do programa de abandono no Boletín Oficial del Estado.

Ó abeiro do citado Real decreto 1486/1998, a Orde da consellería, do 23 de xullo de 1998, pola que se estableceron as medidas necesarias para a aplicación, na Comunidade Autónoma de Galicia, do programa de abandono voluntario e definitivo da producción leiteira (DOG nº 145, do 29 de xullo) dispuña, no seu artigo 3, parágrafo 3º, que o prazo de presentación de solicitudes para acollerse ó programa nacional de abandono durante o período 1998/1999 remataría o 12 de setembro de 1998.

Posteriormente, o Real decreto 1931/1998, do 11 de setembro (BOE nº 219, do 12 de setembro), ampliou o prazo de presentación de solicitudes, establecido no devandito Real decreto 1486/1998, polo que, por orde da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria do 14 de setembro de 1998 (DOG do 15 de setembro) se ampliou, tamén

o antedito prazo de presentación de solicitudes ata o 31 de outubro deste ano.

Mais, por Orde do 30 de outubro de 1998, do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, volveuse amplia-lo devandito prazo de presentación de solicitudes ata o 30 de novembro do ano que corre, ademais de establecerse un prazo máximo para a xustificación do cumprimento de determinados requisitos, antes do aboamento da axuda por parte dos beneficiarios.

En consecuencia, de acordo co disposto no artigo 31.1º.3ª do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

RESOLVO:

Artigo único.-Modifícanse os artigos 3.3º e 8.1º da orde da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, do 23 de xullo de 1998, pola que se establecen as medidas necesarias para a aplicación, na Comunidade Autónoma de Galicia, do programa de abandono voluntario e definitivo da producción leiteira, que quedan redactados do seguinte xeito:

«3.3º. O prazo de presentación rematará o 30 de novembro de 1998.

8.1º. No prazo de 2 meses desde a notificación da resolución de concesión da axuda e, en todo caso, antes do 31 de marzo de 1999, os beneficiarios deberán acreditar debidamente o cumprimento do seguinte:».

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de novembro de 1998.

Cástor Gago Álvarez

Conselleiro de Agricultura, Gandería

e Política Agroalimentaria

10283