Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 222 Luns, 16 de novembro de 1998 Páx. 12.311

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN LOCAL

CONCELLO DE FENE

EDICTO.

A Corporación Municipal, en sesión ordinaria celebrada con data do 8 de xaneiro de 1998, prestou aprobación ás normas para a creación e o funcionamento do Rexistro Municipal de Parellas Non-Casadas no Concello de Fene; o seu texto é o seguinte:

Normas para a creación e o funcionamento do Rexistro Municipal de Parellas Non-Casadas no Concello de Fene.

O libre desenvolvemento da personalidade e a igualdade ante a lei, que constitúen principios fundamentais do noso ordenamento xurídico e social, demandan de tódolos poderes públicos a promoción das condicións para que esa liberdade e igualdade dos cidadáns e dos grupos nos que se integran sexan reais e efectivas, debendo ser removidos os obstáculos que impidan ou dificulten a súa plenitude (artigos 1.1º, 9.2º, 10.1º e 14 da Constitución española).

Todo home e toda muller, no libre e lexítimo exerncicio da súa autonomía personal, ten dereito a constituír, mediante unha unión efectiva e estable, unha comunidade de vida que, completada ou non con fillos, dea lugar á creación dunha familia, cunha protección social, económica e xurídica que debe ser asegurada polos poderes públicos (artigo 39.1º da Constitución).

O matrimonio é a forma institucionalizada na que historicamente se manisfestou esa unión efectiva estable, pero hoxe os modos de convivencia exprésanse de xeito moi plural e existen moitas parellas que optan, ou se ven obrigadas, por establece-la súa comunidade permanente de vida-é dicir, poderán

crear unha familia-á marxe do matrimonio, sen que por isto deban estimarse de peor calidade humana e social as súas relacións persoais, ou de menor entidade xurídica as súas obrigas paterno-filiais.

Entre parellas-que constitúen unións non matrimoniais- e as familias que delas derivan, deben gozar da mesma protección social, económica e xurídica que as unións matrimoniais e as familias por elas orixinadas, co fin de garanti-lo respecto e a promoción dos devanditos principios fundamentais do libre desenvolvemento da personalidade e da igual de tódolos cidadáns.

Esa protección constitucional debe alcanzar, polos mesmos fundamentos, a unións estables e efectivas, constituídas por parellas do mesmo sexo, unha vez superados os inxustificables reparos morais que viñeron marxinando, incluso criminalizando os que, pola súa conxénita orientación sexual, demandan unha vida en común con outra persoa do mesmo sexo, situación absolutamente ignorada aínda no noso ordenamento xurídico.

A resposta legal e xurídica a esta realidade social de unións non matrimoniais é tímida, vacilante, incompleta, fragmentaria e, en demasiadas ocasións, contradictoria. Isto supón para moitos cidadáns situacións de auténtico desamparo xurídico, e de penosas inxustizas, en ámbitos tan distintos como o civil, o administrativo, o fiscal e o social ou penal.

A esixencia constitucional de igualdade e liberdade está dirixida a tódolos poderes públicos e por iso, mentres non se promulguen as disposicións legais pertinentes, e sen prexuízo de aplicación analóxica ou dunha interpretación xudicial acorde coa realidade social do noso tempo (artigos 3 e 4 do Código Civil), parece procedente ofrecer, aínda no reducido ámbito da Administración municipal, un instrumento xurídico que favoreza a igualdade e garanta a protección social, económica e xurídica das familias constituídas mediante unións non matrimoniais.

Para tal efecto, establécense as seguintes normas.

Artigo 1º

Créase no Concello de Fene o Rexistro Municipal de Parellas Non-Casadas, que terá carácter administrativo e efectos unicamente para o desenvolvemento da acción pública promocional e prestacións municipais en calquera ámbito da vida política, económica, cultural e social no que se proxecten as competencias ou potestades locais. A inscrición neste rexistro será voluntaria.

Artigo 2º

No Rexistro Municipal de Parellas Non Casadas inscribiranse voluntariamente as declaracións de constitución de unións non matrimoniais de convivencia entre parellas, incluso do mesmo sexo, para as que a inscrición terá vixencia dun ano contado a partir da data da alta no rexistro, se antes non

se produce baixa por pedimento de calquera dos membros que forman a parella.

Transcorrido un ano, se á parella lle interesa continuar no rexistro, deberá de solicita-la súa inscripción novamente.

Artigo 3º

As inscricións que poidan efectuarse no Rexistro Municipal de Parellas Non-Casadas, serán á instancia conxunta dos dous membros da unión non matrimonial, que debarán ser maiores de idade ou menores emancipados, non estaren declarados incapaces e non posuíren entre si consanguinidade en segundo grao colateral. Cando menos un dos membros da unión deberá estar empadroado no Concello de Fene.

Artigo 4º

A publicidade do Rexistro Municipal de Parellas Non-Casadas quedará limitada exclusivamente á expedición de xustificantes de altas e baixas por instancia de calquera dos membros da unión interesada ou dos xuíces e tribunais de xustiza.

Artigo 5º.-O Rexistro Municipal de Parellas Non-Casadas estará a cargo da unidade administrativa que a alcaldía determine. As xustificacións de altas e baixas que se expidan serán totalmente gratuítas.

Disposición derradeira

O presente rexistro entrará en vigor, unha vez aprobado polo Pleno municipal, o mesmo día da súa publicación no BOP, procedéndose tamén á súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

O que se fai público para xeral coñecemento.

Fene, 23 de outubro de 1998.

O alcalde

Rubricado

10264