Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 222 Luns, 16 de novembro de 1998 Páx. 12.277

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 301/1998, do 12 de novembro, polo que se desafectan do dominio público as instalacións do campo de fútbol da Zapateira, situado no termo municipal da Coruña.

A Comunidade Autónoma de Galicia, en virtude do Real decreto 2434/1982, do 24 de xullo, sobre

traspaso de funcións e servicios do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de cultura, ten a titularidade do dereito de superficie constituído sobre o terreo no que se construíu o campo de fútbol da Zapateira, situado no termo municipal da Coruña.

O Concello de Coruña solicitou da Secretaría Xeral para o Deporte a cesión das citadas instalacións do campo de fútbol da Zapateira co fin de dedicalas a actividades deportivas.

A Secretaría Xeral para o Deporte informou favorablemente a cesión solicitada, o que implica, á vista do disposto no artigo 24 de Decreto 50/1989, do 9 de marzo, polo que se aproba o regulamento da Lei 3/1985, do 12 de abril, de patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, a conformidade coa desafectación do dominio público do devandito inmoble.

O artigo 10.1º da Lei 3/1985, do 12 de abril, de patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia sinala que cando os bens e dereitos non fosen necesarios para o cumprimento dos fins determinantes da súa afectación, cesará a súa natureza demanial e adquirirán a condición de patrimoniais, sen prexuízo, se é o caso, do dereito de reversión nos termos da lexislación de expropiación forzosa respecto daqueles bens adquiridos por este título.

O punto segundo do antedito artigo establece que a desafectación dos bens de dominio público da Comunidade Autónoma de Galicia deberá facerse mediante acordo do Consello da Xunta de Galicia, logo de instrucción do expediente pola Consellería de Economía e Facenda, por instancia da consellería interesada, e sempre que se acredite a desaparición das causas xustificativas da afectación.

Por todo isto, de conformidade coa proposta do conselleiro de Economía e Facenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día doce de novembro de mil novecentos noventa e oito,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Desáfectase do dominio público as instalacións que integran o campo de fútbol da Zapateira, construídas no predio que se describe a continuación e sobre o que a Comunidade Autónoma de Galicia ten un dereito de superficie inscrito no Rexistro da Propiedade nº 2 da Coruña, no libro 460, folio 260, predio número 35.156:

Monte baixo rochoso, con algún labradío, que recibe as denominacións de «Revolta», «Gómez», «Revolta de Maeda», «Maeda», «Revolta de Adentro»,

«Castelo» e «Pedra das Meigas», situada na parroquia de San Vicente de Elviña, termo municipal da Coruña, dunha extensión superficial de dezaseis mil setenta e catro metros cadrados, que estrema ó norte, monte «Da Revolta da Baieda» e mais de José Rumbo García; ó sur, Juan Bermúdez Pan e Manuela Bermúdez Pan, muro en medio; ó leste, muro que separa do monte do Rostro, hoxe de José Rumbo García, outro de Juan Bermúdez Galán, hoxe tamén do citado Rumbo García e ó oeste, camiño público a Vilaboa, cerramento en medio.

Artigo 2º

O ben inmoble antes descrito adquire natureza patrimonial, sen prexuízo do cumprimento da recepción formal por parte da Consellería de Economía e Facenda do ben desafectado de conformidade co disposto no artigo 27 do Decreto 50/1989, do 9 de marzo, polo que se aproba o regulamento para a execución da Lei 3/1985, de patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Santiago de Compostela, doce de novembro de mil novecentos noventa e oito.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

10087