Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 218 Martes, 10 de novembro de 1998 Páx. 12.088

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 28 de outubro de 1998 pola que se modifica a clasificación dos postos de traballo reservados a funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional do Concello de Mos (Pontevedra).

O Concello de Mos, en sesión ordinaria do Pleno celebrada o día 30 de abril de 1998, adoptou o acordo relativo á reclasificación dos postos de secretaría e de intervención do concello en clase primeira.

Na actualidade, os devanditos postos de traballo do Concello de Mos, están clasificados en clase 2ª, de conformidade, co previsto no artigo 2 do Real decreto 1732/1994, do 29 de xullo, sobre provisión de postos de traballo reservados a funcionarios/as de Administración local con habilitación de carácter nacional.

O artigo 7 do antedito Real decreto 1732/1994, do 29 de xullo, establece que os concellos nos que concorran unha serie de características poderán ser clasificados en clase superior á que lles corresponda, segundo o artigo 2 do mesmo real decreto, por instancia da corporación interesada.

Así mesmo, nas corporacións locais con secretaría de clase primeira, de conformidade co previsto no artigo 2 do Real decreto 1732/1994, existirá un posto de traballo denominado Tesourería, reservado a funcionarios/as pertencentes á subescala de Intervención-Tesourería.

Por todo isto, e tendo en conta as circunstancias que concorren no Concello de Mos, de acordo coa información e documentación que consta no expediente, en aplicación do establecido nos artigos 7 e 9 do Real decreto 1732/1994, do 29 de xullo, e no uso da atribución do artigo 13.2º.17 da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, esta consellería

DISPÓN:

Primero.-Os postos de traballo de Secretaría, Intervención e de Tesourería do Concello de Mos,

provincia de Pontevedra, reservados a funcionarios/as de Administración local con habilitación de carácter nacional, clasifícanse conforme se determina no anexo que se xunta a esta orde.

Segundo.-De conformidade coa disposición adicional primeira do Real decreto 1732/1994, do 29 de xullo, a modificación da clasificación á que se refire a presente orde non afectará o destino dos/as funcionarios/as que viñesen desempeñando o posto con carácter definitivo.

Contra esta orde, que é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, conforme o disposto no artigo 58 da Lei reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa, do 27 de decembro de 1956, logo de comunicarllo a esta consellería segundo o previsto no artigo 110.3º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 28 de outubro de 1998.

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública

ANEXO

Postos de traballo de funcionarios/as de Administración local con habilitación de carácter nacional do Concello de Mos (Pontevedra):

Posto: Secretaría.

Clase: primeira.

Subescala: Secretaría.

Categoría: superior.

Posto: Intervención.

Clase: primeira.

Subescala: Intervención-Tesourería.

Categoría: superior.

Posto: Tesourería.

Subescala: Intervención-Tesourería.

10108