Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 216 Venres, 06 de novembro de 1998 Páx. 11.963

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

DECRETO 296/1998, do 23 de outubro, polo que se declara a urxente ocupación de bens e dereitos co obxecto de impoñe-la servidume de paso para o establecemento e conservación da liña eléctrica, a 10/20 kV ó C.T. Sobreiro-Oubiña, concello de Cambados, provincia de Pontevedra. (Expediente 90/1997).

Unión Eléctrica-Fenosa, S.A., con enderezo para efectos de notificacións na Avenida de Arteixo, 171, 15008 A Coruña, solicitou da Consellería de Industria e Comercio a concesión dos beneficios de expropiación forzosa e a declaración de urxente ocupación dos terreos afectados pola execución do proxecto de construcción da L.M.T. aérea a 10/20 kV, de 1.024 m de lonxitude, con conductor LA-30, sobre apoios metálicos e de formigón, co orixe nun apoio s/n da liña ó C.T. de Tremoedo e remate no C.T. que se proxecta en Sobreiro-Oubiña, afectando no seu percorrido o termo municipal de Cambados (Pontevedra) (expediente 90/1997).

A dita instalación autorizouse, declarouse de utilidade pública e aprobouse o seu proxecto de execución por resolución da Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio de Pontevedra do 4-9-1991, a cal foi obxecto de publicación, inseríndose no DOG do 1 de outubro de 1991, no BOP de Pontevedra do 8 de novembro de 1991, e no BOE do 24 de setembro de 1991.

A solicitude de urxente ocupación fíxose e tramitouse de acordo co disposto no artigo 31 do Decreto 2619/1966, do 20 de outubro, polo que se aproba

o regulamento da Lei 10/1966, do 18 de marzo, de expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas, aplicable ó presente expediente en virtude do establecido polo apartado 2 da disposición transitoria segunda da Lei 40/1994, do 30 de decembro, do Sistema Eléctrico Nacional.

Os anuncios de información pública aberta en función desta petición, coa relación de interesados, bens e dereitos afectados, publicáronse no DOG do 18 de marzo de 1997, no BOP de Pontevedra do 25 de marzo de 1997, no xornal Faro de Vigo do 15 de marzo de 1997 e no taboleiro de anuncios da Casa do Concello de Cambados e no da delegación provincial, ó mesmo tempo na forma regulamentaria notificouse individualmente a cada un dos interesados que figuran na dita relación, agás ó titular do predio nº 51, que rexeitou a cédula de notificación, polo que se deu por efectuado o trámite segundo o establecido polo artigo 59.3º da Lei 30/1993, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas de do procedemento administrativo común.

Durante o período en que se someteu a trámite de información pública non se recibiron alegacións.

Unha vez practicada, por técnicos da delegación provincial da Consellería de Industria e Comercio de Pontevedra, a inspección sobre o terreo seguindo o trazado aprobado para a instalación desta liña, púidose comprobar, segundo certificado emitido ó respecto, que nos bens afectados, sobre os que se solicitan os beneficios de expropiación, para os efectos da servidume, non se dán as limitacións previstas no artigo 6 da Lei 10/1966, do 18 de marzo, e que é aplicable a este expediente en virtude do establecido no apartado 2 da disposición transitoria segunda da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, nin lle son de aplicación as prohibicións e limitacións dos artigos 25 e 26 do Decreto 2619/1966, do 20 de outubro, respectivamente.

Estímase xustificada a urxente ocupación solicitada pola empresa Unión Eléctrica-Fenosa, S.A., xa que con esta liña se pretende mellora-la subministración de enerxía eléctrica nos sectores de influencia, debido ás numerosas reclamacións presentadas por cortes e deficiente subministración, aumentando deste xeito a seguridade para as persoas e bens, e debido a que a imposición da servidume de paso, polo procedemento ordinario, faría imposible atende-lo servicio demandado coa celeridade debida.

Na súa virtude e por proposta do conselleiro de Industria e Comercio e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintetrés de outubro de mil novecentos noventa e oito,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co establecido polo artigo 52 da Lei de expropiación forzosa do 16 de

decembro de 1954, declárase a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola servidume de paso, para realiza-la instalación proxectada e proposta por Unión Eléctrica-Fenosa, S.A., da liña eléctrica aérea, a 10/20 kV ó C.T. Sobreiro-Oubiña (Exp. 90/1997), cos efectos e alcance previstos na Lei 10/1966, do 18 de marzo, de expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas, e no seu regulamento de aplicación, aprobado polo Decreto 2619/1966, do 20 de outubro.

Os bens e dereitos a que afecta esta disposición sitúanse no termo municipal de Cambados (Pontevedra) e son tódolos que figuran na relación presentada pola empresa solicitante dos beneficios de expropiación, que consta no expediente, o cal se someteu a información pública na forma e datas anteriormente descritas.

Santiago de Compostela, vintetrés de outubro de mil novecentos noventa e oito.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Couceiro Méndez

Conselleiro de Industria e Comercio

9793