Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 216 Venres, 06 de novembro de 1998 Páx. 11.958

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

DECRETO 294/1998, do 8 de outubro, polo que se modifica o Regulamento da actividade pesqueira e das artes e aparellos de pesca permisibles en Galicia, aprobado polo Decreto 424/1993, do 17 de decembro.

O Decreto 424/1993, do 17 de decembro, aprobou o Regulamento da actividade pesqueira e das artes e aparellos de pesca permisibles en Galicia. Durante o tempo transcorrido desde a súa entrada en vigor foise poñendo de manifesto por unha banda, certa falta de harmonización entre o contido dalgúns preceptos e o comportamento biolóxico ocasional de determinados recursos mariños e, por outra, diverxencias entre o contido da norma e os hábitos e as demandas do propio sector extractivo.

Así mesmo, e tendo en conta que a finalidade da citada norma debe ser a confluencia da preservación dos recursos cunha explotación racional e rendible deles, é polo que se considera necesario regula-la posibilidade de suspender parcialmente e de xeito temporal a aplicación do referido regulamento para poder levar a cabo actuacións que, con carácter experimental, permitan mante-la explotación e, ó mesmo tempo, recada-la información científico-técnica precisa que posibilite, se é o caso, a posterior modificación da norma para facela máis congruente cos fins que se perseguen.

Polo exposto, e co fin de compaxina-los intereses tanto do sector como da imprescindible defensa dos recursos, por proposta do conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, de acordo co dictame do Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día oito de outubro de mil novecentos noventa e oito,

DISPOÑO:

Artigo único.

Modifícase o anexo do Decreto 424/1993, do 17 de decembro, polo que se aproba o Regulamento da actividade pesqueira e das artes e aparellos de pesca permisibles en Galicia, engadíndolle un artigo 3 bis) co seguinte teor literal:

«Artigo 3 bis: non obstante o previsto no artigo anterior, e de conformidade co artigo 13 c) da Lei 6/1993, do 11 de maio, de pesca de Galicia, poderanse aprobar plans de ordenación pesqueira por zonas e modalidades de pesca, co obxectivo de experimentar medidas de regulación da explotación dos recursos mariños que permitan acada-lo nivel de rendemento máximo sostible que corresponda á selectividade das artes e tamaños mínimos que se autoricen no maior número posible de unidades de poboación.

Os plans experimentais de pesca terán carácter temporal, que non poderá exceder dun ano, e a través deles poderá suspenderse transitoriamente a aplicación dos preceptos do presente regulamento reguladores da

modalidade de pesca obxecto do plan, co fin de aplica-las medidas concretas de explotación de recursos mariños que os citados planos determinen para a mellor consecución dos obxectivos definidos no primeiro parágrafo do presente artigo.

Os plans experimentais de pesca serán elaborados pola consellería competente en materia de pesca marítima, e serán ratificados polo Consello da Xunta».

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, oito de outubro de mil novecentos noventa e oito.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Amancio Landín Jaraiz

Conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura

9709