Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 215 Xoves, 05 de novembro de 1998 Páx. 11.944

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 26 de outubro de 1998, da Dirección Xeral de Industria, pola que se autoriza administrativamente, se declara de utilidade pública e se aproba o proxecto de execución da liña aérea de transporte de enerxía eléctrica a 132 kV entre a subestación de Mourela I e o apoio número 9 da L.A.T. Bustelo-Tesouro, no termo municipal das Pontes de García Rodríguez, provincia da Coruña. (Expediente 97/240).

Examinado o expediente instruído por instancias da empresa Gamesa Promoción Eólica, S.A.(en diante Gamesa P.E.), con domicilio para efectos de notificacións na avenida do Cruceiro da Coruña 201-A, 15705 Santiago de Compostela; resultan os seguintes antecedentes de feito:

Primeiro.-O día 28 de outubro de 1997 a citada empresa solicitou a autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución e a declaración de utilidade pública da liña aérea de transporte de enerxía eléctrica a 132 kV desde a subestación de Mourela ata o apoio nº 9 da L.A.T. Bustelo-Tesouro, propiedade da empresa MADE Energías Renovables, que discorre polo concello das Pontes de García Rodríguez (A Coruña); acompañan o preceptivo proxecto de instalacións a que fan referencia os artigos 8 e 12 do Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, sobre autorización de instalacións eléctricas e a relación concreta e individualizada de bens e dereitos afectados pola instalación que determina o artigo 52 da Lei 40/1996, do 30 de decembro, de ordenación do Sistema Eléctrico Nacional, de aplicación ó presente expediente segundo o establecido no punto segundo da disposición transitoria segunda da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico.

As características técnicas básicas da instalación son as seguintes:

-Liña de 132 kV, de 3.465 m de lonxitude, con conductores LA-180, sobre soportes metálicos de

celosía, que vai desde a subestación de Mourela ata o apoio nº 9 da liña de alta tensión Bustelo-Tesouro, co obxecto de evacua-la enerxía eléctrica producida no P.E. de Muras I.

Segundo.-O citado proxecto de instalación, xunto coa relación concreta e individualizada de bens e dereitos afectados, someteuse a información pública por resolución da Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio da Coruña do 21-4-1998, que foi publicada no DOG do 5-5-1998, BOP da Coruña do 12-5-1998, xornal El Ideal Gallego do 7-5-1998, e nos taboleiros de anuncios da Casa do Concello das Pontes de García Rodríguez e da Delegación Provincial da Coruña, e notificada ademais, por correo certificado con aviso de recepción ós afectados. Así mesmo, solicitáronse informes dos organismos e entidades competentes sobre determinados bens públicos e servicios que resultan afectados pola instalación eléctrica, recibíndose contestacións deles indicando as condicións en que deben verificarse as afeccións correspondentes.

Terceiro.-Durante o período en que se someteu a trámite de información pública non se formularon alegacións.

Carto.-Con data do 22 de setembro de 1998, a empresa promotora presentou unha modificación do proxecto nos apoios nº 1 e 2 como consecuencia dunha modificación do pórtico de entrada da subestación de Mourela e entre os apoios nº 13 e 17 por dificultades na construcción do cruzamento coa liña de 132 kV de cádruple circuíto que existe entre os vaos mencionados. Esta modificación non supón a afección a novos propietarios.

Quinto.-Da solicitude obxecto deste expediente emitiu informe favorable pola delegación provincial da Coruña, comprobándose mediante inspección sobre o terreo seguindo o trazado proposto para a instalación desta liña, que nos bens afectados, sobre os que se solicitan os beneficios de expropiación, para os efectos da servidume de paso, non se dan as limitacións previstas no artigo 57 do título IX da Lei 54/1997.

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-A Dirección Xeral de Industria é a competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia, o Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, o Decreto 132/1982, do 4 de novembro, o Decreto 99/1998, do 26 de marzo, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Industria e Comercio, en relación coa Lei 40/1994, do 30 de decembro, de ordenación do sistema eléctrico nacional, o Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, sobre autorización de instalacións eléctricas e o Decreto 2619/1966, do 20 de outubro, polo que se aproba o regulamento da Lei 10/1966, do 18 de marzo, sobre expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas, aplicables a este expediente en virtude do establecido nas disposicións transitorias primeira e segunda, apartado 2, da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico.

Segundo.-O proxecto cumpre o disposto no Decreto 3151/68, do 28 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de liñas eléctricas de alta tensión e, en concreto, cos seus artigos 5 e 6.

Terceiro.-No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

Esta dirección xeral, de acordo con todo o que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas,

RESOLVE:

Primeiro.-Autoriza-la instalación da liña aérea de transporte de enerxía eléctrica a 132 kV desde a subestación de Mourela ata o apoio nº 9 da L.A.T. Tesouro-Bustelo, da empresa Made Enerxías Renovables, que discorre polo concello das Pontes de García Rodríguez.

Segundo.-Declara-la utilidade pública da instalación eléctrica que se autoriza, o que leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Terceiro.-Aproba-lo proxecto de execución da instalación eléctrica que se cita.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpor recurso ordinario, perante o conselleiro de Industria e Comercio da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado desde a súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de acordo co disposto no artigo 114 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 26 de outubro de 1998.

Joaquín del Moral Crespo

Director xeral de Industria

9926