Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 215 Xoves, 05 de novembro de 1998 Páx. 11.932

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 29 de setembro de 1998 pola que se lle autoriza a impartición das ensinanzas do grao elemental e medio de música que establece a Lei 1/1990, ó centro privado de ensinanzas musicais Martín Millán, de Vilagarcía de Arousa.

A Comunidade Autónoma de Galicia ten recoñecido no artigo 31 do seu Estatuto de autonomía a plena competencia para o regulamento e a administración do ensino en toda a súa extensión, niveis, graos, modalidades e especialidades. Así mesmo, o artigo 27 do dito estatuto recoñécelle a súa competencia exclusiva en materia de conservatorios de música.

O Real decreto 389/1992, do 15 de abril, determina os requisitos mínimos que deberán reuni-los centros para imparti-las ensinanzas artísticas regradas que establece o capítulo primeiro, título II, da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo.

Segundo o Decreto 213/1998, do 10 de xullo, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, correspóndenlle a esta as competencias e funcións en materia de planificación, regulación e administración do ensino regrado en toda a súa extensión, niveis, graos, modalidades e especialidades.

O Decreto 253/1995, do 29 de setembro, sobre autorización a centros docentes privados para impartir ensinanzas artísticas, dispón que a apertura e

funcionamento de centros privados que impartan ensinanzas de música se someterán ó principio de autorización administrativa e que a dita autorización se concederá sempre que os centros reúnan os requisitos mínimos establecidos polo Real decreto 389/1992, do 15 de abril.

Polo Decreto 153/1991, do 2 de maio (DOG do 20), o centro autorizado Martín Millán, ten autorizada, coa clasificación de centro recoñecido segundo o Decreto 1987/1964, do 18 de xuño, a impartición das ensinanzas de grao elemental e medio de música reguladas polo Decreto 2618/1996, do 10 de setembro.

Segundo a disposición transitoria terceira do Real decreto 389/1992, do 15 de abril, os centros docentes privados que estean clasificados como recoñecidos para a impartición das ensinanzas de música de grao medio de acordo co Decreto 1987/1964, do 18 de xuño, poderán solicitar autorización para imparti-las ensinanzas de grao medio correspondentes á nova ordenación do sistema educativo.

Tendo en conta o expediente promovido polo centro autorizado Martín Millán, e os informes emitidos polos servicios correspondentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria sobre o cumprimento dos requisitos mínimos que establece o Real decreto 389/1992, do 15 de abril.

DISPOÑO:

Primeiro.-Autoriza-lo centro privado Martín Millán, de Vilagarcía de Arousa, a impartición das ensinanzas de música que establece a Lei orgánica 1/1990, de ordenación xeral do distema educativo, nos graos elemental e medio segundo os datos que figuran no anexo a esta orde.

Segundo.-En cumprimento do que establece a disposición adicional terceira do Decreto 253/1995, do 29 de setembro, o centro autorizado Martín Millán, de Vilagarcía de Arousa queda adscrito, para efectos administrativos, ó Conservatorio Profesional de Música de Pontevedra.

Terceiro.-Segundo o establecido no artigo 14.1º do Decreto 253/1995, do 29 de setembro, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria procederá de acordo co disposto no artigo 23 da Lei orgánica 8/1985, reguladora do dereito á educación á revogación da presente autorización se o centro deixase de reunir calquera dos requisitos mínimos establecidos no Real decreto 389/1992, do 15 de abril.

Cuarto.-Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de setembro de 1998.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria

ANEXO

Titular: Martín Millán Torrado.

Enderezo: Rúa Agustín Romero, nº 13-15, Baixo.

Localidade: Vilagarcía de Arousa.

Provincia: Pontevedra.

Denominación específica: Centro Autorizado de Ensinanzas Musicais.

Ensinanzas que se autorizan: grao elemental e medio de música.

Nº de postos escolares autorizados: 530.

9125