Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 213 Martes, 03 de novembro de 1998 Páx. 11.865

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 7 de setembro de 1998, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, depósito e publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Fábrica de Botones Hisla, S.L.

Visto o expediente do convenio colectivo para a empresa Fábrica Botones Hisla, S.L., que tivo entrada nesta delegación provincial o día 10-7-1998, subscrito en representación da parte económica pola representación da empresa, e da parte social polos delegados de persoal con data do 3-7-1998, de conformidade co disposto no artigo 90.2º y 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, desta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 7 de setembro de 1998.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Pontevedra

Convenio colectivo da empresa Fábrica

de Botones Hisla, S.L.

Artigo 1º.-Partes negociadoras do convenio.

As partes asinantes do presente convenio son a empresa e a delegada do persoal desta, afiliada a CC.OO.

Artigo 2º.-Ámbito funcional e territorial.

O presente convenio colectivo producirá efectos nos centros de traballo da Fábrica de Botones Hisla, S.L., que ten como obxecto social a fabricación e venda de toda clase de botóns, fibelas e demais productos afíns.

Artigo 3º.-Ámbito persoal.

Este convenio é de aplicación ó persoal que, na data de entrada en vigor, estea ó servicio da empresa, así como todo aquel que ingrese durante a súa vixencia ou algunha das súas prórrogas. Como excepción quedará fóra do ámbito deste convenio o persoal de alta dirección.

Artigo 4º.-Ámbito temporal.

O convenio terá unha duración dun ano e entra en vigor no día da súa publicación no BOP, unha vez que sexa rexistrado pola autoridade laboral, entendéndose que permanecerá vixente ata o 31 de decembro de 1998.

Artigo 5º.-Vinculación á totalidade.

Sendo as condicións pactadas un todo orgánico e indivisible, o presente convenio será nulo e quedará sen efecto no suposto da xurisdicción competente anular ou invalidar algún dos seus pactos. Se se dese tal suposto, as partes asinantes deste convenio comprométense a reunirse dentro dos dez días seguintes ó da firmeza da resolución correspondente, co obxecto de resolveren o problema presentado. Se no prazo de corenta e cinco días a partir da data da firmeza da resolución as partes asinantes non alcanzasen un acordo, comprométense a fixa-lo calendario de reunións para a renegociación do convenio na súa totalidade.

Artigo 6º.-Resolución e revisión.

A denuncia que propoña a resolución ou revisión do convenio deberá presentarse ante a Delegación Provincial de Traballo da Xunta de Galicia, cunha antelación mínima de 30 días naturais respecto á data de remate da súa vixencia ou de calquera das súas prórrogas anuais.

Artigo 7º.-Comisión paritaria.

Créase a comisión paritaria do convenio como órgano de interpretación, arbitraxe, conciliación e vixilancia do seu cumprimento. Estará formado pola delegada de persoal e, por parte da empresa, a persoa que desempeñe os labores reais de apoderado xeral ou xerente. As partes poderán asistir ás reunións acompañadas dos asesores que coiden convenientes.

Artigo 8º.-Funcións da comisión paritaria.

A comisión paritaria do convenio terá as seguintes funcións:

A) Vixilancia e seguimento do cumprimento deste convenio.

B) Interpretación da totalidade dos preceptos do presente convenio.

C) Mediar e/ou intentar conciliar, se é o caso, logo de acordo das partes e por solicitude destas, así como, se é o caso, arbitrar en cantas cuestións e conflictos de carácter colectivo poidan suscitarse na aplicación do presente convenio.

D) Cantas outras funcións tendan á maior eficacia práctica do presente convenio ou se deriven do estipulado no seu texto e anexos que o conformen.

Artigo 9º.-Procedementos da comisión paritaria.

As cuestións propias da súa competencia e que se promovan ante esta comisión paritaria adoptarán a forma escrita, e o seu contido será o suficiente e necesario para que poidan examinar e analiza-lo problema co necesario coñecemento de causa.

Instada a intervención da comisión, esta deberá pronunciarse nun prazo non superior a 20 días hábiles. Transcorrido o dito prazo sen se ter producido resolución nin dictame quedará aberta a vía administrativa ou xurisdiccional competente.

Artigo 10º.-Cadro de persoal.

A empresa confeccionará anualmente o cadro de persoal e exporao no taboleiro de avisos do centro de traballo, durante o mes de xaneiro, especificándose nel a data de ingreso e categoría de cada traballador.

Dentro do dito prazo, o traballador que se considere mal clasificado deberá expoñelo así, por escrito, á empresa, quen resolverá no prazo de 15 días. Unha vez transcorrido o dito prazo sen contestación da dirección ou se esta fose denegatoria, o traballador poderá utiliza-la canle legal correspondente ante a autoridade laboral.

Artigo 11º.-Traslado de posto de traballo.

Se o traballador é trasladado a un posto de traballo de categoría superior e desempeña este durante un período de cento vinte días continuados ou alternos dentro do ano natural, o traballador pasará a ostenta-la categoría correspondente ó traballo desempeñado. Mentres dure o traslado, o traballador percibirá o salario correspondente a esa categoría profesional.

Artigo 12º.-Roupa de traballo.

A empresa está obrigada a lles facilitar ós seus traballadores un mínimo de dúas pezas de roupa de traballo ó ano.

Artigo 13º.-Xornada laboral.

O número de horas de traballo ordinario será, como máximo, de 40 horas á semana en xornada partida, de luns a venres.

Artigo 14º.-Avisos previos e cesamentos.

O cesamento dos traballadores deberase comunicar cunha anticipación mínima de quince días naturais, sempre e cando a súa duración sexa superior ó ano. Non obstante, o empresario poderá substituír este aviso por unha indemnización equivalente á cantidade correspondente ós días de aviso previo omitidos, todo isto sen prexuízo da notificación escrita de cesamento.

Cando for o traballador o que comunicase a súa decisión de cesar no servicio da empresa, deberao notificar por escrito coa seguinte anticipación:-Persoal directivo: un mes.-Resto do persoal: quince días.

A ausencia ou o atraso no cumprimento desta obriga por parte do traballador dará orixe á indemnización resarcitoria que producirá a perda salarial dos correspondentes días que resten pola falta ou insuficiencia do aviso previo.

Artigo 15º.-Xubilación.

Para os efectos do presente convenio, e salvo que medie acordo entre as partes, establécese a xubi

lación obrigatoria para o traballador ós 65 anos, sempre que tivese acreditados 15 anos de cotización á Seguridade Social na súa vida activa, e sempre que reúna os requisitos esixidos para se acoller á pensión de xubilación ou calquera outra análoga.

Artigo 16º.-Modelo de recibo de salarios.

Para os efectos do aboamento dos salarios recoñécese como válido o modelo de recibo que ordinariamente se vén utilizando na empresa.

Artigo 17º.-Prevención de riscos.

As partes contratantes deste convenio recoñecen as competencias e facultades atribuídas pola lei a cada unha das figuras que nela se establecen en relación á prevención durante 1998, sempre dentro do marco da lei, como método óptimo para a obtención de beneficios mutuos entre empresa e traballador.

Artigo 18º.-Retribucións económicas.

As retribucións económicas mínimas do persoal establécense por grupos e categorías profesionais.

Con data do 1 de xaneiro de 1998, e con independencia da clasificación profesional, tódolos traballadores percibirán unha nómina mensualizada, o cal supón que as mensualidades completas se aboarán e cotizarán a razón de 30 días.

Para 1998 as retribucións mínimas son as que figuran na táboa anexa.

Os atrasos derivados deste convenio aboaranse no prazo de 30 días naturais contados a partir do día seguinte ó da sinatura do convenio.

Artigo 19º.-Revisión salarial.

No suposto de que o índice xeral de prezos de consumo (IPC) referido ó ano 1998 fose superior ó 2,1% será revisada, para o ano 1999, a totalidade da táboa salarial anexa. En todo caso, a revisión terá efectos retroactivos ata o 1 de xaneiro.

Artigo 20º.-Condicións máis beneficiosas.

O persoal que con anterioridade ó presente convenio desfrutase en cómputo anual de condicións máis beneficiosas que as aquí pactadas seguirá manténdoas.

Artigo 21º.-Complemento por antigüidade.

O cómputo de antigüidade na empresa iniciarase desde a data do ingreso nela, contándose mesmo o período de proba, se o houber. Non se terá en conta, para estes efectos, o tempo total de aprendizaxe.

O complemento de antigüidade consiste en quinquenios do cinco por cento cada un, cun máximo de seis quinquenios calculados todos eles sobre o salario base que para cada categoría corresponde segundo a táboa de retribucións mínimas do convenio.

Artigo 22º.-Enfermidade e accidente.

Nos casos de baixa por incapacidade temporal, o traballador cobrará o 80% durante os primeiros

quince días, despois do décimo sexto ata os noventa días desde a data da baixa inicial cobrará o 100%, e a partir do día noventa e un en diante o 75%.

A empresa garante o 80%, 100% e o 75% do salario e, se é o caso, do complemento de antigüidade.

No caso de accidente ou internamento, o traballador cobrará o 100% do seu salario, e, se é o caso, do complemento de antigüidade. Desfrutará deste beneficio ata un máximo dun ano, sempre e cando permaneza nesta situación, que estará obrigado a xustificar.

Artigo 23º.-Vacacións.

Todo o persoal desfrutará de trinta días de vacacións anuais retribuídas, segundo o preceptuado no artigo 38.1º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores.

Dos 30 días naturais de vacacións anuais, 23 desfrutaranse de forma ininterrompida nos meses de maio a outubro, comezando sempre en luns. Os restantes sete días poderán ser establecidos pola empresa fóra do citado período, para o cal será necesaria a comunicación cun aviso mínimo de dous meses de antelación á data en que teñan que desfrutarse. Estes sete días deberán desfrutarse de forma continuada agás que medie mutuo acordo entre as partes.

Ademais, os traballadores terán dereito a desfrutar como libre e retribuída a tarde do día 24 e o día 31 completo, ámbolos dous de decembro, sempre que estes sexan día laborable.

Artigo 24º.-Gratificacións extraordinarias.

As gratificacións extraordinarias de xullo e de decembro establécense para todo o persoal e consistirán no pagamento dunha mensualidade de salario convenio máis o complemento de antigüidade, se o houber. As ditas gratificacións serán aboadas o 15 de xullo e o 22 de decembro, respectivamente.

Artigo 25º.-Paga de participación en beneficios.

A participación en beneficios establécese nun seis por cento sobre o salario base por actividade normal incrementado co complemento por antigüidade se o houber.

Esta paga farase efectiva, en todo caso, duranto o mes de marzo de cada ano, aínda que a empresa poderá establece-lo seu pagamento en períodos inferiores ó anual. No suposto de que a empresa decida aboar este concepto rateado por mensualidades, deberá ter en conta, para efectos de regularización, que a paga foi devengada ó longo do ano natural anterior.

Artigo 26º.-Gratificación de asistencia.

A empresa aboará mensualmente un catro por cento sobre o salario base para actividade normal incrementado, se é o caso, co complemento por antigüidade sempre e cando o traballador non supere a cifra de 2 ausencias ó mes calquera que fose a causa delas. Para estes efectos contabilizarase como ausencia cada día, ben sexa total ou parcialmente afectado.

Artigo 27º.-Horas extraordinarias.

No suposto de necesidade de realización de horas extraordinarias, a empresa, de acordo co traballador, poderá compensar cada hora de traballo con hora e media de descanso; noutro caso serán aboadas ó prezo dunha hora ordinaria cunha recarga do 50%.

En todo caso, o número de horas extraordinarias non poderá ser superior a oitenta horas ó ano para os traballadores que, pola modalidade ou duración do seu contrato, realizasen unha xornada inferior á xornada xeral na empresa. O número máximo anual de horas extraordinarias reducirase na mesma proporción que exista entre tales xornadas.

Artigo 28º.-Clasificación de categorías segundo grupos profesionais.

A) Persoal directivo.

Este persoal, acreditado con título académico ou con ampla preparación na súa materia, é o encargado de organizar e xestiona-la actividade empresarial. Asume a dirección e responsabilidade, a planificación, o aprovisionamento, o proceso de fabricación e o control da empresa, e del dependen decisións de organización. Entre os seus labores non se atopan as de xerencia no sentido mercantil do termo, aínda que poderían coincidir nunha mesma persoa tales responsabilidades.

-Encargado xeral/xefe ou director.

É o responsable de fábrica. Asumirá en última instancia as responsabilidades dos ciclos de aprovisionamento, producción e comercial, e por tanto, terá capacidade de decisión en tódolos asuntos da súa responsabilidade. Non serán da súa competencia, en principio, os labores de xerencia entre os que se encontran o establecemento das políticas crediticias, de contratación ou subcontratación, etc., aínda que si deberá informa-la xerencia e aconsellar sobre estes asuntos. Estará ás ordes directas da xerencia.

-Xefe de persoal.

Responsable do departamento de persoal. Encargado das relacións entre empresa e traballadores, asume a responsabilidade de formación, contratación de persoal, organización e xestión do persoal, así como a xestión da prevención de riscos. Estará baixo as ordes do director.

-Encargado de sección/sector.

Responsable dun departamento operativo da empresa. Encargado dunha función operativa específica, asume a responsabilidade da súa área en toda a súa amplitude. Estará baixo as ordes do director.

B) Persoal administrativo.

Este persoal é o encargado da xestión administrativa da empresa. Non se inclúen entre os seus labores o de administración mercantil ou xerencia. Poderán estar ás ordes de persoal directivo, administrativo ou comercial.

Oficiales de 1ª, 2ª, 3ª.

Auxiliar.

C) Persoal comercial.

É o persoal encargado da distribución e comercialización dos productos rematados ou comercializables. Están baixo as ordes directas do correspondente xefe de sección ou do director no seu defecto.

Viaxante.

Oficial de vendas.

D) Persoal obreiro.

É o persoal de producción directa ou indirecta encargado de levar a boa fin as operacións físicas da empresa coa súa man de obra. Os seus labores están encadrados nas actividades seguintes: aprovisionamento, almacenamento, producción, control, mantemento, transporte, comercialización das materias, xestión dos utensilios, optimización de procesos.

Oficiais de 1ª, 2ª e 3ª.

Serrador/marcador.

Torneiro/prensista.

Cortador de discos manuais.

Seleccionador de productos acabados.

Cortador de discos automáticos.

Perforador manual.

Encartador e encaixador.

Manipulador de productos en curso.

Axudante maior de 18 anos.

Axudante menor de 18 anos.

Alimentador de máquinas.

Aprendiz.

Limpador/a.

Conductor.

Artigo 29º.-Graduación de faltas.

Considerarase falta laboral toda acción ou omisión da que resulte responsable o traballador, que se produza con ocasión ou como consecuencia da relación laboral e que constitúa un incumprimento grave e culpable das súas obrigas.

A) Faltas leves.

1. Faltar un día ó traballo, sen causa xustificada.

2. Ata tres faltas de puntualidade nun mes.

3. Non cursar no momento oportuno a comunicación correspondente, cando se falte ó traballo por motivo xustificado, agás que se probe a imposibilidade de facelo.

4. Abandona-lo posto de traballo ou o servicio durante breve tempo durante a xornada de traballo sen a correspondente autorización.

5. A inobservancia dos regulamentos e ordes de servicio, así como a desobediencia ós mandos, todo iso en materia leve.

6. Os pequenos descoidos na realización do traballo e na conservación das máquinas, ferramentas e materiais.

7. Non atende-lo público coa corrección e dilixencia debida.

8. Non informa-la empresa dos cambios de domicilio.

9. A falta de respecto, en materia leve, ós subordinados, compañeiros, mandos e público, así como a discusión con eles.

10. A falta de limpeza e hixiene persoal, así como nas dependencias, servicio e utensilios da empresa aínda cando non entrañen risco grave para o traballador ou os seus compañeiros, xa que nesas circunstancias será considerado como grave ou moi grave.

B) Faltas graves.

1. A dobre comisión de falta leve dentro do período dun mes excepto as de puntualidade.

2. A falta de dous días ó traballo durante o período dun mes.

3. O entorpecemento, a omisión maliciosa e o falseamento dos datos, cuestións e feitos que poidan afecta-la concesión de permisos, a Seguridade Social, a medicina de empresa e, en todo aquilo que, en xeral, dificulte a aplicación da Lei de prevención de riscos laborais.

4. Non comunicar coa dilixencia debida as alteracións familiares que poidan afecta-los procesos administrativos ou prestacións sociais.

5. A desobediencia ós mandos en cuestións de traballo ou a neglixencia que afecte a boa marcha do traballo.

6. A imprudencia no traballo, que se implicase risco de accidente para o traballador ou outros, ou ben perigo de avaría na maquinaria, ferramentas ou instalacións, poderá ser considerada moi grave.

7. Falta de sixilo profesional divulgando datos, informes ou antecedentes que poidan producir prexuízo de calquera tipo á empresa.

8. A voluntaria diminución da actividade habitual ou os defectos na calidade fixada, por neglixencia do traballador.

9. O emprego de tempo, materiais, máquinas e utensilios de traballo en cuestións alleas a el.

10. As inxurias proferidas contra persoas ou institucións de toda índole.

11. A suplantación activa ou pasiva da personalidade.

12. A embriaguez non habitual durante o traballo.

C) Faltas moi graves.

1. A dobre falta grave dentro do período dun mes, sempre que aquela fose sancionada.

2. A falta de seis días ó traballo, durante un período de catro meses.

3. Máis de doce anos de puntualidade nun período de seis meses, ou de 25 nun período dun ano.

4. A falsidade, a deslealdade, a fraude, o abuso de confianza, a competencia desleal ou ilícita para coa empresa e o furto ou roubo, tanto ós compañeiros de traballo como á empresa ou a terceiros, dentro das dependencias dela ou durante o desempeño de traballos ou servicios por conta da empresa.

5. Facer desaparecer, inutilizar, causar desperfectos ou modificacións maliciosas en primeiras materias, productos, utensilios, ferramentas, máquinas, aparellos, instalacións, edificios e documentos da empresa.

6. A indisciplina ou desobediencia ás ordes dos mandos, así como tamén a inducción a ela cando revista especial gravidade para a empresa ou os seus compañeiros.

7. A participación directa ou indirecta na comisión de delicto cualificado como tal no Código Penal.

8. A falsidade nas circunstancias de accidentes de traballo, a simulación de enfermidade ou accidente e a prolongación maliciosa ou finxida na súa curación.

9. A embriaguez habitual ou toxicomanía durante o traballo.

10. O abandono do traballo en postos de responsabilidade.

11. O abuso de autoridade.

12. A diminución voluntaria e continuada de rendemento.

13. A comisión de actos inmorais nos locais e dependencias da empresa, dentro e fóra da xornada de traballo.

14. Tódalas consignadas no artigo 54.2º do texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, consideradas como causas xustas de despedimento.

Para os efectos deste artigo, e salvo disposición en contrario, enténdese que os meses, trimestres ou anos non necesariamente son períodos naturais.

Artigo 30º.-Graduación de sancións.

De acordo coa graduación de faltas, a empresa poderá impoñe-las seguintes sancións:.

a) Por falta leve.

Amoestación verbal.

Amoestación por escrito.

Suspensión de emprego e soldo ata dous días.

b) Por falta grave.

Suspensión de emprego e soldo de 3 a 15 días.

c) Por falta moi grave.

Suspensión de emprego e soldo de 16 a 60 días.

Despedimento.

Artigo 31º.-Prescrición de faltas.

Nesta materia aplicarase o previsto no texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores e resto de lexislación de aplicación, se fose o caso.

Artigo 32º.-Permisos.

Para efectos deste convenio enténdese por licencia ou permiso a cesación temporal, non periódica, da prestación de servicios por causa determinada.

O traballador, logo de aviso e posterior xustificación, poderán ausentarse do traballo, por tempo determinado, con dereito a remuneración se é o caso, por algún dos motivos que se recollen a seguir e os que a normativa legal de aplicación recolla en cada momento.

Para iso, e con independencia da obrigatoriedade de achegar xustificación, o traballador debe poñer en coñecemento da empresa o motivo da súa ausencia do posto de traballo con razoable anticipación.

O traballador deberá ter en conta que os permisos só poderán desfrutarse na data en que se produza a necesidade, non sendo trasladables a días hábiles.

a) Casamento.

O traballador pode ausentarse do traballo durante un período de 15 días naturais por razón do seu casamento.

b) Casamento de fillo.

O traballador pode ausentarse do traballo durante un período dun día natural por razón do casamento dun dos seus fillos.

c) Nacemento de fillo.

O nacemento de fillo proporciónalle ó traballador o dereito a ausentarse do traballo durante 2 días. Cando, por tal motivo, necesite facer un desprazamento, será de 4 días.

d) Enfermidade ou morte de parente.

A enfermidade grave ou o falecemento de parentes ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade proporciona o dereito a ausentarse durante 2 días. O falecemento de parentes ata o primeiro grao de consanguinidade ou afinidade proporciona o dereito a ausentarse durante 3 días. Cando necesite facer un desprazamento para o efecto será de 4 días.

e) Mudanza ou traslado de domicilio.

Por traslado de domicilio habitual o traballador ten dereito a un día de permiso retribuído.

f) Cumprimento de deber.

Todo deber inescusable de carácter público e persoal dá dereito a ausentarse do traballo durante o tempo indispensable para o seu cumprimento.

g) Lactación ata 9 meses.

O traballador pode ausentarse do traballo para lactación, natural ou artificial, dun menor de 9 meses durante unha hora ou dúas fraccións de media hora. Optativamente este dereito pode ser substituído por unha reducción de media hora na xornada habitual.

h) Funcións sindicais ou representativas.

O traballador pode ausentarse do traballo con dereito a remuneración para realizar funcións sindicais, de representación do persoal ou de prevención de riscos laborais nos termos que establece a lei.

Todos estes permisos do artigo 32 desde a alínea a) ata a f) devengarán por tódolos conceptos salariais, exepto por complementos non salariais, e os da alínea g) e h) serán por tódolos conceptos salariais.

Ester permisos estarán debidamente xustificados.

Artigo 33º.-Lexislación subsidiaria.

En todo o non previsto no presente convenio, observarase o disposto no Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, e demais disposicións legais de aplicación.

Táboa de retribucións salariais 1998

CategoríasSalario

* Persoal directivo
Encargado xeral/xefe139.924
Xefe de persoal116.861
Encargado sección/sector116.861

* Persoal administrativo
Oficial de 1ª110.948
Oficial de 2ª98.605
Oficial de 3ª86.834
Auxiliar76.109

* Persoal comercial
Viaxante116.861
Oficial de vendas103.960

* Persoal obreiro
Oficial de 1ª107.990
Oficial de 2ª88.620
Oficial de 3ª84.618
Serrador e marcador84.618
Torneiro e prensista80.680
Cortador de discos manuais78.727
Seleccionador de productos acabados78.727
Cortador de discos automáticos77.351
Perforador manual77.351
Encartador e encaixador77.351
Manipulador P. en curso77.351
Axudante maior de 18 anos77.351
Axudante menor de 18 anos69.741
Alimentador de máquinas77.351
Aprendiz69.741
Limpador/a77.351
Conductor/a90.981

9886