Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 212 Luns, 02 de novembro de 1998 Páx. 11.807

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 21 de outubro de 1998 pola que se convocan axudas económicas para a realización de formación en empresas de alumnos e alumnas que realizan estudios de ensinanzas de formación profesional de segundo grao, módulos, ciclos formativos, ensinanzas de artes aplicadas e oficios artísticos e programas de garantía social.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, establece que a Comunidade Autónoma ten competencia plena na regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias e sen prexuízo do disposto no artigo 27 da Constitución e nas leis orgánicas que o desenvolven.

O Decreto 213/1998, do 10 de xullo (DOG do 23), establece a estructura orgánica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e atribúelle á Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional, entre outras, a xestión de accións de promoción educativa nas ensinanzas non universitarias e a determinación das normas precisas para a súa efectividade.

A Lei 11/1992, do 7 de outubro (DOG do 14), de réxime financeiro e orzamentario de Galicia xunto coa Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma galega, establece os requisitos, as normas necesarias e básicas para a xestión e actividade económico-financeira do orzamento destinado a prácticas en alternancia e á formación en centros de traballo.

O artigo 34.2º da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro (BOE do 4), de ordenación xeral do sistema educativo (LOXSE), determina que o currículo das ensinanzas de formación profesional específica incluirá unha formación práctica obrigatoria nos centros de traballo e indica que as administracións educativas arbitrarán os medios para que as empresas e institucións se incorporen ó desenvolvemento destas ensinanzas.

En virtude do disposto no Real decreto 676/1993, do 7 de maio (BOE do 22), no seu artigo 4, que desenvolve as finalidades do módulo de formación práctica en centros de traballo e do Decreto 239/1995, do 28 de xullo (DOG do 16 de agosto), que desenvolve o anterior e establece a ordenación xeral das ensinanzas da formación profesional específica e as directrices sobre os seus títulos.

A teor da Orde do 1 de setembro de 1995 (DOG do 21), sobre avaliación e acreditación académica do alumnado de formación profesional específica; da Resolución do 24 de xullo de 1998 (DOG do 31), da Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional, pola que se dictan normas para regula-lo desenvolvemento dos ciclos forma

tivos na formación profesional específica para o curso 1998-99 e, da Resolución do 7 de setembro de 1998 (DOG do 24), que regula o desenvolvemento do módulo de formación en centros de traballo correspondente ós ciclos formativos durante o curso 1998-99.

Tendo presente, así mesmo, o Real decreto do 29 de decembro de 1993, número 2317/1993 (BOE do 31), na súa disposición adicional primeira establece que quedan excluídas do ámbito de aplicación do presente real decreto as prácticas profesionais realizadas por estudiantes ó abeiro da lexislación educativa vixente, como parte integrante dos seus estudios académicos.

Considerando que as prácticas en empresas teñen un grande valor didáctico e pedagóxico por achega-los alumnos/as ó mundo sociolaboral en que se vai desenvolve-la súa futura vida profesional, é preciso incluír este programa como unha das accións que hai que promocionar mediante o cofinanciamento do Fondo Social Europeo, como iniciativa de formación profesional do Plan de Emprego Xuvenil, aprobado pola Xunta de Galicia no consello do 30 de setembro de 1993.

Na súa virtude, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

DISPÓN:

Primeiro.-Convocar axudas económicas, cofinanciadas co Fondo Social Europeo, para a realización de formación práctica en empresas destinadas a alumnos/as do último curso de formación profesional de segundo grao, escolas de artes, módulos profesionais, ciclos formativos de grao medio e superior e programas de garantía social.

Dado o carácter de obrigatoriedade que as prácticas teñen no currículo dos módulos profesionais e dos ciclos formativos de grao medio e superior, os alumnos e alumnas que cursen estas ensinanzas unicamente recibirán axuda económica se a contía orzamentaria o permite.

Segundo.-Serán requisitos indispensables para solicitar esta axuda:

1. Que os/as solicitantes estean matriculados/as no derradeiro curso dunha especialidade de formación profesional, escola de artes, módulo profesional, ciclo formativo ou programa de garantía social, dun centro público ou privado autorizado, dependente desta Comunidade Autónoma.

2. Que as solicitudes do alumnado se formalicen no modelo de impreso que figura en anexo a esta orde, estea asinada polo interesado/a, co visto e prace do/a director/a conforme reúne tódolos requisitos- cando se trate dun centro público-, ou do/a inspector/a que corresponda, se fose un centro privado.

Terceiro.-Prazos e lugar de presentación dos documentos.

1. Os alumnos e alumnas que reúnan os requisitos para participar destas axudas presentarán a correspondente solicitude, en modelo anexo a esta orde, no centro onde estéan matriculados, antes do 20 de novembro de 1998. Aqueles que realicen o período de prácticas nas empresas despois do 1 de setembro de 1999 ou en datas posteriores non terán que formalizar ningunha solicitude na presente convocatoria.

2. A dirección do centro, unha vez revisadas as solicitudes, confeccionará un proxecto de expediente económico, conforme o modelo que figura como anexo II proxecto de expediente económico de prácticas en empresas desta orde, no que se contabilicen as solicitudes recibidas no centro, agregado por especialidades. Este proxecto de expediente económico presentarase no rexistro xeral das respectivas delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria antes do día 5 de decembro de 1998.

3. A Inspección Educativa, unha vez recibidos e revisados tódolos proxectos económicos dos centros, elaborará un cadro-resumo provincial coa relación numerada dos centros públicos e privados acollidos a esta convocatoria, especificando, en todo caso, código do centro, denominación, concello, número de alumnos e importe total por centro e por provincia.

4. Este documento-resumo, acompañado dos correspondentes proxectos económicos de cada centro, elevarase ó delegado provincial para o seu visto e prace que, posteriormente, dará traslado desta documentación á Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional antes do día 21 de decembro de 1998.

Cuarto.-Comisión de seguimento das axudas.

A selección das peticións e importes solicitados, levaraa a cabo unha comisión integrada por:

-O subdirector xeral de Formación Profesional e Educación de Adultos ou xefe de Servicio en quen delegue, que actuará como presidente.

-Catro inspectores/as de institutos de educación secundaria, un/unha por cada provincia, por proposta do delegado provincial.

-Catro directores/as de centros nos que se imparte formación profesional, un/unha por cada provincia, por proposta do inspector/a xefe.

-Un funcionario/a da Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional, que actuará como secretario/a, con voz e sen voto.

Os membros da comisión poderán percibir asistencias, axudas para gastos e de locomoción, por

concorreren ás sesións, conforme o Decreto 299/1990, do 24 de maio (DOG do 1 de xuño).

Quinto.-A contía solicitada estará en función do número de xornadas formativas que se concerten coa empresa e da distancia que exista entre a empresa e o domicilio do alumno/a (ida e mais volta), segundo o baremo seguinte:

DistanciaImporte

Dentro dun radio de 5 km400 ptas./xornada

De 6 km ata 15 km650 ptas./xornada

De 16 km. ata 30 km900 ptas./xornada

De 31 km ata 50 km1.300 ptas./xornada

Máis de 50 km (con retorno no día)1.700 ptas./xornada

Máis de 50 km (sen retorno no día,

ata un máximo de 15 xornadas)5.500 ptas./xornada

O número máximo de xornadas para as que se concede esta axuda será de 80, tendo que realizar un mínimo de 10.

Sexto.-O importe total das axudas económicas efectuarase con cargo ó concepto orzamentario 07.04.322S.482.0 da Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional, ata un total de 350.000.000 de pesetas.

A teor do disposto na Orde do 11 de febreiro de 1998 (DOG do 19 de outubro), sobre tramitación anticipada de expediente de gasto, o gasto que se proxecta está condicionado á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos do exercicio do ano 1999 en trámite parlamentario.

Se a contía total das solicitudes superase o crédito de que se dispón, queda autorizada a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional para reaxusta-lo importe total solicitado por cada centro, de xeito que o importe total dos centros non supere a contía do crédito dispoñible.

Neste suposto, os centros serán advertidos das modificacións efectuadas para, á súa vez, face-los reaxustes precisos no número de xornadas dos alumnos, que deben ser informados, co fin de non supera-lo límite concedido ó centro.

Sétimo.-Cada alumno/a estará acollido/a á Mutualidade do Seguro Escolar e á póliza de seguro de accidentes de traballo e responsabilidade civil, subscrita pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Oitavo.-A comisión de seguimento das axudas, vistas as solicitudes presentadas, os proxectos económicos dos centros e o crédito dispoñible, fará a correspondente proposta de adxudicación destas axudas ó director xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional.

Noveno.-A Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional resolverá, notificándollo a cada centro, a resolución que proceda coa concesión, denegación ou modificación da contía autorizada.

Décimo.-Reclamacións. A partir da data de comunicación ó centro do importe concedido, concederase un prazo de reclamacións de 15 días naturais para que formulen as alegacións que consideren oportunas, en caso de desacordo coa resolución proposta pola dirección xeral.

Décimo primeiro.-Unha vez vistas e estimadas as reclamacións, se procede, a dirección xeral, no prazo dun mes, notificaralle ó centro afectado a nova adxudicación, que terá carácter definitivo. Contra a resolución definitiva poderase interpoñer recurso ordinario ante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes.

Décimo segundo.-As axudas efectuaranse nun só pagamento global ó centro, a través da delegación provincial, unha vez rematadas as prácticas, logo do envío por parte do centro á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria -Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional, edificio administrativo de San Lázaro-, da certificación orixinal, que se remitirá entre maio e xullo de 1999, asinada polo secretario/a e mailo visto e prace da dirección, conforme o alumnado realizou esa actividade, facendo consta-lo importe que vai percibir por cada un/unha deles. Esta certificación comprenderá os/as solicitantes que realizaron o período de formación práctica entre o 1 de setembro de 1998 ata o 31 de xullo de 1999 inclusive.

Décimo terceiro.-Os cambios de empresa, variacións de períodos, baixas e calquera outra alteración ou modificación de circunstancia, deberalle ser comunicada por escrito, mediante oficio, á respectiva inspección educativa, co fin de que esta o poida poñer en coñecemento da Inspección de Traballo e da Dirección Xeral. En ningún caso estas posibles variacións suporán aumento no importe total autorizado ó centro.

Décimo cuarto.-O desfrute destas axudas é compatible con outras de carácter xeral con cargo ós fondos públicos.

Décimo quinto.-A falsidade dos datos ou falsificación de documentos que se presenten, calquera que sexa o momento en que se demostre a inexactitude, terá como consecuencia a perda de tódolos dereitos dos/das solicitantes que incorran en tal situación e a devolución total da contía percibida, ademais das responsabilidades a que houber lugar.

Décimo sexto.-Autorízase a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional para desenvolve-lo disposto nesta orde, que entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de outubro de 1998.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria

7857