Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 209 Mércores, 28 de outubro de 1998 Páx. 11.616

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 291/1998, do 8 de outubro, polo que se acepta a cesión a título gratuíto á Comunidade Autónoma de Galicia dun terreo de 14.000 m, situado no lugar das Casillas, termo municipal de Ordes (A Coruña), para a construcción dun centro de educación secundaria.

O Pleno da Corporación municipal de Ordes, reunido en sesión celebrada o 29 de xaneiro de 1998, acordou a cesión á Comunidade Autónoma de Galicia dun terreo dunha superficie de 14.000 m, situado no lugar das Casillas, termo municipal de Ordes (A Coruña), para a construcción dun centro de ESO.

Conforme os artigos 17.1º da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma galega, e 34 do seu regulamento aprobado polo Decreto 50/1989, do 9 de marzo, a adquisición pura e simple de bens a título gratuíto ou lucrativo requirirá decreto do Consello da Xunta, por proposta da Consellería de Economía e Facenda. Así mesmo, os artigos 23.1º da mesma lei e 38.1º do regulamento establecen que non se poderán adquirir bens ou dereitos a título lucrativo cando o valor dos gravames, cargas ou afeccións impostos sobre eles supere o seu valor intrínseco, aínda que non se consideran carga, gravame ou afección os investimentos que teña que realiza-la Comunidade Autónoma para da-lo destino de uso xeral ou servicio público da súa competencia que fixe o cedente ou doador.

Na súa virtude, de conformidade coa proposta do conselleiro de Economía e Facenda, feita nos termos nos que o Concello de Ordes acordou a cesión e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día oito de outubro de mil novecentos noventa e oito,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Acéptase a cesión gratuíta dun terreo de 14.000 m, situado no lugar das Casillas, termo municipal de Ordes (A Coruña) e que linda: norte, resto do predio matriz de titularidade municipal e futura vía de acceso desde a estrada da Fraga da Galiña; sur, parcelas catastrais 212 e 218 do polígono 62 do catastro de rústica da parroquia de Ordes; leste, parcela que se segrega para cesión á Xunta de Galicia con destino a Centro de Exposición Permanente de Recursos da Comarca; e oeste, parcela catastral número 145.

O inmoble descrito atópase inscrito por título de segregación no Rexistro da Propiedade de Ordes no tomo 641, folio 221 do libro 156, predio número 18.296, inscrición 1ª, a favor do Concello de Ordes.

Artigo 2º

O inmoble cedido destinarase á construcción dun centro público de educación secundaria.

Artigo 3º

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, procederá á formalización da cesión no correspondente documento público e á inscrición do ben no Rexistro da Propiedade a nome da Comunidade Autónoma.

Disposición derradeira

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, levará a cabo tódolos trámites necesarios para a efectividade deste decreto.

Santiago de Compostela, oito de outubro de mil novecentos noventa e oito.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

9639