Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 207 Luns, 26 de outubro de 1998 Páx. 11.519

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

ORDE do 16 de outubro de 1998 pola que se modifica a Orde do 19 de maio de 1998 sobre axudas á promoción e comercialización de productos agrarios e agroalimentarios galegos.

A Orde do 19 de maio de 1998 (DOG nº 102, do 29 de maio) establece para 1998 axudas ós investimentos en promoción e comercialización de productos agrarios e agroalimentarios galegos.

Rematado o prazo de solicitude de axudas e á vista do alto volume de peticións recibidas así como das súas características parece oportuno amplia-lo orzamento previsto inicialmente e os posibles beneficiarios delas.

Por todo iso e de acordo co disposto no artigo 20.I.3º do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das competencias conferidas na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, regulamentadora da Xunta e do seu presidente, e demais normativa de aplicación

DISPOÑO:

Artigo 1º

1. Modifícanse os artigos 2 e 5 da Orde do 19 de maio de 1998 que quedan redactados da seguinte maneira:

* Artigo 2, punto 1º.b): «Feiras e certames comerciais.

-A organización de feiras e certames do sector agrario e agroalimentario en Galicia, excluídas as referentes a concursos, exposicións e feiras de gando, e sempre que estean promovidas por corporacións locais, consellos reguladores e agrupacións de productores e de industrias agrarias cando estean asociadas para colaborar na mellora da calidade dun producto.»

* Artigo 5, punto 1º: «Xustificantes dos investimentos efectuados. Logo de presentar facturas orixinais para realiza-la toma de razón, entregarase fotocopia xunto coa relación delas.

No caso de corporacións locais admitirase como xustificante dos investimentos efectuados certificación do secretario (interventor ó respecto).»

2. Así mesmo, modifícase tamén a disposición adicional da devantida orde, que quedará redactada como segue:

O aboamento das subvencións fixadas nesta orde establecerase con cargo ós conceptos orzamentarios 09.04.714 A.760.0 (6.900.000 ptas.), 09.04.714 A.770.0 (243.250.000 ptas.) e 09.04.714 A.780.0 (20.000.000 de ptas.) dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1998.

Artigo 2º

-Engádeselle un parágrafo ó punto 2º do artigo 3 da Orde do 19 de maio de 1998, no relativo á organización, coa seguinte redacción:

No caso de corporacións locais a subvención poderá acada-lo 30% dos investimentos cun límite de 200.000 ptas. Este límite poderá acada-lo 50% no caso de certames nos que colaboran consellos reguladores e agrupacións de productores e industrias asociados para mellora-la calidade dun producto.

Artigo 3º

-Reábrese o prazo para presentar solicitudes, que rematará ós 20 días contados desde o seguinte ó de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Disposición adicional

Teranse en conta tódalas solicitudes presentadas ó abeiro da Orde do 19 de maio de 1998 e que reúnan os requisitos previstos nesta disposición.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de outubro de 1998.

Cástor Gago Álvarez

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Política

Agroalimentaria

9514