Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 207 Luns, 26 de outubro de 1998 Páx. 11.516

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 22 de outubro de 1998 pola que se determinan os servicios mínimos dirixidos a garanti-los servicios do persoal dependente da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria que presta os seus servicios en centros públicos do ensino secundario, durante a folga que se levará a cabo desde as 0 horas ata as 24 horas do día 27 de outubro de 1998.

O artigo 28.2º da Constitución española recoñece como dereito fundamental da persoa o dereito á folga.

O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas, que presten servicios públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade, no ámbito e competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, está condicionado ó mantemento dos servicios esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG nº 116, do 20 de xuño), entre os que se atopa a educación.

O exercicio do dereito fundamental á educación, así como dos seus corolarios, non se deben ver afectados gravemente polo lexítimo exercicio do dereito de folga, xa que aquel é considerado e recoñecido prioritariamente en relación a este.

O artigo 3 do citado decreto faculta os conselleiros competentes, por razón dos servicios esenciais afectados, para que, mediante orde, e diante de cada situación de folga, decidan o mínimo de actividade necesaria para asegura-lo mantemento de tales servicios; así como para determina-lo persoal necesario para a súa prestación.

O dereito á educación é un dereito de carácter social, e polo tanto reclama dos poderes públicos as accións positivas necesarias para que poida ser levado a cabo en igualdade de tódolos que se atopan en calquera dos niveis formativos en calquera tipo de centro.

Por outra parte, a especial problemática de Galicia, coa maior procentaxe de alumnos transportados e facendo uso dos comedores escolares ou o bo número de internados da nosa Comunidade Autónoma, non poden quedar paralizados no seu funcionamento como consecuencia do dereito constitucional de folga.

Sinálanse, por iso, os servicios mínimos necesarios para manter en funcionamento os comedores escolares, a limpeza dos centros e un mínimo de vixilancia e atención para os alumnos que poidan acudir ós centros.

Convocada folga que afecta o profesorado dependente da Consellería de Educación e Ordenación

Universitaria que presta os seus servicios en centros públicos do ensino secundario dependentes desta consellería e que se levará a efecto a partir das 0 horas ata as 24 horas do día 27 de outubro de 1998, cumprindo o preceptivo trámite de audiencia ó Comité de Folga, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1º

A convocatoria de folga que afecta o profesorado dependente da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria que presta os seus servicios en centros públicos do ensino secundario dependentes desta consellería, que se levará a cabo, enténdese condicionada ó mantemento dos servicios mínimos que se establecen no anexo desta orde.

Os servicios mínimos que se fixan resultan totalmente imprescindibles para mante-lo necesario exercicio do dereito fundamental á educación.

Tales mínimos responden á necesidade de compatibiliza-lo respecto ineludible ó exercicio do dereito á folga coa adecuada atención ós usuarios titulares do devandito dereito fundamental.

Artigo 2º

A designación nominal, con carácter rotatorio, do persoal que deberá cubri-los distintos servicios será feita pola dirección do centro respectivo; procederase á súa publicación no taboleiro de anuncios dos centros afectados.

Artigo 3º

Os paros e alteracións no traballo por parte do persoal necesario para o mantemento dos servicios mínimos determinados serán considerados ilegais para os efectos do establecido no artigo 16.1º do Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo (BOE nº 58, do 9 de marzo).

Artigo 4º

O disposto nos artigos anteriores non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga lle recoñece ó persoal nesta situación, nin tampouco sobre a tramitación e efectos das peticións que a motiven.

Artigo 5º

Sen prexuízo do que establecen os artigos anteriores, deberanse observa-las normas legais e regulamentarias vixentes en materia de garantías dos usuarios dos establecementos docentes.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de outubro de 1998.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria

ANEXO

Nos centros públicos do ensino secundario proponse os seguintes servicios mínimos:

-O director ou un membro do equipo da dirección e un subalterno en cada centro escolar.

-O 30% do persoal de comedores, se é o caso, e do persoal docente encargado destes.

-O 25% do persoal de limpeza.

9518