Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 206 Venres, 23 de outubro de 1998 Páx. 11.465

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 17 de setembro de 1998 pola que se convocan bolsas para alumnos universitarios que cursen estudios de primeiro ou segundo ciclo nas universidasdes galegas no curso 1998-1999, complementarias ás bolsas e axudas ó estudio de carácter xeral do Ministerio de Educación e Cultura (Orde do 30 de xuño, BOE do 22-7-1997).

O Real decreto 1754/1987, do 18 de decembro (BOE do 19 xaneiro de 1988, DOG do 17 de febreiro de 1988) transferiulle á Comunidade Autónoma competencias en materia de universidades. Estas competencias foron asumidas pola Comunidade Autónoma e asignadas á Consellería de Educación no Decreto 62/1988, do 17 de marzo (DOG do 8 de abril). A Lei 11/1989, do 20 de xullo (DOG do 16 de agosto), de ordenación do sistema universitario de Galicia, determina a constitución do Sistema Universitario de Galicia con tres universidades: a Universidade da Coruña, a de Santiago de Compostela e a de Vigo.

Para garanti-lo desenvolvemento do Sistema Universitario de Galicia, a Xunta de Galicia elaborou un Plan de Financiamento que foi aprobado pola Comisión 3ª de Economía, Facenda e Presupostos, do Parlamento de Galicia, o día 17 de outubro de 1989, establecéndose, no número 5 do dito plan unha partida de axudas para os alumnos galegos.

O dito plan rematou no ano 1996, pero co fin de manter e consolida-lo nivel de calidade acadado no Sistema Universitario de Galicia, a Xunta de Galicia incluíu nos orzamentos de 1998 unha partida orzamentaria destinada, ó igual que nos exercicios precedentes, a accións de apoio económico ós estudiantes universitarios, algunhas das cales son complementarias

ás convocadas polo Ministerio de Educación e Cultura, e mediante as que a consellería está a levar adiante unha política de asistencia económica ós estudiantes, co obxecto de favorecer, dentro das limitacións orzamentarias, a calidade, a competencia, a igualdade de oportunidades e a excelencia no rendemento académico.

As accións complementarias cobren un ámbito de actuación común coas convocatorias de carácter nacional e un ámbito propio, permitindo aumenta-la cantidade da axuda que recibe o solicitante por parte do Ministerio de Educación e Cultura.

Por outra banda, o feito de estar a falar de accións complementarias supón un condicionamento nas datas de convocatoria e resolución, ó estaren supeditadas á adxudicación das bolsas de carácter nacional que complementan.

Estudiada a convocatoria xeral de bolsas do Ministerio de Educación e Cultura, e vistos os aspectos que quedan cubertos por ela

DISPOÑO:

Artigo 1º

Convócanse bolsas para alumnos universitarios que cursen estudios de primeiro ou segundo ciclo nas universidades galegas no curso 1998-1999, complementarias ás bolsas e axudas ó estudio de carácter xeral do Ministerio de Educación e Cultura.

Artigo 2º

Apróbanse as bases que rexerán esta convocatoria e que se publican como anexo a esta orde.

Artigo 3º

Para a concesión destas bolsas destinarase a cantidade total de oitenta e nove millóns trinta e seis mil pesetas (89.036.000 ptas.) con cargo á aplicación orzamentaria 07.05.322C.483.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 1998.

Artigo 4º

A selección de solicitantes beneficiarios será realizad pola comisión avaliadora das axudas convocadas para accións de apoio económico ós estudiantes universitarios, nomeada por Resolución do 30 de xuño de 1998 (DOG nº 130, do 8 de xullo). Os compoñentes desta comisión terán dereiro á percepción de asistencias e axudas de custo por concorrencia ás sesións conforme o Decreto 299/1990, do 24 de maio, modificado, en parte, polo Decreto 21/1994, do 4 de febreiro, sobre indemnizacións por razóns de servicio ó persoal con destino na Administración autonómica de Galicia.

Artigo 5º

A determinación da contía correspondente á acción desta orde farase tendo en conta o teito orzamentario, a renda familiar dos solicitantes e os obxectivos da acción.

Artigo 6º

A interpretación da convocatoria, as súas bases e de todos cantos actos administrativos se deriven dela, ateranse ó establecido na Lei de réxime xurídcio das administracións públicas e do procedemento administrativo común, para aqueles casos que dean lugar a recurso.

Artigo 7º

Para os efectos establecidos no artigo 42.2º da Lei 30/1992, o prazo máximo para resolve-las solicitudes correspondentes ás accións especificadas nesta orde será de catro meses, contados a partir do día seguinte ó do remate do prazo concedido para a presentación de solicitudes, de conformidade co establecido no Decreto 276/1994, do 29 de xullo (DOG do 26 de agosto), polo que se aproba a relación de procedementos iniciados por solicitude dos interesados, dos que sexa competente para resolve-la Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e nos que a falta de resolución expresa da Administración produce efectos desestimatorios ou estimatorios.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de setembro de 1998.

Celso Currás Fernandez

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO I

BOLSAS PARA ALUMNOS UNIVERSITARIOS QUE CURSEN ESTUDIOS DE PRIMEIRO OU SEGUNDO CICLO NAS UNIVERSIDADES GALEGAS NO CURSO 1998-1999, COMPLEMENTARIAS ÁS BOLSAS E AXUDAS Ó ESTUDIO DO MINISTERIO DE EDUCACIÓN E CULTURA.

Bases da convocatoria

1. Requisitos dos solicitantes.

Poderán solicitar estas bolsas complementarias tódolos alumnos universitarios matriculados nunha das tres universidades galegas durante o curso 1998/1999, e que teñan concedida unha bolsa ou axuda de estudios do Ministerio de Educación e Cultura segundo Orde do 30 xuño de 1997, (BOE do 22 de xullo)

2. Solicitudes e documentación.

Os alumnos que reúnan as ditas condicións formularán as súas solicitudes por medio de instancia segundo o modelo ED 430A que figura como anexo desta orde, asinada polo interesado, e deberá ir xunto coa seguinte documentación:

a) Copia do DNI/NIF do solicitante.

b) Copia completa compulsada da declaración da renda correspondente ó exercicio de 1997.

c) Credencial de bolseiro do Ministerio de Educación e Cultura no curso 1997/1998.

d) Certificación académica ou copia compulsada dela.

e) Documento acreditativo de estar matriculado nalgunha universidade galega para o curso académico 1998-1999.

f) Documento facilitado pola entidade bancaria a nome do interesado, no que conste o código conta cliente comprensivo dos códigos que identifican o banco, a oficina, o díxito de control e o número de conta.

3. Prazo e lugar de presentación de solicitudes.

O prazo e presentación de solicitudes será de vinte días naturais a partir do día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

As solicitudes, xunto co resto da documentación requirida, presentaranse no rexistro xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, e deberán dirixirse á Dirección Xeral de Universidades-Servicio de Apoio e Orientación ós Estudiantes Universitarios (edificio administrativo San Caetano, s/n, 15704 Santiago de Compostela).

Tamén poderán utilizarse para a presentación de solicitudes calquera das dependencias previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. Tramitación.

Os servicios da Dirección Xeral de Universidades comprobarán que tódalas solicitudes reúnen os requisitos establecidos nesta orde. A relación provisional de solicitudes, admitidas e excluídas, será exposta nos taboleiros de anuncios da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, das súas delegacións provinciais e dos vicerrectorados de estudiantes das tres universidades de Galicia, sinalando, se é o caso, as causas de exclusión.

Estas listas provisionais estarán expostas durante un prazo de dez días, durante o cal, os interesados poderán formula-las reclamacións para emendar erros e faltas de documentos ante a Dirección Xeral de Universidades, e achegar, se é o caso, a documentación necesaria. Transcorrido este prazo sen que se emenden as causas de exclusión, procederase ó arquivo do expediente sen máis trámite.

5. Selección.

A selección dos bolseiros farase tendo en conta o expediente académico e a situación económica familiar.

6. Contía.

O importe anual de bolsa será como máximo de 50.000 ptas./beneficiario.

7. Resolución.

Efectuada a selección pola comisión, esta elevaralle, a través da Dirección Xeral de Universidades, ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria a proposta para que resolva.

Contra esta resolución, que se fará pública nos taboleiros da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, das súas delegacións provinciais e dos vicerrectorados de estudiantes das tres universidades de Galicia, poderase formular reclamación ante a comisión avaliadora no prazo de 8 días naturais. Transcorrido o dito prazo, a comisión procederá a estudia-las reclamacións presentadas e elevará a proposta definitiva, por medio da Dirección Xeral de Universidades, ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, para que resolva.

8. Publicación da resolución da concesión e libramento.

A resolución de concesión farase por orde da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria que se publicará no DOG e poñerá fin á vía administrativa segundo o disposto no artigo 109 c) da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As axudas pagaranse na conta bancaria indicada polo interesado.

9. Revogación da bolsa.

Dado que para a concesión desta bolsa se está a utiliza-la credencial que testifica oficialmente a concesión ó alumno dunha bolsa da convocatoria xeral do Ministerio de Educación e Cultura, a axuda com

plementaria que concede a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria estará sometida á revogación que, se é o caso, puidese derivarse da bolsa do Ministerio de Educación e Cultura e, polo tanto, para a revogación teranse en conta as directrices normativas desta convocatoria e as que lle sexan de aplicación da correspondente orde de convocatoria do Ministerio de Educación e Cultura.

9524