Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 199 Mércores, 14 de outubro de 1998 Páx. 11.180

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

EDICTO do 7 de setembro de 1998, do Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común de Lugo, polo que se inicia a tramitación dos expedientes de clasificación de dous montes desta provincia (4/98 e 9/98).

Perante este Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común, tramítanse os expedientes de clasificación dos montes coas características que a seguir se indican:

Expediente número 4/98:

Denominación: monte: das Gándaras e De Alfonxe.

Comunidade propietaria: veciños da parroquia de Gomeán.

Concello: O Corgo.

Superficie: 199 ha.

Lindeiros:

Os do termo parroquial son:

Norte: termos das parroquias de Castrillón e de Franqueán. Leste: termo municipal de Láncara. Sur: termos e montes das parroquias de Santalla do Alto e de Marei. Oeste: montes das Gándaras das parroquias de Marei e do Corgo.

Descrición do perímetro:

Os únicos límites salientables do monte das Gándaras desta parroquia de Gomeán son:

-Polo N divide co monte do mesmo nome da parroquia do Corgo desde Madorra de Bascuas seguindo cara o NE o cume da lomba que segue cara ó Alto de Gomeán, dividindo augas entre parroquias.

-Polo S divide tamén co monte das Gándaras, aquí da parroquia de Marei, desde a mesma Madorra de Bascuas atravesando cara ó E ó Rego das Pedras e despois atravesando cara ó SE baixando polo Rego de Martín Paz.

Expediente número 9/98:

Denominación: monte: de Parada.

Comunidade propietaria: veciños da parroquia de San Xoán de Parada.

Concello: Outeiro de Rei.

Superficie: 369 ha.

Lindeiros:

Os do termo parroquial son:

Norte: termos e montes da parroquia de Martul. Leste: río Miño, dividindo coa parroquia de Guillar. Sur: termo municipal de Lugo. Oeste: termos e montes da parroquia de Aspai.

Descrición do perímetro:

Os únicos límites salientables no perímetro destes montes da parroquia de Parada son os xa citados:

-Polo N cos montes da parroquia de Martul segundo a liña de mouteiras que cadra coa lomba divisoria entre parroquias, que baixa cara ó SE ata o río Miño.

-Polo O dividen cos montes da parroquia de Aspai, nun treito polo río Narla, baixando cara o N, e despois seguindo a liña de mouteiras coincidente practicamente coa divisoria natural entre parroquias.

-Polo S divide co termo municipal de Lugo seguindo a mouteira desde o río Narla atravesando cara o E desde o S de Santa Comba polo S de Parada, atravesando novamente o Narla e chegando ó río Miño.

En virtude do acordado polo xurado na sesión celebrada coa data do 26 de maio de 1998 e, en cumprimento da orde do instructor, conforme o disposto na Lei de montes veciñais en man común do 10 de outubro de 1989 e demais disposicións de aplicación, polo presente edicto faise pública a iniciación do expediente indicado co obxecto de que, de acordo co previsto no artigo 23 do Regulamento do 23 de setembro de 1992 para a execución da citada lei, cantas persoas, organismos e corporacións resulten interesadas, poidan comparecer e intervir no expediente iniciado e formular perante o xurado, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da publicación do presente edicto no Diario Oficial de Galicia, cantas alegacións coiden oportunas na defensa dos dereitos que crean asistirlles en relación co monte, achegando, se é o caso, a documentación que consideren conveniente ó respecto.

Lugo, 7 de setembro de 1998.

Luis González Vázquez

Presidente do Xurado Provincial de Montes

Veciñais en Man Común de Lugo

9208