Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 198 Martes, 13 de outubro de 1998 Páx. 11.103

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

ORDE do 22 de setembro de 1998 aprobatoria do deslindamento parcial do dominio público afecto ás obras do camiño e canle de regadío da marxe esquerda do río Ulla, na zona de Carreiras-Pontecesures (Pontevedra).

Examinado o procedemento de deslindamento parcial do dominio público afecto ás obras do camiño e canle de regadío da marxe esquerda do río Ulla, na zona de Carreiras-Pontecesures (Pontevedra), iniciado por Resolución do 23 de marzo de 1998 da Secretaría Xeral e do Patrimonio, apreciáronse os seguintes

Antecedentes:

1. A Secretaría Xeral e do Patrimonio recibiu o 11 de marzo de 1998 oficio do ente público Augas de Galicia onde se comunicaba o contido do auto do 3 de marzo de 1998 dictado polo Xulgado de Primeira Instancia e Instrucción número un de Vilagarcía de Arousa no xuízo de menor contía nº 491/1987, seguido por instancia de Juán José Llerena Orgaz contra a Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda (Xunta de Galicia). O dito auto dicía: «Dispoño: concederlle un mes á demandada para que, de acordo a dereito, deslindamento o terreo conforme o plano parcelario de 1972, e, de non ser habido proceda a deslindar administrativamente o terreo de litis, para, a continuación constituí-la servidume sobre terreo público e ata a confluencia coa propiedade do actor ou, no seu defecto, coas propiedades de terceiros alleos ó procedemento (...)». O mesmo órgano xurisdiccional dictou en complemento do anterior autos do 30 de marzo e 12 de xuño de 1998 sobre ampliación de prazos para a

súa execución.

2. O informe da Subdirección Xeral do Patrimonio do 20 de marzo de 1998, presentaba entre outras as seguintes conclusións: o deber de cumprir co ordenado polo xulgado, a competencia da Secretaría Xeral e do Patrimonio da Consellería de Economía e Facenda para tramita-lo deslindamento de bens de dominio público de referencia pertencentes á Comunidade Autónoma de Galicia, e a procedencia e necesidade dun deslindamento administrativo para o suposto concreto.

3. Por Resolución do 23 de marzo de 1998 da Secretaría Xeral e do Patrimonio acordouse o inicio do expediente de deslindamento parcial do dominio público da canle de regadío da marxe esquerda do río Ulla, en Pontecesures (Pontevedra), segundo o establecido na Lei 3/1985, do patrimonio da Comunidade Autónoma galega e o regulamento que a executa aprobado polo Decreto 50/1989. Na devandita resolución ordenábase, entre outras actuacións, o traslado do acto ó Rexistro da Propiedade de Caldas de Reis, e a confección dunha memoria comprensiva.

4. A Subdirección Xeral do Patrimonio confeccionou, o 29 de abril de 1998, a memoria comprensiva relativa ó deslindamento parcial do dominio público afecto ás obras do camiño e canle de regadío da marxe esquerda do río Ulla, na zona de Carreiras, en Pontecesures (Pontevedra). Nela xulgábase xustificado o deslindamento para cumpri-lo disposto no auto de 3 de marzo de 1998 dictado polo Xulgado de Primeira Instancia e Instrucción número un de Vilagarcía de Arousa no xuízo de menor contía nº491/1987. Por outro lado propoñíase a limitación do ámbito espacial do deslindamento ó estrictamente necesario e suficiente para cumprir co ordenado, de tal xeito que a resultas dos antecedentes que xa figuraban no expediente e da documentación incorporada froito da investigación da subdirección, o obxecto do deslindamento administrativo quedaba reducido a determinar un terreo de dominio público de 356 m, que foi expropiado, con motivo das obras da marxe esquerda da zona regable do río Ulla en

Pontecesures, dun predio propiedade de Leonor Carballo Jamardo, identificado como o nº 156 do expediente número II de expropiación forzosa desa zona, procedendo a unha descrición física e das incidencias de titularidade na actualidade. Así mesmo establecíase un método de traballo. As anteriores propostas foron confirmadas polo secretario xeral e do Patrimonio.

5. A Resolución do 30 de abril de 1998 da Secretaría Xeral e do Patrimonio acordou a práctica do deslindamento parcial do dominio público afecto ás obras do camiño e canle de regadío da marxe esquerda do río Ulla, na zona de Carreiras - Pontecesures (Pontevedra), concretando o seu obxecto e fixando o recoñecemento sobre o terreo para o día 10 de xullo de 1998, así como a apertura do prazo para a presentación de alegacións e documentos. Esta resolución foilles notificada ós interesados, anunciada no taboleiro do Concello de Pontecesures e publicada no Diario Oficial de Galicia nº 86, do xoves 7 de maio de 1998.

6. Incorporadas ó expediente as alegacións e documentación recibidas en prazo e á vista do informe da Asesoría Xurídica da Consellería de Economía e Facenda, o 29 de xuño de 1998 a Secretaría Xeral e do Patrimonio resolveu dar por rematado o trámite de alegacións e, así mesmo, acredita-la condición de interesados no procedemento de Angélica Couso López, Manuel Míguez Oliveira e Juan José Llerena Orgaz.

7. O día 10 de xullo de 1998, ás 10.10 horas, no lugar de Carreiras (Pontecesures) iniciouse a práctica do deslindamento. O recoñecemento sobre o terreo continuou, logo de citación en forma, o día 28 de xullo, procedéndose ó levantamento das súas actas respectivas e a súa incorporación ó expediente xunto cun plano topográfico a escala.

8. Trala posta de manifesto do expediente, por Resolución do 14 de setembro de 1998 da Secretaría Xeral e do Patrimonio deuse por rematado o trámite

de audiencia ós interesados e por concluída a instrucción do procedemento, quedando listo para que a Secretaría Xeral e do Patrimonio propuxera a orde aprobatoria do deslindamento.

Fundamentos de dereito e consideracións técnicas:

1º. As administracións públicas, e en concreto a Xunta de Galicia, están vinculadas polos principios constitucionais de legalidade, sometemento pleno á lei e ó dereito, e sonlle de obrigado cumprimento e respecto as sentencias e demais resolucións firmes de xuíces e tribunais, están obrigadas a presta-la colaboración requirida por estes no curso dos procesos e na execución do resolto por eles, segundo o establecido no artigo 118 da Constitución española de 1978 (CE) e artigo 17.2º da Lei orgánica 6/1985, do poder xudicial. Tendo en conta isto, resulta de obrigado acatamento para esta Administración o disposto polo auto de 3 de marzo de 1998, e outros complementarios, do Xulgado de Primeira Instancia e Instrucción número un de Vilagarcía de Arousa.

Por outra banda, a Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio da Consellería de Economía e Facenda, pode acorda-lo inicio de procedementos de deslindamento administrativo de oficio ou por instancia de parte, segundo o disposto no artigo 72.1º da Lei 3/1985 do patrimonio da Comunidade Autónoma galega.

2º. A Xunta de Galicia, entre as potestades de que dispón para a protección e defensa dos bens tanto de dominio público como patrimoniais, conta coa prerrogativa de deslindar por si mesma os seus inmobles, mediante procedemento administrativo contradictorio, para o que é competente para a súa instrucción a Secretaría Xeral e do Patrimonio, e para a súa resolución, por orde, o conselleiro de Economía e Facenda.

Se dun primeiro exame dos artigos 5.2º e 3º da Lei 3/1985, do patrimonio da Comunidade Autónoma galega, e 2 e 4.1º.b) da Lei 8/1993, reguladora da Administración hidráulica de Galicia, as competencias para a realización dos deslindamentos sobre dominio público hidráulico corresponderíanlle á citada Administración hidráulica, non obstante, do estudio da documentación achegada e da normativa aplicable, resultou que a zona que se vai deslindar non era de dominio público hidráulico segundo está definido no artigo 2 da Lei estatal 29/1985, do 2 de agosto, de augas, senón dun ben de dominio público da Comunidade Autónoma de Galicia, definido no artigo 3 da Lei 3/1985, ó tratarse dunha zona de dominio público transferida polo Real decreto 1870/1985, do 11 de setembro, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de abastecementos, canalización e defensa de marxes (BOE nº 247, do 15 de outubro), procedente dunha expropiación

forzosa con motivo das obras da zona regable do río Ulla, marxe esquerda, termo municipal de Pontecesures (Pontevedra). Do antedito resultou que a competencia para tramita-lo procedemento

lle correspondía á Secretaría Xeral e do Patrimonio en virtude dos artigos 7 e 72 e seguintes da Lei 3/1985, e 7 e 172 e seguintes do regulamento de execución da lei.

3º. O auto do 3 de marzo de 1998 do Xulgado de Primeira Instancia e Instrucción número un de Vilagarcía de Arousa ordénalle á Xunta de Galicia deslindar conforme a dereito un terreo da súa titularidade, para a constitución dunha servidume sobre terreo público. No mesmo auto establécese a forma de proceder ó deslindamento: «conforme o plano parcelario de 1972 e, de non ser habido proceda a deslindar administrativamente o terreo de litis». Sinala, polo tanto, a prioridade de acudir ó plano parcelario para a determinación do dominio público, non obstante esta opción no puido ser adoptada tanto por inconvenientes de tipo técnico como xurídico.

Do exame técnico do único plano parcelario, así cualificado e das datas mencionadas, confeccionado a escala 1:2.000 pola Confederación Hidrográfica do Norte, concluíuse a imposibilidade de practicar ningún deslindamento a partir del, dada a súa escala e representación. En realidade trátase dun esbozo en sentido vulgar onde se indica a orde e o número dos predios afectados pola franxa de expropiación, sen que sirva para determina-la súa realidade xeométrica, lindeiros e superficies. Por outra parte, segundo se desprende dos antecedentes do expediente, nin a Confederación Hidrográfica do Norte nin o ente público Augas de Galicia tramitaron ningún expediente de deslindamento administrativo dos terreos obxecto de litixio, polo tanto, non se pode proceder á demarcación do dominio público con base en actuacións (léase o aludido plano parcelario) dun expediente de deslindamento anterior, neste caso inexistente, como ordena o Xulgado de Vilagarcía, pertencendo en realidade o plano en

cuestión ó expediente expropiatorio. Chegados a este punto, xuridicamente, non se poden considerar deslindados os terreos do expediente expropiatorio, xa que segundo reiterada xurisprudencia do Tribunal Supremo (entre outras a sentencia do 12.03.92, recurso nº1990/1989), a expropiación non implica o deslindamento dos bens expropiados, o deslindamento tense que tramitar como un expediente independente.

As reiteradas referencias a «planos parcelarios de deslindamento» unicamente poden interpretarse como unha confusión conceptual; evidentemente a expropiación e o deslindamento son actos administrativos distintos, producto do exercicio de diferentes potestades administrativas: no primeiro caso a potestade expropiatoria e no segundo a potestade de autotutela. Cada unha ten o seu procedemento, polo que as actuacións realizadas no expediente expropiatorio, (en concreto, o levantamento dun plano parcelario) non implican un deslindamento administrativo.

Por todo o anterior, o máis axeitado para o cumprimento do mandado polo xulgado entendeuse que

era a iniciación dun procedemento de deslindamento administrativo segundo a Lei 3/1985 do patrimonio da Comunidade Autónoma galega e o regulamento que a executa aprobado polo Decreto 50/1989, feito que se plasmou coa Resolución do 23 de marzo de 1998 da Secretaría Xeral e do Patrimonio pola que se acordou o inicio do expediente de deslindamento parcial do dominio público da canle de regadío da marxe esquerda do río Ulla, en Pontecesures (Pontevedra).

Neste mesmo fundamento, co maior respecto ó auto dictado polo Xulgado de Primeira Instancia e Instrucción número un de Vilagarcía de Arousa que, sen entrar no fondo do asunto, unicamente procede a promove-la execución da sentencia emitida con motivo do xuízo de menor contía nº 491/1987, cabe puntualizar que, ó entender deste órgano, sen prexuízo de acata-las decisións xudiciais adoptadas ou por adoptar, segundo a lexislación vixente e como se pode desprender da mesma documentación incorporada no expediente de Augas de Galicia, non se pode admitir xuridicamente unha «servidume forzosa de paso sobre dominio público», prohibida expresamente no noso ordenamento xurídico (Confr. Art. 132 CE e 6 e 8 da Lei 3/1985), senón en todo caso dunha autorización de paso por solicitude dun particular o que lle foi expropiado o seu dereito anterior, se é que o tiña (xa que no expediente non se atopou ningún documento que así o acreditase), e polo que debeu ser indemnizado convenientemente en tempo e

forma, tendo esta de calquera xeito un carácter de precariedade que permite a súa revogación, segundo se regula na lexislación patrimonial do Estado e da propia Comunidade Autónoma. Abundando neste razoamento o propio interesado no procedemento e demandante na execución da sentencia, Juán José Llerena Orgaz, nas súas alegacións do 28 de agosto de 1998 punto 5º b), reclámalle á Xunta de Galicia que lle dea ó seu dominio público as características de inalleable, imprescritible, inembargable e fóra do comercio dos homes.

4º. Para o inicio da execución do procedemento de deslindamento había que partir dunha realidade que dificultou a súa tramitación, que a única documentación oficial subsistente do expediente número II de expropiación forzosa dos predios afectados polas obras da zona regable do río Ulla, marxe esquerda, termo municipal de Pontecesures, remitida pola Confederación Hidrogáfica do Norte en forma de copia compulsada era: o plano parcelario da canle da marxe esquerda do río Ulla a escala 1:2.000, as actas previas á ocupación do 8 de xuño de 1970 correspondentes ós predios nº 156, 157, 158, 159, 159, 161, 162, 163, 163', 163'' do expediente expropiatorio, e un plano a escala 1:300 correspondente ós predios expropiados para a zona regable do río Ulla no contorno da casa-vivenda de Juan José Llerena Orgaz levantado por persoal técnico da Confederación Hidrográfica do Norte no ano 1986. Aínda que a mencionada confederación foi requirida o 16 de abril de 1998 para a entrega dos orixinais e o

resto da documentación do expediente da expropiación, non se obtivo resposta. Tampouco no trámite de alegacións e audiencia dados ós interesados neste procedemento se presentou ningún outro documento oficial que tivera relación coa expropiación desa zona.

Isto, sen embargo, non quere dicir, que a documentación, aínda que mínima, non sexa suficiente para executa-lo deslindamento, e tampouco pode alegarse que non sexa auténtica, pois queda consignada a súa fidelidade cos orixinais do expediente expropiatorio segundo a dilixencia de compulsa que figura nas copias que, en canto documentos públicos expedidos polo propio órgano que realiza o cotexo, gozan xuridicamente da mesma validez e eficacia que os documentos orixinais, segundo o artigo 46 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (LRXPA), en relación cos artigos 1220 e 1221 do Código Civil.

5º. O ámbito espacial obxecto de deslindamento foi determinado a partir dos datos do expediente remitido por Augas de Galicia, e da investigación que efectuou a Subdirección Xeral do Patrimonio da Comunidade Autónoma no Rexistro da Propiedade de Caldas de Reis, notarías de Padrón e Caldas de Reis, Concello de Pontecesures e Xerencia Territorial do Catastro en Pontevedra, o que concluíu coa determinación dunha zona restrinxida ó imprescindible (por razóns de celeridade e economía procedementais), aínda que suficiente, para a práctica do deslindamento segundo o acordado polo auto do 3 de marzo de 1998.

Deste xeito o procedemento para determina-lo dominio público quedou circunscrito a un deslindamento parcial do dominio público afecto ás obras do camiño e canle de regadío da marxe esquerda do río Ulla, referido ó terreo titularidade da Comunidade Autónoma de Galicia de 356 m expropiado dun predio propiedade (no seu día) de Leonor Carballo Jamardo, identificado como nº 156 do expediente número II de expropiación forzosa da zona regable do río Ulla, en Carreiras, municipio de Pontecesures (Pontevedra), e que na actualidade está segregado e conformado, segundo os datos rexistrais, por un terreo de 630 m pertencente a Angélica Couso López e outro de 1.260 m de Manuel Míguez Oliveira, que no momento de inscribi-lo seu dereito no rexistro da propiedade, presuntamente, obviaron diminui-lo terreo que lle fora expropiado ó predio matriz, e certamente establece-lo lindeiro coa zona de dominio público. De calquera xeito nin Angélica Couso López, nin Manuel Míguez Oliveira dubidan da existencia

de tal terreo público estremeiro, e que orixinariamente formaba parte do predio matriz, xa que nas alegacións que presentaron no procedemento administrativo se recolle a súa solicitude de reversión, o que supón un recoñecemento implícito (actos propios vinculantes) da titularidade da Comunidade Autónoma sobre a superficie de 356 m que se vai

deslindar; así como da nulidade da adquisición posterior por parte deles, no que se refire á citada superficie, ó tratarse dunha cousa «fóra do comercio» que non pode ser obxecto de contrato conforme ó artigo 1271 do Código Civil.

A modo aclaratorio, a cabida do predio matriz (nº 156 da expropiación), fíxase na súa primeira escritura de compravenda do 6 de setembro de 1980 en 1.890 m, por manifestacións dos contratantes, pero sen que se acreditase documentalmente, como no texto do propio documento recolle o notario, o que posteriormente foi arrastrado nos sucesivos negocios de segregación e segundas vendas que se efectuaron. Precisamente por esta razón e pola aludida con anterioridade sobre o seu defecto na descrición de lindeiros, estes títulos só foron tidos en conta para efectos de acredita-las propiedades dos predios. Así mesmo, polo que se refire á alegación presentada por Juan José Llerena Orgaz de que o predio nº156 do expediente expropiatorio II non figura entre os predios enumerados no anuncio de pagamento da Dirección Xeral de Obras Públicas, Confederación Hidrográfica do Norte, publicada no BOP de Pontevedra do 30 de novembro de 1972, de aceptala, teríamos que concluír que sobre a mencionada parcela

(que lle dá entrada ó seu predio) non se produciu ningunha expropiación xa que non se procedeu ó pagamento do prezo xusto, polo que a Administración daquel momento, a Comunidade Autónoma hoxe, non adquiriu ningunha parcela, e así non existiría dominio público e polo tanto non formaría parte deste litixio, máis cando o antedito alegante insiste en considera-las actas previas á ocupación como nulas. Polo contrario: en primeiro lugar a non publicación do citado anuncio no BOP do 30 de novembro de 1972, non é proba nin da falta de pagamento do prezo xusto nin da exclusión do citado predio do expediente expropiatorio; en segundo lugar, considérase que precisamente esas actas son as que fundamentan o título do terreo de dominio público, xa que nas expropiacións urxentes, como é o caso, a acta de ocupación é título dabondo para que a Administración adquira o obxecto expropiado, neste sentido pódese cita-lo dictame do Consello de Estado do 9 de xullo de 1959, a sentencia do Tribunal

Constitucional do 19 de decembro de 1986, e a do Tribunal Supremo do 1 de xuño de 1987. Todo isto é o que fai que a Administración sexa parte no preito e que se iniciase este deslindamento en execución de sentencia, con independencia da efectiva e indubitada realidade da existencia dunha canle ou unha pista que doutro xeito se reputarían realizadas en terreo alleo.

Neste espacio definido, predio nº 156 do expediente expropiatorio, atópase o lugar de acceso para a propiedade de Juan José Llerena Orgaz, polo que a extensión do deslindamento ós terreos contiguos resultaría superflua e innecesaria para con posterioridade delimita-la zona de paso cara á casa de Juan José Llerena Orgaz, co que se dará cumprimento ó auto do 3 de marzo.

O predio de dominio público que se vai deslindar corresponderá así co expropiado no seu día, e polo que entraba Juan José Llerena á súa propiedade, é dicir o identificado no expediente expropiatorio co nº 156, e do que segundo se deduce da descrición do dereito que se vai expropiar no documento da súa acta previa á ocupación, a medida expropiada foi de 356 m, dado que se di, literalmente: «464 m, digo 216 m de toxeira y 140 m de labradío de 2ª. Ademais, ocúpase temporalmente, para depósito de materiais, unha superficie de 108 m de horta de secaño.» Así, en realidade, a expropiación correspondeu só ós 216 m de toxeira, mailos 140 m de labradío, que dan un total de 356 m, xa que os restantes 108 m, ata completa-los 464 m, só se ocupan con carácter temporal. Este é o razoamento que xustifica a determinación da cabida do terreo de dominio público, baseado nun documento oficial correspondente ó expediente expropiatorio, e que neste caso serve de título, e non en simples manifestacións,

suposicións, conxecturas ou pensamentos sen soporte documental, que puidera avalalas, presentadas como alegacións por Juan José Llerena Orgaz neste procedemento, polo que non poden ser tomadas en consideración.

6º. Para a tramitación do procedemento de deslindamento o Xulgado de Primeira Instancia e Instrucción número un de Vilagarcía de Arousa non deu, como o alegante Juan José Llerena Orgaz pretende sinalar, ningunha instrucción para a súa execución que non fora outra que a súa adecuación a dereito, e en todo caso de interpretar algunha orientación sería a de remitirse ó momento da expropiación, xa que, como quedou dito, a primeira solución dada para cumprir co ordenado no seu auto do 3 de marzo, é remitirse ó plano parcelario de 1972. Neste punto sorprenden tamén as alegacións e manifestacións do mesmo interesado onde di, contradictoriamente, que o propio xulgador rexeitou por inveraz e espurio o plano parcelario de 1972 da Confederación entre outros e, por outra banda, que o xulgado ordenou deslindar administrativamente o terreo da litis partindo da realidade física actual. Por máis que este órgano actuante repasou a parte dispositiva do auto do 3 de marzo de 1998, non atopou recollidas

semellantes aseveracións, polo que a súa referencia non se pode achacar senón a simples invencións de parte. A Administración da Xunta, e en concreto a Secretaría Xeral e do Patrimonio ten plena liberdade para planifica-la instrucción do procedemento, co único sometemento ós principios e fins que modulan toda acción administrativa (Cfr. Art. 103 CE e 53 da LRXPA) e ós que en especial lles son de aplicación ós expedientes de deslindamento segundo a Lei 3/1985 do patrimonio da Comunidade Autónoma galega e o Decreto 50/1989.

7º. De acordo co ata agora expresado, e precisamente porque a realidade actual é completamente diferente á realidade do momento expropiatorio onde se definía o predio de dominio público, é polo que é materialmente imposible partir dos datos actuais

para situar unha parcela anterior que foi transformada pola execución de obras e doutras actuacións co paso do tempo. Para defini-la xeometría actual do dominio público hai que retrotraerse ó momento da expropiación, e logo redefinila a día de hoxe tendo en conta o que foi ou non ocupado pola canle, pola pista, beiravías,... que actualmente existen e que obviamente pertencen á Comunidade Autónoma, e que sempre formarían parte do terreo que se vai deslindar.

O Servicio Técnico e de Inventario da Secretaría Xeral e do Patrimonio observou a necesidade de partir dun plano base, como algo imprescindible para proceder á execución do deslindamento, dado que na actualidade non se poden identifica-los predios vellos-expropiados doutro xeito que non sexa mediante un plano levantado con anterioridade. Para isto tomáronse en consideración os seguintes planos que figuran no expediente:

-Plano levantado pola Confederación Hidrográfica do Norte a escala 1:2.000 con motivo do expediente expropiatorio.

-Plano parcelario a escala 1:300 de 1986 correspondente ós predios expropiados para a zona regable do río Ulla, situados no contorno da casa-vivenda de Juan José Llerena Orgaz, levantado por persoal técnico da Confederación Hidrográfica do Norte.

-Plano levantado pola empresa Topogray, Topografía y Servicios, S.L., a instancia de Augas de Galicia.

-Planos catastrais dos anos 1959 e corrección de 1993 da zona afectada.

-Plano elaborado pola Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda a escala 1:250 no ano 1995.

Analizado cada un deles e procedendo incluso ó seu contraste obtivéronse os seguintes resultados:

a) O plano a escala 1:2.000 da Confederación Hidrográfica do Norte, como xa se dixo, é inadmisible para a práctica do deslindamento dada a súa escala e representación, trátase dun esbozo onde se relacionan consecutivamente os predios que foron obxecto da expropiación identificados polo seu número, pero sen maior definición.

b) A Consellería de Política Territorial Obras Públicas e Vivenda no ano 1995 procedeu ó levantamento dun plano a escala 1:250 da zona afectada no que se pode comproba-la situación real do lugar nesa data, identificando predios, lindeiros, cabidas, camiños, accesos,... Non obstante presenta a realidade nun momento concreto sen facer referencia a situacións anteriores nin demarcar unha liña de dominio público para deslindar, deste xeito o seu valor debe de limitarse a identifica-la situación fisica das parcelas para poder ser contrastado.

c) Para determina-la validez da planimetría do catastro dos anos 1959 e da súa corrección de 1993

sería conveniente explica-lo método de traballo para o seu deseño. A súa confección parte dun voo aéreo fotogramétrico do que se obteñen fotografías a escala non exacta, entre 1:2.000 e 1:2.100; a partir deste material, sobre o terreo, faise un retintura identificando os lindes e cualificación agraria das parcelas, que se comproba mediante simple observación, ademais dunha identificación dos titulares dos predios segundo as súas manifestacións. Ese traballo de campo lévase ó gabinete onde se pasa a limpo sobre un orixinal, numerando as parcelas, retinguíndoas de novo e determinando a súa superficie. Este sistema de composición leva consigo que o resultado final, aínda coas posibles correccións feitas tralas alegacións dos veciños, teña unha grande marxe de erro, esencialmente porque: as fotografías aéreas obtéñense a diferente escala e sen reflecti-la altitude física do terreo, a mesma escala é moi pequena (+/- 1:2.000) o que complica o seu traslado a unha maior, o traballo de campo

está baseado nunha importante medida en métodos indiciarios de información dos veciños e da simple observación, a sucesivo retintura dos lindeiros dos predios faise a man alzada e sobre unha escala ínfima do que se calcula a súa superficie,... e particularmente porque non se trata de confeccionar unha cartografía exacta senón un indicador de referencia para determina-la base impoñible dun imposto.

A corrección feita no ano 1993, coa introducción de novos medios técnicos, permitiu homoxeneiza-la súa escala que se pode considerar exacta a 1:2.000 pero que non deixa de ter tódolos outros erros comentados.

Dadas estas características non se pode utilizar como base para o deslindamento os mencionados planos senón como unha simple aproximación, a título orientativo, das realidades nun e noutro tempo, pero nunca como certeza da que partir para o deslindamento.

Para ratificar esta conclusión, persoal técnico desta subdirección procedeu, mediante tratamento informático, a dixitaliza-lo plano do catastro de 1959 para adaptalo a unha escala uniforme co feito pola empresa Topogray para Augas de Galicia e que se presume fiel en canto á realidade física, do mesmo xeito que fixo a representación de Juan José Llerena Orgaz nas alegacións presentadas o 25 de marzo de 1998 perante o Xulgado de Primeira Instancia e Instrucción número un de Vilagarcía de Arousa, comprobándose a imposible incardinación dos planos, aínda reducidos á mesma escala, precisamente porque o do catastro leva implícitos tódolos erros sinalados e non dá máis que unha idea aproximada da realidade, pero nunca de cabidas e lindeiros certos. Por outro lado, comprobouse contrastadamente que o documento nº 2bis achegado nesas alegacións polo demandante, non é máis que unha ruela montaxe de fotocopias aumentadas sucesivamente ata chegar a unha coincidencia planimétrica aproximada, pero

sen obedecer a ningunha escala uniforme.

d) Augas de Galicia, na súa intención de acata-la sentencia do Xulgado de Vilagarcía de outubro de 1988, procedeu a requiri-la empresa Topogray, Topografía e Servicios, S.L. para realizar traballos de replanteo e demarcación física do terreo de dominio público na zona da litis, froito do que se elaborou un plano a escala 1:300 en novembro de 1997. Considerado o plano desde un punto de vista técnico, en principio, non se lle poden facer obxeccións, xa que polo método de traballo empregado pode presumirse a súa exactitude polo menos o que respecta á descrición física da zona, con independencia das fontes que se tiveron en conta para a súa definición. Non obstante é evidente que este plano non se pode tomar en conta dado que foi realizado sen someterse ó procedemento regulamentario e legalmente establecido, o que o cualifica de inválido.

e) O plano a escala 1:300 levantado por persoal técnico da Confederación Hidrográfica do Norte no ano 1986 correspóndese, segundo comunicación da propia entidade, co parcelario realizado para a expropiación aumentando as súas referencias no tramo en concreto de que se trata e delimitando a zona de dominio público.

Aínda que se considera que pode ter algunhas deficiencias, entre os dispoñibles é realmente o único plano que se pode aproveitar para proceder ó deslindamento por: ser un auténtico plano a escala, se-lo único plano oficial que hai da expropiación a escala axeitada, identifica-los predios vellos antes da expropiación (lindes, superficies, titulares,...) e o seu resultado trala mesma, contén puntos xeométricos que permaneceron invariables no tempo e que, polo tanto, se poden utilizar como puntos de referencia para face-los replanteos.

Coa finalidade de corrobora-la fiabilidade do plano e a súa exactitude procedeuse por medios informáticos (programa de deseño gráfico Cadkey) a dixitaliza-lo plano, calculáronse as superficies das parcelas e das franxas expropiadas dando como resultado unha boa aproximación ó reflictido nas actas previas de ocupación, apoiando así a presunción da súa certeza.

Feitas estas comprobacións, a xuízo dos técnicos da Subdirección Xeral do Patrimonio da Comunidade Autónoma este último plano resultou o máis axeitado para ser utilizado de base fiable para a práctica do deslindamento administrativo, é máis, desde o punto de vista xurídico, a súa correspondencia co plano parcelario da expropiación, fai que a súa adopción implique indirectamente a execución do deslindamento segundo o ordenado no mesmo auto do 3 de marzo, de conformidade con aquel plano; todo isto, sempre, sen prexuízo das alegacións dos afectados, da información complementaria da Confederación Hidrográfica que nunca se recibiu, e do resultado do recoñecemento sobre o terreo no procedemento.

8º. Tendo en conta a documentación que figura no expediente, as investigacións realizadas, as alegacións presentadas, e o resultado do recoñecemento sobre o terreo, despois de reconstrui-lo predio nº 156 do expediente expropiatorio nº II e o expropiado-segregado, o predio da Comunidade Autónoma de Galicia, zona de dominio público afecta á canle e camiño de servicio do regadío da marxe esquerda do río Ulla obxecto deste deslindamento, quedou definido segundo a acta e o plano topográfico a escala levantados con motivo da práctica do deslindamento do 28 de xullo de 1998, do seguinte modo: «parcela de 356 m que linda: norte liña quebrada de dous tramos de 9,28 m e 6,52 m co Camiño de Carreiras; sur, liña quebrada composta de sete tramos de 8,99 m, 2,36 m, 3,47 m, 8,56 m, 5,92 m, 5,27 m, e 7,45 m, con propiedades de Angélica Couso López e Manuel Míguez Oliveira; leste, liña quebrada de tres tramos de 7,45 m, 23,42 m, e 20,66 m con máis dominio público, camiño do regadío, canle e Ricardo

Moreiras Buceta; e oeste, liña dun tramo de 23,17 m, con Enrique Miguens España, Angélica Couso López no medio.»

Para a práctica do deslindamento e a definición desta parcela utilizouse o seguinte método de traballo: procedeuse a replantea-los puntos que definían a parcela de Leonor Carballo Jamardo (predio nº156 da expropiación) utilizando como referencia o plano a escala 1:300 levantado pola Confederación Hidrográfica do Norte de España en 1986; mediante tratamento informático, tomando como fixas as lindes norte e leste xa que se corresponden con máis dominio público (camiño de carreiras, canle de regadío e camiño de regadío) e que polo tanto neses puntos necesariamente debería radica-lo dominio público pois está constituído na actualidade por infraestructuras públicas procedeuse a despraza-las liñas dos lindes oeste e sur ata completa-los 356 m de superficie, para o que se procurou comprender canle, pista, beiravías e ribadas, esgotándose nesta operación a totalidade da superficie que se vai ocupar segundo se observa no plano que se levantou tralo recoñecemento sobre o terreo e que serve

para determina-la forma do terreo. Deste xeito a configuración xeométrica do predio de dominio público ten un sentido, ocupa-las zonas que constitúen de por si servicio público e as súas accesorias de servidume e que, ó mesmo tempo, resultan inadecuadas para usos agrícolas dada a súa pendente; así mesmo a configuración da linde oeste (conformada basicamente polas beiravías e ribadas) constitúe unha liña paralela bastante homoxénea e regular á marxe da pista do camiño de regadío, tendo en conta sempre que o seu largo vén determinado sempre pola superficie expropiada. Isto último debe de terse en conta á hora de estudia-la alegación presentada por Juan José Llerena Orgaz, xa que se ben é certo que na actualidade hai normativa autonómica de estradas que fai un deseño da zona de dominio público, non o é menos que a súa aplicación non ten efectos retroactivos, e que en todo caso só poden terse en conta

a xeito orientativo, como así se fixo, pero de ningunha maneira pode resultar determinante porque no momento da expropiación, ano 1970, evidentemente aínda estas normas non entraran en vigor, polo que a superficie ocupada non puido obedecer ás esixencias normativas actuais.

Os equipos utilizados para a execución dos traballos foron, no campo unha estación total Nikon DTM-20 e instrumentación complementaria, e no gabinete un equipo informático composto de computadora e mesa de dixitalización Summagraphics Microgrid II.

Vistos os resultados do deslindamento chégase á conclusión que entre o predio da Comunidade Autónoma e a propiedade de Juan José Llerena Orgaz, existen outras propiedades, posibilidade esta non descartada polo propio auto do 3 de marzo de 1998 do Xulgado número un de Vilagarcía de Arousa, en concreto trátase do terreo propiedade de Angélica Couso López. Isto contradí as alegacións de Juan José Llerena Orgaz no referente a que a rampla de acceso á súa vivenda transcorre unicamente por terreo público, xa que certamente non existe ningún documento que así o confirme, o carácter exclusivo é un valor engadido polo propio alegante, só por parte da Confederación Hidrográfica se recoñeceu que a entrada pasaría polo que no seu día fora predio de seu, pero nunca aseverou que o comprendera exclusivamente, de feito a propia confederación no ano 1986 procedeu a un levantamento topográfico da zona na procura de clarexa-la situación, prevendo que se este non fora suficiente habería de procederse a

facer un deslindamento administrativo, cousa que nunca fixo, e que agora se levou a cabo con estes resultados. Actas notariais e fotografías, en contra do que o alegante Juan José Llerena Orgaz pretende, serven xustamente para correlaciona-la realidade física coa xurídica, o terreo de dominio público nunca chegou ata a súa propiedade, de aí que a rampla de acceso se estreitase preto da súa entrada ó chegar á propiedade de Angélica Couso López.

9º. Finalmente, débese puntualizar que os criterios que se seguiron para a práctica deste deslindamento, obedeceron ós principios básicos que rexen para toda actuación administrativa: legalidade, obxectividade e defensa do interese público. As accións da Administración han de amosar neutralidade cara ós administrados, e non poden quedar sometidas a pretensións particularistas, que ó amparo da defensa dos intereses xerais, en realidade, buscan beneficiarse dunha situación pública, lexítima pretensión só cando non causa prexuízos a terceiros nin ós intereses xerais. O dominio público debe chegar onde legalmente corresponda de acordo co título que o ampare e o servicio público a que estea afecto. A entrada privada a unha propiedade particular non se atopa entre os supostos de afectación ó dominio público, por iso non pode ser lexítima a actuación dunha administración interesada en acercar terreo público a un administrado sen outra xustificación que o seu interese propio, os

administrados non teñen ningún dereito esixible dese teor, a Administración non ten a obriga de achega-lo dominio público ós predios

dos particulares para que estes mellor se sirvan, ten a obriga de facer depende-la zona de dominio público do servicio que presta, máis aínda se temos en conta que os terreos en cuestión proceden dunha expropiación que se executou con un fin público e social: a construcción dunha canle de regadío e o seu camiño auxiliar de servicio. A Xunta de Galicia non pode adoptar decisións contrarias ó interese público, ó ordenamento xurídico ou ós principios de boa administración, xestión e conservación do seu patrimonio, os actos de disposición dos seus bens están sempre vinculados a estes principios, especialmente cando se trata de dominio público, materia non subsceptible a transacción, fóra do comercio dos homes (Cfr. Art. 88 LRXPA, Art. 6 Lei 3/1983).

De acordo co anterior,

RESOLVO:

Apróbase o deslindamento parcial do dominio público afecto ás obras do camiño e canle de regadío da marxe esquerda do río Ulla, na zona de Carreiras-Pontecesures (Pontevedra), iniciado por Resolución do 23 de marzo de 1998 da Secretaría Xeral e do Patrimonio, segundo o ordenado no auto do 3 de marzo de 1998 dictado polo Xulgado de Primeira Instancia e Instrucción número un de Vilagarcía de Arousa no xuízo de menor contía nº 491/1987, nos termos que se establecen no fundamento de dereito e consideracións técnicas 8º desta orde.

Esta resolución pon fin á vía administrativa, e contra ela poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, conforme o disposto no artigo 58 da Lei reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa, do 27 de decembro de 1956, logo de comunicarllo a esta consellería de acordo co establecido no artigo 110.3º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 22 de setembro de 1998.

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

8975