Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 198 Martes, 13 de outubro de 1998 Páx. 11.102

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

DECRETO 276/1998, do 24 de setembro, polo que se modifica o artigo 5 do Decreto 144/1996, do 17 de abril, polo que se crea a Comisión Interdepartamental de Xuventude.

A Comunidade Autónoma de Galicia ten a competencia exclusiva en materia de promoción do desenvolvemento comunitario de conformidade co artigo 27.24º do Estatuto de autonomía. No exercicio desta competencia creouse a Comisión Interdepartamental de Xuventude en virtude da aprobación do Decreto 32/1992, do 29 de xaneiro, derrogado polo actual Decreto 144/1996, do 17 de abril (DOG nº 81, do 25 de abril). O obxectivo da comisión é a busca dunha rendibilidade dos recursos dispoñibles da Comunidade Autónoma para os efectos de coordina-las diversas actuacións levadas a cabo polos distintos departamentos da Xunta de Galicia no eido da xuventude.

Aprobada a nova estructura orgánica da Xunta de Galicia polo Decreto 347/1997, do 9 de decembro e da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude aprobada polo Decreto 488/1997, do 26 de decembro, xorde a necesidade de proceder á modificación da composición deste órgano colexiado.

Por todo isto, e por proposta da conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, en virtude das competencias que en materia de xuventude lle atribúe o Decreto 347/1997, do 9 de decembro e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintecatro de setembro de mil novecentos noventa e oito,

DISPOÑO:

Artigo único.-O artigo 5 do Decreto 144/1996 terá a seguinte redacción.

«A Comisión Interdepartamental de Xuventude estará composta por:

a) Presidente: presidente da Xunta de Galicia.

b) Vicepresidente: a conselleira de Familia e Promoción do Empregro, Muller e Xuventude.

c) Vocais:

1. O director xeral de Xuventude.

2. Os titulares das seguintes secretarías xerais dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia:

-Secretaría Xeral de Relacións coas Comunidades Galegas.

-Secretaría Xeral para o Deporte.

-Secretaría Xeral de Relacións coa Unión Europea e Acción Exterior.

-Secretaría Xeral de Planificación e Desenvolvemento Comarcal.

-Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento.

-Secretaría Xeral para as Relacións cos Medios Informativos.

3. Un representante coa categoría de director xeral de cada unha das restantes consellerías; a súa designación será realizada polo conselleiro respectivo.

4. Un representante do Consello da Xuventude de Galicia, designado polo presidente do dito consello.

5. Un representante da Federación Galega de Municipios e Provincias, designado polo presidente da dita federación.

d) Secretario: o subdirector xeral de programas da Dirección Xeral de Xuventude, da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

No caso de ausencia ou enfermidade do secretario, será substituído temporalmente polo subdirector xeral de promoción de actividades da Dirección Xeral de Xuventude da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

Por cada membro titular nomearase tamén un suplente, que no caso do vicepresidente será o director xeral de Xuventude, e no caso de directores xerais ou secretarios xerais terá categoría de subdirector xeral.

Deberá comunicárselle ó secretario, antes de abri-la reunión da comisión, a substitución de calquera dos vocais titulares ou do vicepresidente polo seu suplente.

Os suplentes, cando ocupen o posto dun titular, participarán nos debates e votacións nas mesmas condicións dos vocais que substitúen».

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude para dicta-las normas necesarias para o desenvolvemento do presente decreto.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor ós vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vintecatro de setembro de mil novecentos noventa e oito.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude

9131