Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 197 Venres, 09 de outubro de 1998 Páx. 11.066

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 24 de setembro de 1998 pola que se clasifica como de interese social a Fundación para a Protección de Discapacitados Psíquicos da Comarca de Valdeorras.

Visto o expediente de clasificación da Fundación para a Protección de Discapacitados Psíquicos da Comarca de Valdeorras con domicilio en Bañadoiro-Vilamartín (Ourense).

Supostos de feito.

1. Agenor Antonio López Siso, na súa calidade de presidente do padroado da fundación, en escrito do dous de setembro de 1998, formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A fundación foi constituída en escritura pública outorgada no Barco de Valdeorras, o día dezanove de agosto de 1998, ante o notario do Ilustre Colexio da Coruña, José Guillermo Rodicio Rodicio co número tres mil oitocentos cincuenta e oito do seu protocolo por Agenor Antonio López Siso, Manuel Corzo Macías, Julio Gurriarán Canalejas, María del Carmen González Quintela, Joaquín Bautista Prieto Rodríguez, Gabino Fariñas Pérez, Vicente Solarat López, Antonio Cao Rodríguez, Vicente García Carrasco e Manuel Candal Candal, interveñen Agenor Antonio López Siso en representación da Mancomunidade Intermunicipal de Valdeorras, Manuel Corzo Macías en representación

do Concello do Bolo, Julio Gurriarán Canalejas en representación do Concello do Barco de Valdeorras, María del Carmen González Quintela en representación do Concello de Carballeda de Valdeorras, Joaquín Bautista Prieto Rodríguez en representación do Concello de Larouco, Gabino Fariñas Pérez en representación do Concello de Petín, José Vicente Solarat López en representación do Concello da Rúa, Antonio Cao Rodríguez en representación do Concello de Rubiá, Vicente García Carrasco en representación do Concello da Veiga e Manuel Candal Candal en representación do Concello de Vilamartín de Valdeorras.

3. Segundo consta no artigo 6 dos estatutos, o obxecto da fundación é proporcionar asistencia social para discapacitados psíquicos en idade laboral cunha minusvalía temporal ou permanente que lles impida a súa integración nunha empresa ou nun centro especial de emprego, prestando funcións tutelares, asistenciais, ocupacionais e en xeral calquera tipo de actividades formativas ou educacionais tendentes á mellora-la calidade de vida dos seus beneficiarios.

4. O padroado da fundación estará constituído por Agenor Antonio López Siso como presidente, Manuel Candal Candal como director xeral, José Vicente Solarat López como secretario e Manuel Corzo Macías, María del Carmen González Quintela, Julio Gurriarán Canalejas, Antonio Cao Rodríguez, Vicente García Carrasco, Gabino Fariñas Pérez e Joaquín Bautista Prieto Rodríguez como vocais.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías elevoulle ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública proposta de clasificación como de interese social da Fundación para a Protección de Discapacitados Psíquicos da Comarca

de Valdeorras, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede á súa clasificación como de interese social e á súa adscrición á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

Fundamentos de dereito.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2º.c) do Decreto 248/92, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, correspóndelle a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día vinteún de setembro de 1998.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño, e a Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Na súa virtude

DISPOÑO:

Clasificar como de interese social a Fundación para a Protección de Discapacitados Psíquicos da Comarca de Valdeorras e adscribila á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 24 de setembro de 1998.

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración

Pública

9111