Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 197 Venres, 09 de outubro de 1998 Páx. 11.064

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

ORDE do 1 de outubro de 1998 pola que se crean os carnés de inspectores de sanidade e producción vexetal, sanidade e producción animal e do servicio de defensa de calidade agroalimentaria.

O incremento do control das produccións vexetais e animais, así como das industrias de transformación tanto no que se refire á súa cantidade como á calidade e ó estado sanitario, fai preciso dota-los funcionarios encargados del da acreditación necesaria para efectua-las inspeccións pertinentes en todas aquelas fases en que sexa preciso realizalas.

Por outra banda, é necesario garanti-los dereitos dos agricultores, gandeiros, industriais e comercializadores tanto no segredo das informacións obtidas coma no que á capacidade inspectora dos funcionarios se refire.

Con base en todo iso e o disposto no artigo 30.I.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, reguladora da Xunta e do seu presidente

DISPOÑO:

Artigo 1º

Créanse os carnés de inspectores de sanidade e producción nas súas versións das ramas animal e vexetal, e o de inspector de defensa contra fraudes e de calidade agroalimentaria.

Artigo 2º

O formato e o contido dos carnés mencionados serán os recollidos nos anexos I, II e III desta orde.

Artigo 3º

1. A expedición dos carnés de inspector de sanidade e producción vexetal e sanidade e producción animal será realizado pola Dirección Xeral de Producción Agropecuaria, que levará un rexistro deles e un control de altas e baixas.

2. A expedición dos carnés de inspector de defensa contra fraudes e calidade agroalimentaria corresponderalle á Dirección Xeral de Industrias e Alimentación que levará, así mesmo, un rexistro deles e un control de altas e baixas.

3. Os carnés serán documentos persoais e intransferibles e a súa expedición será gratuíta.

4. O carné será de duración ilimitada en tanto os funcionarios ou o persoal contratado para tal efecto permanezan dentro do organigrama da dirección xeral correspondente e ás súas funcións lles correspondan cometidos de inspección. Só se renovarán en caso de deterioración, extravío, perda ou roubo trala correspondente solicitude do funcionario posuidor.

Artigo 4º

O funcionario, que en uso dos seus cometidos proceda a unha inspección, deberá mostra-lo correspondente carné de inspector e o de identidade ou o de funcionario, se é o caso, se así llo solicita o propietario da instalación.

Disposicións transitorias

Primeira.-Facúltanse os directores xerais de Producción Agropecuaria e de Industrias e Alimentación para dicta-las resolucións, instruccións e directrices que sexan necesarias para o desenvolvemento e aplicación desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de outubro de 1998.

Cástor Gago Álvarez

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Política

Agroalimentaria

8887