Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 195 Mércores, 07 de outubro de 1998 Páx. 11.005

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 15 de setembro de 1998, da Dirección Xeral de Xustiza e Administración Local, pola que se convocan a concurso de traslado prazas para secretarías de xulgados de paz de máis de 7.000 habitantes, entre secretarios de paz a extinguir e oficiais da Administración de xustiza.

Vacantes na Administración de xustiza en Galicia postos de traballo do corpo a extinguir de secretarios de xulgados de paz de poboacións de máis de 7.000 habitantes, dotados orzamentariamente, e dos que a súa provisión se estima conveniente en atención ás necesidades do servicio, procede convocar concurso de traslado, de conformidade co establecido nos artigos 455, 481 e 494 da Lei orgánica 6/1985, do 1 de xullo, do poder xudicial, no Regulamento orgánico de secretarios da xustiza municipal, aprobado polo Decreto do 12 de xuño de 1970, e no capítulo III do título IV do Regulamento orgánico do corpos de oficiais, auxiliares e axentes da Administración de xustiza aprobado polo Real decreto 249/1996, do 16 de febreiro,

Por todo iso, o Ministerio de Xustiza, coordenadamente coa Comunidade Autónoma de Galicia, dispón convocar concurso para a provisión dos postos que se relacionan no anexo I segundo as seguintes bases:

Primeira.-Postos que se poden solicitar.

1. Poderán tomar parte no presente concurso e solicita-las vacantes de postos de traballo de secretarías de xulgados de paz da Administración de xustiza os funcionarios pertencentes ó corpo a extinguir de secretarios de xulgados de paz e os oficiais da Admón. de xustiza, calquera que sexa a súa situación administrativa, agás os suspensos que non remataran o período de suspensión, tendo os funcionarios do corpo de secretarios de xugados de paz preferencia sobre os integrantes do corpo de oficiais da Admón. de xustiza para as prazas de localidades de máis de 7.000 habitantes.

2. Nas secretarías con censo inferior a 7.000 habitantes de dereito non resultan de aplicación os tres puntos que pola especial dificultade do posto de traballo recolle o artigo 10 letra b) do Real decreto 1616/1989, do 29 de decembro, polo que se establece a contía de complemento de destino dos funcionarios ó servicio da Administración de xustiza.

3. A adxudicación das prazas de secretarías de xulgados de paz a oficiais da Administración de xustiza non suporá en ningún caso ascenso nin cambio do corpo ou categoría dos adxudicatarios.

4. Os participantes poderán solicitar as prazas vacantes incluídas no anexo I desta resolución de convocatoria, sempre que reúnan os requisitos xerais esixidos na data de remate do prazo de presentación de solicitudes. As ditas vacantes identificaranse polo código de centro de destino, relación de postos de traballo (RPT) e número de orde do posto de traballo.

Segunda.-Requisitos e condicións de participación.

1. Os funcionarios do corpo a extinguir de secretarios de xulgados de paz de máis de 7.000 habitantes dos do corpo de oficiais da Administración de xustiza só poderán participar se na data de remate do prazo de presentación de instancias transcorreu un ano desde a toma de posesión no seu actual posto de traballo definitivo (artigo 57.c) do Real decreto 249/1996).

2. Os funcionarios en servicio activo con destino provisional nos órganos que se oferten estarán obrigados a participar no presente concurso.

No caso de que non obtiveran destino en concurso, atribuiráselle-lo desempeño con carácter provisional dun posto correspondente ó seu corpo.

3. Os funcionarios que se atopen nas situacións de excedencia voluntaria establecidas no artigo 34 b) e c) do Real decreto 249/1996 (excedencias por agrupación familiar e por interese particular) só poderán participar no concurso se na data de remate do prazo de presentación de solicitudes transcorreran dous anos como mínimo desde que foron declarados nesa situación.

4. Os funcionarios en situación de excedencia para o coidado de fillos ó abeiro do disposto no artigo 35 do Real decreto 249/1996 só poderán concursar se transcorreu un ano desde a toma de posesión do último destino definitivo.

5. Os excedentes forzosos terán obriga de participar no presente concurso co obxecto de obteren un posto de traballo definitivo. De non participaren neste concurso ou non obteren posto de traballo serán destinados a calquera dos non adxudicados ós outros concursantes.

Os excedentes forzosos, os suspensos definitivos que perderan o seu posto de traballo e os excedentes voluntarios do artigo 34.a) do Regulamento orgánico aprobado por Real decreto 249/1996, gozarán, por esta orde, a primeira vez que se anuncie a concurso vacante do corpo na mesma localidade onde servían cando se produciu ó seu cesamento no servicio activo, de dereito preferente para ocupala.

Tercera.-Baremos.

A valoración de méritos para a adxudicación dos postos de traballo farase de acordo con dous baremos, segundo a praza corresponda a xulgados con poboación superior ós 7.000 habitantes ou non.

1. Para praza de secretarías de paz de máis de 7.000 habitantes.

1.1. Os funcionarios do corpo a extinguir de secretarios de paz de máis de 7.000 habitantes terán preferencia sobre os oficiais da Admón. de xustiza, valorándose entre eles a antigüidade polos servicios efectivos prestados no corpo ou outorgándose un punto por cada ano completo de servicios, e computándose proporcionalmente os períodos inferiores (0,0027777 por día), establecéndose os meses como de 30 días.

1.2. Os funcionarios do corpo de oficiais da Admón. de xustiza optarán a estas prazas con posterioridade ós secretarios de paz mencionados no punto anterior.

Entre os oficiais teranse en conta as seguintes preferencias:

1º Oficiais que estiveran en posesión do título de licenciado en dereito.

2º Oficiais titulares dunha secretaría de paz.

3º Demais oficiais.

Dentro de cada un dos tres grupos relacionados, a valoración de méritos levarase a cabo de acordo co baremo establecido para as prazas de secretarías de paz de menos de 7.000 habitantes.

2. Para prazas de secretarías de paz de menos de 7.000 habitantes.

Só poderán optar a estas prazas os funcionarios do corpo de oficiais da Admón. de xustiza, téndose en conta as seguintes preferencias:

1º Oficiais que estiveran en posesión do título de licenciado en dereito.

2º Oficiais titulares dunha secretaría de paz.

3º Demais oficiais.

Dentro de cada unha das preferencias citadas, a valoración de méritos da antigüidade e o coñecemento da lingua oficial da Comunidade Autónoma farase na forma seguinte:

a) Antigüidade. Polos servicios efectivos no corpo outorgarase un punto por cada ano completo de servicios, e se computando proporcionalmente os períodos inferiores (0,0027777 por día), establecéndose os meses como de 30 días.

b) Coñecemento oral e escrito da lingua oficial propia das comunidades autónomas. Nas prazas situadas nas comunidades autónomas que teñan lingua oficial propia, como é o caso, o coñecemento oral e escrito desta debidamente acreditado por medio de certificación oficial da Comunidade Autónoma, ou homologación do título achegado e do nivel ó que corresponda o título, supón o recoñecemento para estes efectos de ata 6 puntos segundo o nivel de coñecementos acreditado nos termos da disposición adicional segunda do Regulamento orgánico aprobado por Real decreto 249/1996, do 16 de febreiro, na forma seguinte:

a) Curso de iniciación e perfeccionamento ou curso básico de linguaxe xurídica galega: dous puntos.

b) Curso medio de linguaxe xurídica galega: catro puntos.

c) Curso superior de linguaxe xurídica galega: seis puntos.

Cuarta.-Modelos e prazos de presentación de solicitudes.

1. Os funcionarios destinados definitivamente en postos das relacións de postos de traballo do corpo a extinguir de secretarios de paz e os do corpo de oficiais da Administración de xustiza, así como os que se atopen en situación de servicios especiais e excedentes por coidado de fillo que teñen reservado o seu posto de traballo, radicados no territorio nacional, sen competencias transferidas presentarán a súa

solicitude axustada ó modelo V-I publicado como anexo II da resolución do Ministerio de Xustiza no prazo de 10 días naturais seguintes ó da publicación da presente convocatoria no Boletín Oficial del Estado, dirixidas ó director xeral de Relacións coa Administración de Xustiza, no Rexistro de Entrada da Xerencia Territorial do Ministerio de Xustiza que corresponda ó tribunal ou xulgado no que estiveran destinados.

Os funcionarios destinados nos xulgados ou tribunais de Galicia, interesados nas prazas que se ofertan neste concurso presentarán a súa solicitude ó director xeral de Xustiza e Administración local da Comunidade Autónoma de Galicia, segundo o modelo e prazo referido no parágrafo anterior.

2. Os funcionarios destinados en postos das relacións de posto de traballo doutros corpos da Administración de xustiza ou doutras administracións que se atopen en excedencia do Art. 34 letra a) do Real decreto 249/1996, do 16 de febreiro, nos corpos de secretarios de paz ou de oficiais da Administración de xustiza, que desexen solicitar prazas ofertadas no presente concurso na súa calidade de secretario de paz ou de oficial, utilizarán o modelo V-2 publicado como anexo II da resolución do Ministerio de Xustiza no prazo de 10 días naturais seguintes ó da publicación da resolución no Boletín Oficial del Estado dirixida ó director xeral de Relacións coa Administración de xustiza debendo ter entrada no rexistro xeral do Ministerio de Xustiza, rúa San Bernardo, 21 (28071-Madrid).

3. O resto de solicitantes que desexen participar no presente concurso, como os excedentes forzosos aínda que tiveren un destino provisional, os suspensos definitivos que perderan o seu posto de traballo, os participantes con destino provisional por teren reingresado no servicio activo, así como os restantes excedentes voluntarios por agrupación familiar ou por interese particular, utilizarán o modelo V-3 publicado como anexo II da resolución do Ministerio de Xustiza no prazo de 10 días naturais seguintes ó da publicación da resolución no Boletín Oficial del Estado dirixida ó director xeral de Relacións coa Administración de xustiza, debendo ter entrada no rexistro xeral do Ministerio de Xustiza, r/ San Bernardo, 21 (28071-Madrid).

4. As solicitude poderán remitirse tamén na forma prevista no Art. 38 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As que se presenten nas oficinas de correos enviaranse en calquera das dúas modalidades seguintes:

a) Por correo ordinario; neste caso deberá ter entrada no rexistro xeral do Ministerio de Xustiza, xerencias territoriais ou Consellería de Xustiza da Comunidade Autónoma de Galicia (Dirección Xeral de Xustiza e Administración Local. Praza de Europa, 5 A-4º Fontiñas. 15703 Santiago de Compostela), para os funcionarios destinados nos xulgados e tribunais de Galicia, en todo caso antes da data de remate do prazo de presentación de instancias.

b) Por correo certificado; neste suposto presentaranse nas oficinas de correos en sobre aberto para

ser datadas e seladas polo funcionario de correos antes de seren remitidas. Os participantes no concurso deberán envia-la instancia que teña o selo da oficina de correos, sen que poida admitirse pasado o prazo de presentación de instancias aquela que non cumpra este requisito, aínda que posteriormente se puidese acreditar tal extremo.

5. Os excedentes voluntarios por interese particular xuntaranlle á súa solicitude declaración de non teren sido separados de calquera das administracións públicas.

6. A solicitude para tomar parte neste concurso será única para cada funcionario participante, aínda que se soliciten prazas radicadas no territorio das Comunidades Autónomas do País Vasco, Cataluña, Galicia, Comunidade Valenciana, Canarias e Andalucía, que polo tanto figuren nas convocatorias que simultaneamente realicen os gobernos autónomos e se publiquen nos boletíns oficiais das comunidades autónomas respectivas.

Do mesmo modo mediante unha única instancia deberán optar por participar desde o corpo no que o funcionario se atope en activo, ou reingresar ó servicio activo no corpo do que formen parte como excedentes.

Ó resultar irrenunciables os destinos obtidos por instancia do funcionario no caso de obter destino, o reingresado ó servicio mediante concurso de traslado, quedará automaticamente en excedencia no corpo no que se atopase en activo, polo que o seu destino se ofrecerá como praza vacante en ulteriores concursos de traslado.

7. A solicitude formulada será vinculante para o peticionario unha vez transcorrido o período de presentación de instancias.

Quinta.-Peticións condicionadas.

Ó non existir máis ca unha praza de secretaría de paz en cada un dos xulgados que se ofertan, non se poden producir peticións condicionadas no presente concurso.

Sexta.-Tramitación.

As unidades de persoal das xerencias territoriais do Ministerio de Xustiza onde tiveran entrada as solicitudes de participación no presente concurso, a Dirección Xeral de Relacións coa Administración de Xustiza e as comunidades autónomas con competencias transferidas efectuarán a gravación no proceso informático.

Rematado o dito proceso, efectuarase a baremación, de acordo cos datos que figuran no anexo III da resolución do Ministerio de Xustiza comprensiva desta convocatoria.

Este anexo III de cada participante faráselles chegar ós solicitantes mediante envío á sede do órgano de destino actual do funcionario ou ó seu enderezo se se atopara en excedencia por interese particular, por coidado de fillos ou por agrupación familiar, de xeito que haberá de facer constar na solicitude o enderezo de notificación.

Os funcionarios interesados expresarán no prazo de 10 días a súa conformidade cos datos que constan no anexo III ou a súa desconformidade con algún deles, solicitando a súa corrección para o que deberán achegar no dito prazo a proba documental oportuna e fotocopia selada da instancia que presentaron no seu día, todo iso de acordo co establecido no artigo 71 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Unha vez asinado o apartado correspondente, será devolto ás unidades de persoal que procederon á gravación informática como proba de conformidade ou non, cos datos que constan no citado anexo III.

A non devolución do dito anexo III no prazo establecido, entenderase como mostra de conformidade e aceptación dos datos contidos nel.

Sétima.-Adxudicacións.

1. A orde de prioridade para a adxudicación dos postos de traballo virá dada pola puntuación total obtida segundo os baremos da base terceira.

2. No caso de empate na puntuación total acudirase para dirimilo á orde que ten na escala o funcionario.

Oitava.-Carácter dos destinos adxudicados.

1. Os traslados que se deriven da resolución do presente concurso terán a consideración de voluntarios para os efectos previstos no Real decreto 236/1988, do 4 de marzo, sobre indemnizacións por razóns de servicio.

2. Os destinos adxudicados serán irrenunciables.

Novena.-Resolución e prazo de toma de posesión.

1. A presente convocatoria resolverase por resolución do director xeral de Relacións coa Administración de xustiza por delegación do secretario de Estado de Xustiza de forma coordinada cos órganos competentes das comunidades autónomas do País Vasco, Cataluña, Galicia, Comunidade Valenciana, Canarias e Andalucía, de forma que se publiquen simultaneamente nos taboleiros de anuncios do Ministerio de Xustiza, das xerencias territoriais de Xustiza, das comunidades autónomas ditas, así como nos dos tribunais superiores de Xustiza e audiencias provinciais.

2. As resolucións provisionais expresarán o posto de orixe dos funcionarios ós que se lles adxudique destino e a súa localidade, así como a súa situación administrativa, se esta é distinta da de activo, e o posto adxudicado a cada funcionario con referencia ó centro de traballo e localidade.

3. Contra as resolucións provisionais polas que se resolvan os concursos de traslado cabe formular alegacións no prazo de 10 días desde a súa publicación nos taboleiros referidos, ante a autoridade a quen se dirixiu a petición de participación no presente concurso, empregando o modelo da resolución do Ministerio de Xustiza que se xunta á presente convocatoria como anexo IV. Resoltas estas, por outras resolucións o concurso de traslado obterá firmeza.

Aquelas alegacións que non fosen resoltas expresamente, consideraranse desestimadas ante a publicación da resolución definitiva do concurso.

4. O prazo para tomar posesión do novo destino obtido atoparase dentro do establecido no Art. 55 do regulamento orgánico aprobado por Real decreto 249/1996, do 16 de febreiro, pero cando teña lugar dentro da mesma poboación, deberá efectuarse nos oito días naturais seguintes ó do cesamento.

5. O prazo para a toma de posesión comezará a contarse a partir do día seguinte do cesamento.

6. Se a resolución comporta reingreso no servicio activo, o prazo de toma de posesión deberá comezar a contar desde a dita publicación.

7. Se non se lograra a simultaneidade de publicación da resolución cos boletíns oficiais das comunidades autónomas, os prazos computaranse desde o día seguinte ó da publicación no Boletín Oficial del Estado.

8. O cómputo dos prazos posesorios iniciarase cando rematen os permisos ou licencias que estean desfrutando os funcionarios, non sendo que por circunstancias excepcionais debidamente motivadas se suspenda ou revogue o desfrute deles.

Décima.-Recursos.

Contra a presente convocatoria poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses desde o día seguinte ó da súa publicación no Boletín Oficial del Estado logo de comunicación a este centro de acordo co establecido no Art. 110.3º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE do 20 de agosto de 1993).

Santiago de Compostela, 15 de setembro de 1998.

José Antonio Álvarez Vidal

Director xeral de Xustiza e Administración Local

ANEXO

Comunidade Autónoma

de Galicia

Código

RPT

Núm.

orde

Idioma

Informática

Xulgado de Paz de Boiro (A Coruña)9252900015110354SiNon

Xulgado de Paz de Brión (A Coruña)9252900015130352SiNon

Xulgado de Paz de Carnota (A Coruña)9252900015200352SiNon

Xulgado de Paz de Cedeira (A Coruña)9252900015220352SiNon

Xulgado de Paz de Muxía (A Coruña)9252900015510352SiNon

Xulgado de Paz da Pobra do Caramiñal (A Coruña)9252900015660353SiNon

Xulgado de Paz de

Porto do Son (A Coruña)

9252900015700353SiNon

Xulgado de Paz de Teo (A Coruña)9252900015810353SiNon

Xulgado de Paz de Baiona (Pontevedra)9252900036030353SiNon

Xulgado de Paz da Cañiza (Pontevedra)9252900036090352SiNon

9060