Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 195 Mércores, 07 de outubro de 1998 Páx. 11.001

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 272/1998, do 24 de setembro, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, polo Concello de Boiro (A Coruña), dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de recuperación ambiental do sistema dunar e zona húmida da praia de Carragueiros, TM de Boiro.

O Concello de Boiro (A Coruña), en sesión celebrada o día 9 de marzo de 1995, aprobou o proxecto de recuperación ambiental do sistema dunar e zona húmida da praia de Carragueiros, TM de Boiro e na sesión celebrada o día 14 de novembro de 1996 acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa. O concello remitiu a documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 4 de xuño de 1998.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. O dito informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 10 de setembro de 1998.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, porque por unha banda é perentoria a necesidade de levar a cabo a actuación recuperadora proxectada na zona de Carragueiros, dado o nivel de degradación ambiental que está a sufrir, o que podería levala a unha deterioración de difícil retorno, e por outra a realización deste proxecto, que será levado a cabo polo Ministerio de Medio Ambiente, financiarase a través dos fondos de cohesión da Unión Europea, corréndose o risco de perdela se non se logra a dispoñibilidade inmediata dos terreos.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintecatro de setembro de mil novecentos noventa e oito,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, polo Concello de Boiro (A Coruña) para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de recuperación ambiental do sistema dunar e zona húmida da praia de Carragueiros, TM de Boiro.

Santiago de Compostela, vintecatro de setembro de mil novecentos noventa e oito.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús C. Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais

8970