Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 195 Mércores, 07 de outubro de 1998 Páx. 11.001

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 273/1998, do 24 de setembro, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, polo Concello da Cañiza (Pontevedra), dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de expropiación para a ocupación dos terreos onde se pretende situa-lo Centro de Exposición Permanente de Recursos da Comarca da Paradanta, Expo-Paradanta.

O Concello da Cañiza (Pontevedra), en sesión celebrada o día 30 de abril de 1996, aprobou o proxecto de expropiación para a ocupación dos terreos onde se pretende situa-lo Centro de Exposición Permanente de Recursos da Comarca de Paradanta,

Expo-Paradanta e na sesión celebrada o día 28 de xuño de 1996 acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa. O concello remitiu a documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 28 de xullo de 1998.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. O dito informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 11 de agosto de 1998.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, porque, por unha banda, os terreos se precisan para poñelos á disposición da Sociedade para o Desenvolvemento Territorial, dependente do Gabinete de Planificación e Desenvolvemento Territorial da Xunta de Galicia, onde se situará un Centro de Exposición Permanente dos Recursos Comarcais como xeito de contribuír á promoción, impulso e innovación de tódolos eidos que afectan ó desenvolvemento do territorio, acadando, con isto, a dinamización económica e a promoción dos devanditos recursos comarcais, co fin último de consegui-lo progreso económico e social da comunidade incluída na comarca, e por outra, a necesidade de remata-la urbanización e acondicionamento dos terreos antes de que finalicen os traballos que se están a executar nos accesos da autovía.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintecatro de setembro de mil novecentos noventa e oito,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, polo Concello da Cañiza (Pontevedra), para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de expropiación para a ocupación dos terreos onde se pretende

situa-lo Centro de Exposición Permanente dos Recursos da Comarca da Paradanta, Expo-Paradanta.

Santiago de Compostela, vintecatro de setembro de mil novecentos noventa e oito.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús C. Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais

8912