Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 194 Martes, 06 de outubro de 1998 Páx. 10.971

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

ORDE do 30 de setembro de 1998 pola que se establecen axudas ós investimentos de mellora da transformación e comercialización de productos agrarios.

A orde da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria do 8 de setembro de 1995, modificada pola Orde do 11 de maio de 1998, regula para o período 1994-1999 no ámbito desta Comunidade Autónoma o procedemento de xestión das axudas establecidas no Regulamento (CEE) 951/90, así como no Real decreto 633/1995, do 21 de abril. O importante volume de peticións de axuda recibidas nos últimos meses supera amplamente as dispoñibilidades orzamentarias establecidas, polo que se considera necesario establecer axudas adicionais para os investimentos considerados como prioritarios.

En consecuencia, e de acordo co disposto no artigo 30.1º.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, e demais normativa de aplicación

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

O obxecto da presente orde é establecer e regula-la concesión de axudas a investimentos en modernización de instalacións de transformación e comercialización de productos agrarios, que se van executar en 1998.

Artigo 2º.-Investimentos subvencionables.

Consideraranse subvencionables os investimentos en maquinaria e equipamentos que cumpran os seguintes requisitos:

1. Que estean incluídos en peticións de axuda presentadas ó amparo da Orde do 8 de setembro de 1995 e modificacións posteriores, sobre o procedemento de xestión das axudas comunitarias relativas á mellora das condicións de transformación e comercialización de productos agrarios, cumprindo tódolos requisitos dela.

2. Que se executen no ano 1998, con data límite de finalización e pagamento do 31 de outubro de 1998.

3. Que o importe mínimo do investimento subvencionable sexa de cinco millóns de pesetas (5.000.000 de ptas).

Artigo 3º.-Contía e compatibilidade das axudas.

1. As axudas teñen a natureza de subvencións de capital, e poderán acadar ata o 30% dos investimentos subvencionables.

2. Estas axudas son compatibles con calquera outra das administracións públicas ata un límite do 50% de subvención. Deste límite exclúense as axudas ó tipo de xuro de créditos, se ben a subvención neta equivalente total consideradas estas, non poderá supera-lo 75% do investimento.

Artigo 4º.- Solicitudes.

1. As solicitudes de axuda, dirixidas ó conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, presentaranse, por duplicado, no modelo que figura no anexo I, prioritariamente nos servicios provinciais de industrialización agroalimentaria, sen prexuízo do disposto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Xunto coa solicitude de axuda, o peticionario deberá presenta-la seguinte documentación complementaria:

1) Breve memoria explicativa dos investimentos previstos, onde se indiquen os seus obxectivos, cuantificación económica acreditada con facturas proforma ou definitivas, e prazos de finalización e pagamento.

2) Declaración sobre outras axudas solicitadas e/ou concedidas para o mesmo fin.

3. Para a selección das solicitudes que se vaian aprobar, así como para establece-las porcentaxes de subvención que se vaian conceder, a Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria terá en conta os seguintes criterios:

-Viabilidade técnica, económica e financeira.

-Beneficio ós productores de base galegos.

-Aproveitamento e grao de transformación das materias primas agrarias galegas.

-Calidade dos productos obtidos e/ou comercializados.

-Xeración de postos de traballo.

-Data máxima de presentación da documentación completa.

4. A Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria resolverá as peticións presentadas en función dos criterios sinalados no número anterior e as dispoñibilidades orzamentarias. Se non se notificase a resolución no prazo de 3 meses desde a presentación, entenderase desestimada a axuda solicitada.

Artigo 5º.-Pagamento das axudas.

As solicitudes de pagamento presentaranse prioritariamente nos servicios provinciais de industrias agroalimentarias, xunto coa seguinte documentación por duplicado:

1. Listaxe de xustificantes segundo o modelo que figura no anexo II, debidamente cuberto, xunto coas facturas orixinais sobre as que se realizarán a toma de razón, e das que se entregará ademais unha fotocopia. As facturas deberán estar acompañadas dos xustificantes do seu pagamento efectivo, dos que se entregarán ademais unha fotocopia.

2. Acreditación formal actualizada de estar ó día nas súas obrigas tributarias (Ministerio de Economía e Facenda) e fronte á Seguridade Social, así como de non ter débedas pendentes de pagamento coa Administración pública da Comunidade Autónoma (Consellería de Economía e Facenda).

3. Fotocopia do NIF e certificado bancario da titulariedade da conta bancaria onde se solicita que se ingrese a subvención, xunto coa ficha de domiciliación de pagamentos correspondente.

Artigo 6º.-Revogación de axudas.

As axudas poderán revogarse nos seguintes casos:

a) Por renuncia expresa do beneficiario á totalidade da axuda.

b) Por non presentar nos prazos sinalados a documentación requirida.

c) Por calquera outra causa que modifique os investimentos inicialmente aprobados e que non estea comunicada e aceptada pola consellería.

Artigo 7º.-Prazo de presentación de solicitudes.

O prazo de presentación de solicitudes será de 20 días hábiles desde a entrada en vigor desta orde.

Artigo 8º.-Financiamento.

O pagamento das axudas efectuarase con cargo ós conceptos orzamentarios 09.04.615 A.770.0 e 09.04.714 A.770.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1998, dotados inicialmente con 275.000.000 de ptas e 50.000.000 de ptas., respectivamente, así como con cargo ós remanentes adicionais que puidesen existir nos mesmos conceptos.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Industrias e Alimentación para dicta-las disposicións que considere oportunas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de setembro de 1998.

Cástor Gago Álvarez

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria

8612