Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 194 Martes, 06 de outubro de 1998 Páx. 10.968

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

DECRETO 266/1998, do 24 de setembro, polo que se modifica o Decreto 230/1986, do 10 de xullo, polo que se regulan a estructura, a composición e as funcións do Consello Galego de Transportes.

O Decreto 230/1986, do 10 de xullo, veu regula-la composición, a estructura e as funcións do Consello Galego de Transportes como órgano consultivo da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de transporte, se ben cunha clara vocación de actuación centrada no transporte por estrada e ferrocarril en canto sectores con máis incidencia na Comunidade Autónoma.

Posteriormente, a necesidade de racionalización e desenvolvemento axeitado dunha política de transporte escolar que dera unha correcta resposta á problemática desta clase de transporte motivou a promulgación do Decreto 74/1994, do 25 de marzo, polo que se modificou o Decreto 230/1986 e se establecía a Comisión Especial de Transporte Escolar como un novo órgano do Consello Galego de Transporte.

Na actualidade cobra un especial interese para a Comunidade Autónoma o aumento que se está a producir nos fluxos de viaxeiros que adoptan a vía do transporte aéreo para os seus desprazamentos cara a puntos alleos á nosa Comunidade.

Sendo este transporte aéreo unha competencia reservada á Administración do Estado, de acordo co artigo 149.20º da Constitución, a Xunta de Galicia non debe en ningún caso deixar de colaborar coa Administración xeral do Estado respecto ás actuacións desta que afecten a calquera dos tres aeroportos galegos actualmente existentes.

Consecuentemente, resulta necesaria a creación, dentro do Consello Galego de Transportes, dun novo órgano que sirva como instrumento de canalización e coordinación institucional das reivindicacións e propostas que, chegado o caso, se lle propoñan á Administración do Estado respecto ós aeroportos galegos e ó tráfico que neles se desenvolve, recollendo no dito órgano a participación de representantes de tódolos sectores afectados.

Por outra banda, constátase a falta de operatividade dos comités provinciais de coordinación dos transportes que caeron en desuso polo que se considera conveniente suprimilos.

Na súa virtude, visto o informe do Consello Galego de Transportes, por proposta do conselleiro de Política Territorial Obras Públicas e Vivenda e logo de deliberación do Consello de Xunta de Galicia na

súa reunión do día vintecatro de setembro de mil novecentos noventa e oito,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modifícase o Decreto 230/1986, do 10 de xullo, polo que se regula a estructura composición e funcións do Consello Galego de Transportes, pola súa vez modificado polo Decreto 74/1994, do 25 de marzo, de acordo co disposto nos seguintes puntos:

1. O artigo 3 queda redactado como segue:

«O Consello Galego de Transportes componse dos seguintes órganos: Pleno, Comisión Permanente, Ponencias Técnicas, Comisión Especial do Transporte Aéreo e Comisión Especial do Transporte Escolar».

2. Dáselle nova redacción ó artigo 15 quedando do seguinte teor:

«A Comisión Especial do Transporte Aéreo actuará como órgano de coordinación que analice as necesidades do transporte aéreo en Galicia e estará composta da seguinte maneira:

-Presidente: o conselleiro de Política Territorial Obras Públicas e Vivenda que poderá delega-la presidencia da comisión nun dos vicepresidentes.

-Vicepresidentes: os alcaldes dos concellos da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo.

-Vocais: O director xeral de Comercio.

O director xeral de Turismo.

Un representante de cada Cámara de Comercio da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo.

Un representante de cada un dos concellos das mencionadas cidades.

Un representante da Confederación de Empresarios de Galicia.

Un representante das Asociacións de Consumidores e Usuarios de Galicia designado polo Consello Galego de Consumidores e Usuarios.

Un representante sindical, designado polo sindicato con maior representatividade nos aeroportos galegos.

-Secretario: o director xeral de Transportes.

-O presidente poderá convocar ás reunións con voz, pero sen voto, a representantes de calquera colectivo que fose conveniente escoitar en función dos puntos que se van tratar.

3. O artigo 16 queda redactado da seguinte forma:

«Serán funcións da Comisión Especial do Transporte Aéreo:

a) Promover, con carácter xeral a análise e o debate entre os organismos, entidades e sectores interesados no transporte aéreo con vistas a acadar neste medio de transporte a satisfacción das necesidades e expec

tativas da sociedade galega co máximo grao de eficacia e o mínimo custo social.

b) Promove-las actuacións que sexan necesarias para a potenciación e desenvolvemento racional dos aeroportos galegos.

c) Informar, por iniciativa propia ou cando así se lle requira, dos posibles efectos que sobre os aeroportos galegos poidan provocar en cada momento as medidas que adopte calquera Administración, organismo público ou entidade privada que preste servicios nos devanditos aeroportos.

d) Servir como canle de participación ante as administracións públicas dos sectores afectados polo transporte aéreo.

4. Os artigos 17 e 18 quedan redactados con idéntico contido có establecido nos artigos 16 e 17 respectivamente polo Decreto 74/1994, do 25 de marzo.

5. Engádese un artigo 20 redactado do seguinte teor:

«Os órganos, institucións ou organizacións que designen os representantes que forman parte do Consello Galego de Transportes poderán designar membros suplentes que os substitúan para asistiren a reunións con plenitude de facultades logo da acreditación de tal designación».

Disposición derradeira

O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vintecatro de setembro de mil novecentos noventa e oito.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Cuíña Crespo

Conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda

9028