Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 193 Luns, 05 de outubro de 1998 Páx. 10.935

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

ORDE do 29 de setembro de 1998 pola que se modifica a do 14 de agosto de 1998, pola que se regula a asignación de dereitos de novas plantacións de viñedo en zonas de producción das denominacións de orixe.

O Regulamento (CEE) 822/1987, polo que se establece a organización común do mercado vitivinícola, no que a última modificación a constitúe o Regulamento (CEE) 1592/1996, establece para España a posibilidade concede-las autorizacións de novas plantacións de viñedo nas campañas 1996-1997 e 1997-1998, nunha superficie total de 3.615 ha, das que 240 ha foron asignadas á Comunidade Autónoma de Galicia para as denominacións de orixe Rías Baixas, Ribeiro, Valdeorras, Monterrei e Ribeira

Sacra, mediante a decisión da Comisión do 9 de xaneiro de 1997.

Mediante a Orde do 14 de agosto de 1998 desta consellería publicada no DOG nº 163, do 24 de agosto de 1998, establécense as normas para a solicitude e asignacións dos dereitos para estas novas plantacións de viñedo ata o total das 240 ha.

O prazo de presentación das solicitudes previsto, de 30 días hábiles, resulta coincidir cun período de máxima actividade no sector vitivinícola impedindo unha mobilización axeitada das organizacións de productores para a divulgación e xestión deste programa.

En consecuencia, de acordo co disposto no artigo 30.1.3º do Estatuto de autonomía de Galicia e en uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo único.-Reábrese o prazo de presentación das solicitudes de dereitos para novas plantacións de viñedo en zonas de producción das denominacións de orixe, previsto no artigo 6 da orde desta consellería do 14 de agosto de 1998, que rematará o 31 de outubro de 1998.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de setembro de 1998.

Cástor Gago Álvarez

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria

8148