Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 189 Martes, 29 de setembro de 1998 Páx. 10.772

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

DECRETO 260/1998, do 10 de setembro, polo que se regula a autorización de xestor de residuos sólidos urbanos e a inscrición no Rexistro Xeral de Xestores de Residuos Sólidos Urbanos.

A Lei 10/1997, de 22 de agosto, de residuos sólidos urbanos de Galicia, establece que terán a condición de xestores de residuos sólidos urbanos todas aquelas persoas físicas ou xurídicas que, por imperativo legal ou autorización administrativa, efectúen tódalas ou algunhas das operacións comprendidas no artigo 3 da lei, creando ademais e o Rexistro Xeral de Xestores de Residuos Sólidos Urbanos de Galicia, adscrito á consellería competente en materia de residuos.

O obxectivo prioritario da dita lei é mellora-la calidade de vida dos cidadáns, obter un alto nivel de protección do ambiente e establece-los mecanismos necesarios para garantir que a xestión dos residuos se efectúe sen pór en perigo a saúde das persoas e sen prexudica-lo ambiente.

Na elaboración do presente decreto tivéronse en conta a Lei 10/1998, do 21 de abril, de residuos, de recente aprobación, a cal ten a consideración de lexislación básica sobre protección do ambiente de acordo co disposto na súa disposición derradeira segunda, establecéndose nela o réxime xurídico da producción e xestión de residuos ás normas do cal deberá axustarse necesariamente calquera normativa de desenvolvemento que incida sobre a materia.

O Decreto 347/1997, do 9 de decembro, polo que se establece a estructura orgánica da Xunta de Galicia, crea a Consellería de Medio Ambiente como departamento dela. Posteriormente, o Decreto 482/1997, do 26 de decembro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Medio Ambiente atribúelle a competencia e funcións referidas a residuos sólidos á dita consellería.

O presente decreto define o procedemento para solicita-la autorización de xestor de residuos sólidos urbanos e regula o Rexistro Xeral de Xestores de Residuos Sólidos Urbanos de Galicia, creado polo artigo 14 da Lei 10/1997, do 22 de agosto, que ten a finalidade de ser un instrumento útil para facilita-lo control das actividades de xestión de residuos sólidos urbanos. Nos anexos fíxanse os requisitos mínimos esixibles a un vertedoiro, así como o contido do proxecto dunha instalación de tratamento ou valoración de residuos.

Por último, de conformidade co establecido no artigo 27.30º do Estatuto de autonomía para Galicia

e do previsto no artigo 15 da Lei 10/1998, do 21 de abril, de residuos, optouse por someter a autorización tódalas actividades de xestión de residuos non perigosos, como instrumento para un mellor cumprimento do indicado obxectivo prioritario da Lei 10/1997, do 22 de agosto, de residuos sólidos urbanos de Galicia, garantindo así o control do uso e destino dos residuos en tódolos procesos de xestión.

Por todo iso, e de acordo coa Lei 10/1997, do 22 de agosto, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente, de acordo co dictame do Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dez de setembro de mil novecentos noventa e oito,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Actividades de xestión.

1. A realización de actividades de xestión de residuos sólidos urbanos, salvo as realizadas por quen teña a condición de xestor por imperativo legal, estará sometida á autorización administrativa previa, expedida pola Consellería de Medio Ambiente, e á súa inscrición no Rexistro Xeral de Xestores de Residuos Sólidos Urbanos de Galicia, creado polo artigo 14 da Lei 10/1997, do 22 de agosto, de residuos sólidos urbanos de Galicia.

2. De acordo co artigo 3.f) da Lei 10/1997, do 22 de agosto, de residuos sólidos urbanos de Galicia, terán a consideración de actividades de xestión: a recollida, o almacenamento, o transporte, a valoración e a eliminación dos residuos, incluída a supervisión destas operacións, así como a vixilancia e rexeneración dos lugares de depósito ou vertido despois do seu cerramento.

3. As actividades de xestión de residuos sólidos urbanos realizadas por entidades societarias requirirán autorización e rexistro administrativo independentes dos que poidan te-los socios que a forman.

4. Sen prexuízo do establecido no Regulamento da CEE 259/1993, os importadores e adquirentes intracomunitarios, así como os axentes comerciais ou intermediarios que, en nome propio ou alleo, poñan residuos no mercado ou realicen con eles operacións xurídicas, que impliquen cambio de titularidade posesoria, aínda sen contido transaccional comercial, deberanllo notificar previamente á Consellería de Medio Ambiente, para o seu rexistro administrativo, indicando as cantidades, natureza, orixes e destino dos residuos, así como, se é o caso, o método de transporte e o método de valorización ou eliminación que se vaia empregar.

A dita notificación deberá realizarse por cada operación ou actuación a que se refire o parágrafo anterior.

Artigo 2º.-Solicitude de autorización.

A solicitude dirixirase á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, segundo modelo que se establece no anexo I do presente decreto, que se poderá presentar en calquera das oficinas sinaladas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, debendose xuntar documentación que deberá incluí-los datos seguintes

A) Para todo tipo de actividades.

a) Nome ou razón social da empresa e domicilio desta e do centro de traballo onde se realiza a actividade.

b) DNI e NIF da persoa física peticionaria. En caso de persoa xurídica, deberase presentar copia da escritura de constitución ou modificación inscrita no Rexistro Mercantil, sendo suficiente, cando se trate de empresarios non españois de estados membros da Unión Europea, acredita-la súa inscrición nun rexistro profesional ou comercial cando este requisito sexa esixido pola lexislación do Estado respectivo. Os demais empresarios estranxeiros deberán acredita-la súa capacidade mediante certificación expedida pola embaixada de España no Estado correspondente.

c) Acreditación de solvencia económica e financeira, que poderá constatarse por calquera dos medios establecidos no artigo 16 da Lei 13/1995, do 18 de maio, de contratos das administracións públicas.

d) Acreditación de solvencia técnica, que deberá constatarse coa achega dos datos seguintes:

1) Títulos académicos e experiencia do empresario, dos cadros da empresa e, en particular, do responsable da xestión.

2) Relación de actividades similares no curso dos últimos cinco anos acompañada de certificado que o xustifique.

3) Declaración da maquinaria, material e instalacións de que se disporá para o exercicio da actividade.

4) Declaración na que se indiquen os técnicos ou as unidades técnicas, estean ou non integradas na empresa, de que dispoñan.

5) Declaración das medidas adoptadas pola empresa para controla-la calidade e se dispoñen dun sistema de xestión ambiental ou doutro tipo de control ambiental.

B) Para actividades de xestión de vertedoiros.

No caso de que o xestor vaia realizar algunha operación de xestión de vertedoiro controlado, deberá presentar un proxecto que, de acordo coas especificacións que figuran no nexo II, se axuste ó contido que detalla o anexo III deste decreto, así como un documento de síntese que especificará para cada unha das instalacións que pretendan xestionar:

a) No caso de vertedoiro controlado de nova creación:

1) Descrición dos tipos e a cantidade total de residuos que se vaian depositar.

2) Capacidade e vida útil proposta do lugar de eliminación.

3) Descrición do lugar incluídas as súas características hidrolóxicas e xeolóxicas.

4) Métodos de prevención e reducción da contaminación propostos.

5) Plan proposto de explotación, vixilancia e control.

6) Plan proposto de procedementos de clausura e mantemento posterior a ela.

7) Estudio de avaliación ambiental para tódalas fases da sua xestión, quedando sometido a declaración de efectos ambientais.

b) No caso de vertedoiro controlado existente:

1) Un plan de acondicionamento do vertedoiro que recolla as especificacións contidas no presente artigo para o caso de vertedoiro controlado de nova creación.

2) Un calendario de execución do plan de acondicionamento cunha duración que non excederá, en ningún caso, de cinco anos a partir da sua autorización pola autoridade competente.

3) Estudio de avaliación ambiental para tódalas fases da súa xestión, quedando sometido a declaración de efectos ambientais.

c) No caso de ampliación dun vertedoiro existente presentarase a documentación que se especifica no presente artigo para o caso de vertedoiro controlado de nova creación, ademais de:

1) Un plan de clausura da parte do vertedoiro no que que cesa a explotación e mantemento posterior dela.

2) Un calendario de execución do plan de clausura proposto que non excederá, en ningún caso, de dous anos.

3) Estudio de avaliación ambiental para tódalas fases da súa xestión, quedando sometido a declaración de efectos ambientais.

C) Para actividades de tratamento e valorización de residuos.

No caso de que o xestor vaia realizar algunha operación de tratamento ou valoración de residuos, deberá presentar un proxecto segundo as especificacións que figuran no anexo III deste decreto, así como un documento de síntese que constará dos seguintes documentos, para cada unha das instalacións que pretendan xestionar:

1) Método de tratamento ou valorización.

2) Descrición dos tipos e a cantidade total de residuos que se vaian tratar ou valorar.

3) Capacidade de tratamento total da instalación.

4) Métodos de reducción da contaminación propostos.

5) Plan proposto de explotación, vixilancia e control.

Artigo 3º.-Outorgamento da autorización.

1. Revisados os proxectos presentados e a documentación achegada, o director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental outorgará a autorización ou, se é o caso, procederá á súa denegación mediante resolución motivada.

Transcorridos tres meses desde a completa presentación da documentación requirida sen que se dictase resolución expresa, poderase entender desestimada a solicitude.

2. O outorgamento da autorización estará condicionado ó previo depósito da fianza prevista no artigo 13 da Lei 10/1997, de residuos sólidos urbanos de Galicia, na forma establecida no Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, co obxecto de responder dos posibles danos que se lle poidan causar ó ambiente e do seu custo de restauración; así mesmo a fianza debe garanti-lo cumprimento de tódalas obrigas que fronte á Administración se deriven do exercicio da actividade obxecto de autorización.

No suposto de que non existan factores que permitan determina-la contía da fianza, para os efectos indicados, o seu importe será do 10 por 100 do orzamento das obras proxectadas para a instalación de depósitos (vertedoiros), e o 5 por 100 do orzamento das obras proxectadas para o resto das instalacións de xestión de residuos.

3. A consellería de Medio Ambiente, poderá ademais esixir, logo de motivación, atendendo ás circunstancias especiais da actividade de xestión, da súa situación e características técnicas, ou outras circunstancias similares, a subscrición dunha póliza de seguro que cubra o risco de indemnización por posibles danos causados a terceiras persoas ou ás súas cousas, derivado do exercicio das activi

dades obxecto da citada autorización administrativa. O seguro deberá cubrir en todo caso:

a) As indemnizacións debidas por morte, lesións ou enfermidade das persoas.

b) As indemnizacións debidas por danos ás cousas.

c) Os custos de rexeneración dos recursos naturais alterados ou dos espacios degradados.

Artigo 4º.- Modificación da actividade.

1. Calquera modificación, ampliación ou cambio de localización da actividade de xestión autorizada e inscrita no rexistro requirirá aprobación previa do novo proxecto, que deberá ser presentado nos mesmos termos que establece o artigo 2º do presente decreto.

2. Para actividades de recollida e transporte, comunicaráselle previamente á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental calquera modificación ou ampliación do servicio.

Artigo 5º.- Vixencia e caducidade da autorización.

1. A autorización determinará as condicións e requisitos necesarios para o seu exercicio, outorgándose por un período de cinco anos, susceptible de dúas prórrogas sucesivas de outros cinco anos cada unha, logo de informe favorable da Subdirección Xeral de Calidade Ambiental sempre que non se modifiquen as condicións que motivaron a autorización. As ditas prórrogas deberán ser solicitadas polo titular da autorización con alomenos tres meses de antelación á data en que expire a autorización vixente.

2. Transcorridos quince anos desde a autorización inicial, e en todo caso ó final da vida útil da instalación autorizada, a autorización caducará, podendo o titular solicitar, con anticipación suficiente, nova autorización, de acordo co procedemento regulado no presente decreto.

Artigo 6º.- Recursos.

Contra as resolucións do director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental poderá interporse recurso ordinario ante o conselleiro de Medio Ambiente no prazo dun mes, de acordo co disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 7º.-Definición e natureza do Rexistro Xeral de Residuos Sólidos Urbanos de Galicia.

1. O Rexistro Xeral de Xestores de Residuos Sólidos Urbanos de Galicia ten como finalidade a inscrición das persoas físicas e xurídicas que realicen as actividades que figuran no artigo 1º.2 do presente

decreto de forma individualizada para cada centro de traballo.

2. As inscricións no rexistro incorporaranse a un ficheiro automatizado, baixo a denominación Rexistro Xeral de Xestores de Residuos Sólidos Urbanos coas especificacións que se relacionan no anexo IV deste decreto que se axustará ó disposto na Lei orgánica 5/1992, do 29 de outubro, de regulación do tratamento automatizado dos datos de carácter persoal.

3. A responsabilidade do ficheiro recaerá na dirección xeral competente en materia de calidade e avaliación ambiental, ante quen exercerá o afectado os dereitos de acceso, rectificación ou cancelación cando se revelase que os datos son inexactos ou incompletos, inadecuados ou excesivos, sen prexuízo da responsabilidade directa que na xestión dos datos lle corresponda ó empregado público que estea a cargo do ficheiro correspondente.

4. No suposto de cesión de datos ós servicios estatísticos das administracións públicas terase en conta a normativa vixente da Comunidade Autónoma en materia estatística.

Artigo 8º.-Solicitude de inscrición no rexistro.

Os xestores de residuos sólidos urbanos deben solicita-la inscrición no rexistro antes do inicio de calquera das súas actividades, sen prexuízo das licencias ou autorizacións que sexan necesarias pola súa actividade e do establecido para o rexistro de establecementos industriais, para o cal haberá de presentar previamente os seguintes documentos.

a) Documento acreditativo da modalidade e contía da fianza depositada para rexenera-los recursos ambientais de acordo co previsto no Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental.

b) Póliza de seguro, se é o caso, subscrita para responder dos eventuais danos e perdas ocasionados ou custos eventuais de reparación-reposición do ambiente.

c) Recoñecemento expreso da accesibilidade en calquera momento ó rexistro documental a que se refire o artigo 12º do presente decreto, por parte da Administración e dos seus axentes.

Artigo 9º.-Contido do rexistro.

As inscricións de xestores que se practiquen no rexistro deberán reflectir-lo seguinte contido:

1. Código de identificación do xestor que se lle asigne.

2. Datos acreditativos da súa identidade.

a) Nome ou razón social da persoa física ou xurídica inscrita.

b) NIF o DNI.

c) Domicilio completo da empresa e do centro de traballo onde se realiza a actividade.

3. Actividade de xestión que realiza.

4. Tipos de residuos que se vaian xestionar.

5. Capacidade nominal da actividade de xestión.

6. Tipo de instalación e procedemento de xestión.

7. Persoa encargada da actividade de xestión.

8. Data de autorización e prazo dela.

9. Modalidade e contía da fianza.

10. Número e contía da póliza do seguro de responsabilidade civil.

Artigo 10º.-Cancelación e suspensión.

1. Son causas de cancelación da inscrición no rexistro:

a) A suspensión definitiva da actividade ou da autorización acordada por resolución motivada da acordo coa normativa vixente.

b) A inhabilitación especial para profesión ou oficio acordada por sentencia firme.

c) A clausura definitiva do local, establecemento ou industria.

d) O cesamento da actividade.

e) A caducidade ou revogación da autorización.

2. Son causas de suspensión da inscrición no rexistro:

a) A suspensión temporal da actividade ou da autorización acordada por resolución motivada de acordo coa normativa vixente.

b) A clausura temporal do local, establecemento ou industria.

Artigo 11º.-Comunicación ós entes locais.

A Consellería de Medio Ambiente comunicaralles ós entes locais afectados as inclusións e as baixas dos xestores de residuos no rexistro.

Artigo 12º.-Das obrigas do xestor.

1. O xestor está obrigado a levar un rexistro documental comprensivo de tódalas operacións en que interveña e no que figuren, alomenos, os datos seguintes:

a) Procedencia dos residuos.

b) Cantidades, natureza, composición e código de identificación dos residuos.

c) Data de entrada de residuos e medio de transporte.

d) Tempo de almacenamento e datas.

e) Operacións de tratamento e eliminación, datas, parámetros e datos relativos ós diferentes procesos.

f) Destino dos novos residuos ou subproductos xerados no proceso.

g) Incidencias. No caso de que se produzan, debese elaborar un informe explicativo complementario do libro oficial de control, no que consten os feitos acaecidos e as medidas correctoras adoptadas. As incidencias comunicaránselle inmediatamente á Consellería de Medio Ambiente.

Este rexistro documental debe levarse ó día e estar á disposición da Administración. A documentación referida a cada ano natural deberá manterse durante os cinco anos seguintes.

2. Os xestores autorizados estarán obrigados a presentar unha declaración anual das súas actividades no modelo que para o efecto facilite a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

A declaración anual deberá presentarse antes do día un de marzo do ano seguinte e poderase presentar en papel ou en soporte informático.

3. Igualmente os xestores autorizados estarán obrigados a facilita-las informacións que lles sean requiridas por instancia da Administración nos prazos que se sinalen en cada caso concreto.

4. A falta de cumprimento das anteriores obrigas poderá comporta-la revogación da autorización de xestor de residuos sólidos urbanos.

Disposicións adicionais

Primeira.-No caso de que os concellos ou mancomunidades teñan adxudicada a xestión dos residuos a un terceiro mediante calquera das formas de prestación de servicios prevista pola normativa vixente, será a empresa adxudicataria da mencionada prestación a que estará obrigada a presenta-la documentación a que se refire o artigo 2º.

Segunda.-A Consellería de Medio Ambiente poderá eximir da esixencia de autorización administrativa de xestión de residuos sólidos urbanos as empresas ou establecementos que se ocupen da valorización ou da eliminación dos seus propios residuos nos centros de producción, sempre que a Xunta de Galicia dicte normas xerais sobre cada tipo de actividade, nas que se fixarán os tipos e cantidades de residuos e as condicións nas que a actividade pode quedar dispensada da autorización.

En todo caso as ditas actividades serán obxecto de inscrición no Rexistro Xeral de Xestores de Residuos Sólidos Urbanos.

Terceira.-As actuacións administrativas que se deriven da aplicación deste decreto estarán sometidas ó aboamento das taxas previstas na normativa de taxas e exaccións parafiscais.

Disposicións transitorias

Primeira.-As persoas físicas ou xurídicas que, no momento da entrada en vigor do presente decreto, realicen actividades de xestión de residuos sólidos urbanos, ou que se encontren en fase de execución de instalacións de tratamento ou eliminación de residuos, deberán adaptarse ós requisitos previstos no presente decreto e solicita-la súa autorización e inscrición nos seguintes prazos:

a) Instalacións de calquera tipo que estean en fase de execución: 1 mes.

b) Actividades de recollida e transporte: 3 meses.

c) Resto de actividades: antes do 31 de decembro de 1998.

O incumprimento das ditas obrigas no prazo indicado poderá ser considerado como infracción administrativa, de conformidade co previsto na Lei 10/1997, do 22 de agosto, de residuos sólidos urbanos de Galicia, e na Lei 10/1998, do 21 de abril, de residuos.

Segunda.-O plan de acondicionamento de vertedoiro controlado existente, que se esixe no artigo 2 B), punto b) 1) como requisito indispensable para obte-la autorización, deberá ser aprobado pola Consellería de Medio Ambiente no prazo de seis meses desde a súa presentación. Se na data do 31 de decembro de 1998 os interesados non presentaron a correspondente solicitude, poderase proceder á paralización da actividade.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o conselleiro de Medio Ambiente para dicta-las disposicións precisas para o desenvolvemento do decreto.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dez de setembro de mil novecentos noventa e oito.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Carlos del Álamo Jiménez

Conselleiro de Medio Ambiente

ANEXO II

REQUISITOS XERAIS PARA VERTEDOIROS DE RSU

1. Localización.

1.1. Para a localización dun vertedoiro deberán tomarse en consideración os aspectos seguintes:

As distancias entre o límite do vertedoiro e as zonas residenciais e recreativas, vías fluviais, masas de auga e outras zonas agrícolas ou urbanas, garantindo unha separación mínima entre o vertedoiro e as zonas residenciais de 500 metros.

A existencia de augas subterráneas, augas costeiras ou reservas naturais na zona.

As condicións xeolóxicas ou hidroxeolóxicas da zona.

O risco de inundacións, afondamentos, corrementos de terras ou aludes no lugar do vertedoiro.

A protección do patrimonio natural ou histórico na zona.

2. Control de augas e xestión de lixiviados.

Tomaranse as medidas oportunas con respecto ás características do vertedoiro e as condicións meteorolóxicas con obxecto de:

-Controla-la auga das precipitacións que penetre no vertedoiro.

-Impedir que as augas superficiais ou subterráneas penetren nos residuos vertidos.

-Recolle-las augas contaminadas e os lixiviados. Cando unha avaliación baseada na localización do vertedoiro e os residuos que admita mostre que o vertedoiro non é potencialmente perigoso, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental poderá decidir que non se aplique esta disposición.

-Trata-las augas contaminadas e os lixiviados recollidos do vertedoiro de forma que cumpran a norma adecuada requirida para o seu vertido.

3. Protección do solo e das augas.

3.1. Todo vertedoiro deberá estar situado e deseñado de forma que cumpra as condicións necesarias para impedi-la contaminación do solo, das augas subterráneas ou das augas superficiais e garanti-la recollida eficaz dos lixiviados nas condicións recollidas no punto 2. A protección do solo, das augas subterráneas e das augas superficiais deberá conseguirse mediante a aplicación dunha barreira xeolóxica e dun revestimento inferior durante a fase activa de explotación, e mediante a aplicación dunha barreira xeolóxica e dun revestimento superior durante a fase pasiva posterior á clausura.

3.2. Existe barreira xeolóxica cando as condicións xeolóxicas e hidroxeolóxicas subxacentes e das inmediacións dun vertedoiro o doten de capacidade suficiente para impedir un risco potencial para o solo e as augas subterráneas.

A base e os lados do vertedoiro consistirán nunha capa mineral que cumpra unhos requisitos de permeabilidade e espesor que teñan un efecto combinado (k) en materia de protección do solo, das augas subterráneas e das augas superficiais que sexa polo menos equivalente a:

Vertedoiros de residuos non perigosos:

K<1,0x10m/s, espesor>1m.

m/s=metro por segundo.

Vertedoiros de residuos inertes:

K<1,0x10m/s, espesor>1m.

m/s=metro por segundo.

Cando a barreira xeolóxica non cumpra de forma natural as condicións antes mencionadas, poderá completarse de forma artificial e reforzarse por outros medios que proporcionen unha protección equivalente. O espesor dunha barreira xeolóxica artificial non deberá ser inferior a 0,5 m.

3.3. Ademais das barreiras xeolóxicas anteriormente descritas deberá engadirse un sistema de impermeabilización e de recollida de lixiviados, de acordo cos seguintes principios, de maneira que se garanta que a acumulación de lixiviados na base do vertedoiro se mantén a un mínimo.

-Revestimento de impermeabilización artificial.

-Capa de drenaxe>0,5 m.

3.4. Se a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, tras examina-los posibles perigos para o ambiente, considerase que a prevención de formación de lixiviados é necesaria, poderá prescribir unha impermeabilización superficial, coas seguintes recomendacións:

Capa de drenaxe de gases.

Capa mineral impermeable.

Capa de drenaxe>0,5 m.

Cobertura superior de terra>1 m.

3.5. Se, sobre a base dunha avaliación de riscos para o ambiente que teña en conta, en particular a Directiva 80/68/CEE se demostra que a recollida e tratamento dos lixiviados non son necesarios, ou se establece que o vertedoiro non presenta perigos potenciais para o solo, as augas subterráneas ou as augas superficiais, os requisitos dos números 2 e 3 anteriores poderán ser reducidos en consecuencia, por petición do xestor, pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

4. Control de gases.

Tomaranse as medidas adecuadas para controla-la acumulación e emisión dos gases do vertedoiro.

Os gases de vertedoiro recolleranse en tódolos vertedoiros que reciban residuos biodegradables, e trataranse e utilizaranse nos termos que establece a proposta de Directiva do Consello relativa ó vertido de residuos. (Doc. COM (97) 105 derradeiro).

A recollida, tratamento e uso dos gases en vertedoiro consonte o número 2 do punto 2 levarase a cabo de forma que reduza ó mínimo ó dano ou deterioración do ambiente e o risco para a saúde humana.

5. Molestias e riscos.

Tomaranse medidas para reducir ó mínimo as molestias e riscos procedentes do vertedoiro en forma de:

Emisións de olores e pos.

Materiais transportados polo vento.

Ruído e tráfico.

Aves, parasitos e insectos.

Formación de aerosois.

Incendios.

O vertedoiro deberá estar equipado para evitar que a sucidade orixinada no lugar se disperse na vía pública e nas terras circundantes.

6. Estabilidade.

A colocación dos residuos no vertedoiro farase de maneira tal que garanta a estabilidade da masa de residuos e estructuras asociadas, en particular para evita-los escorregamentos. Cando se constrúa unha barreira artificial, deberá comprobarse que o substrato xeolóxico, tendo en conta a morfoloxía do vertedoiro, é suficientemente estable para evitar asentamentos que poidan causar danos á barreira.

7. Cercas.

O vertedoiro deberá estar rodeado de cercas suficientes para impedi-lo libre acceso ó lugar. As entradas estarán pechadas fóra das horas de servicio.

O sistema de control e acceso de cada instalación deberá incluír un programa de medidas para detectar e disuadi-lo vertido ilegal no lugar.

ANEXO III

CONTIDO DO PROXECTO DE XESTIÓN DE RESIDUOS

1. Proxecto técnico.

O seu contido axustarase en todo momento ás normas e instruccións técnicas vixentes para o tipo de actividade e instalacións de que se trate, e constará de:

a) Memoria:

Comprenderá un estudio descritivo con xustificacións técnicas e económicas relativas:

-Á tecnoloxía adoptada.

-Ás solucións utilizadas nas diferentes instalacións e procesos.

-Á obra civil.

-Ós equipos.

-Ó laboratorio.

-Ós servicios auxiliares.

-A cantos outros aspectos se consideren de interese.

Como anexos á memoria incluiranse, como mínimo, os seguintes:

Xustificación do conxunto das dimensións da instalación, o seu proceso e outros elementos.

Solucións ou variantes adoptadas para futuras ampliacións con xustificación de que a súa implantación non suporá obstrucción no funcionamento da primeira instalación.

Sistema de toma de mostras.

Esquema funcional da instalación. Balances da materia e de enerxía.

Descrición e diagramas de principio das instalacións xerais, tales como subministración e evacuación de augas, xeración de calor, abastecemento de enerxía, alimentación de receptores, etc.

Seguridade e hixiene nas instalacións.

Plan de obras.

Descrición de probas, ensaios e análises de recoñecemento e funcionamento.

Normativa aplicable.

b) Planos:

-Plano de situación.

-Plano de conxunto.

-Plantas, alzados e seccións.

-Calquera referencia necesaria para a completa definición e coñecemento das estructuras e instalacións.

c) Relación de prescricións técnicas particulares.

d) Orzamento:

Orzamento das obras e instalacións e cantos elementos ilustrativos se considere oportuno para a mellor comprensión do proxecto, tendo en conta, en todo caso, que os distintos documentos que no seu conxunto constitúen o proxecto deberán defini-las obras e instalacións de tal forma que outro facultativo distinto do autor daquel poida dirixir, de acordo con el, os traballos correspondentes.

2. Proxecto de explotación.

O proxecto de explotación da instalación de tratamento ou eliminación constará dos seguintes documentos:

2.1. Explotación:

a) Esquema xeral dos procesos de tratamento e eliminación.

b) Relación de equipos, aparellos e mobiliario que se van instalar nas diferentes líñas de proceso.

c) Relación de persoal técnico, administrativo e operarios, con indicación das súas categorías e espe

cialidades, que van ser dedicados ó servicio da instalación.

d) Descrición e xustificación da forma de levar a cabo a explotación da instalación. Indicaranse as operacións que sexan rutineiras e aquelas que se consideren especiais ou para circunstancias extraordinarias. Indicarase número de persoas en cada unha das operacións e cantos datos sexan necesarios para o mellor coñecemento do sistema de operación.

e) Réxime de utilización do servicio polos usuarios e das particularidades técnicas que resulten precisas para a súa definición.

f) Descrición e xustificación da forma de levar a cabo o mantemento, preventivo e correctivo, así como a conservación dos elementos da instalación.

g) Xustificación das medidas de control, detección e corrección da posible contaminación, como consecuencia de avaría, accidente, etc.

h) Avance manual de funcionamento de explotación do servicio, que inclúa:

-Características das instalacións.

-Conservación xeral.

-Manipulación de residuos e subproductos xerados.

-Medidas de seguridade.

-Mantemento preventivo.

-Xestión de stock de residuos.

-Réxime de inspeccións e controis sistemáticos.

2.2. Persoal.

O solicitante deberá especifica-lo persoal que se compromete a ter nas instalacións para atender e cumprir tódalas obrigas derivadas da actividade. Á fronte do persoal, e para tódalas relacións cos servicios da Administración, atoparase un titulado superior especializado.

3. Estudio de impacto ambiental

Cando, por aplicación da lexislación vixente en materia de avaliación de impacto ambiental, proceda realiza-lo estudio de impacto, efectuarase conforme as esixencias da citada lexislación.

ANEXO IV

-Nome do ficheiro.

Rexistro Xeral de Residuos Sólidos Urbanos.

-Usos e fins:

Dispor dunha base de datos con información real dos xestores de residuos sólidos urbanos.

-Persoas ou colectivos afectados.

Persoas físicas e xurídicas que realicen as actividades de xestión de residuos sólidos urbanos que figuran no artigo 3 da Lei 10/1997, do 22 de agosto, da Comunidade Autónoma de Galicia , de forma individualizada para cada centro de traballo.

-Procedementos de recollida de datos:

Os datos persoais , técnicos e empresariais correspondentes a cada interesado obteranse a partir da solicitude de inscrición debidamente formalizada.

-Estructura básica:

Base de datos.

-Tipo de datos:

1. Código de identificación do xestor que se lle asigne.

2. Datos acreditativos da súa identidade.

a) Nome ou razón social da persoa física ou xurídica inscrita.

b) NIF ou DNI.

c) Domicilio completo da empresa e, se é o caso, do centro de traballo onde se realiza a actividade.

3. Actividade de xestión que realiza.

4. Tipos de residuos que se van xestionar.

5. Capacidade nominal da actividade de xestión.

6. Tipo de instalación e procedemento de xestión.

7. Persoa encargada da actividade de xestión.

a) Nome, primeiro apelido e segundo apelido.

b) Número do documento nacional de identidade.

c) Enderezo e teléfono.

8. Data de autorización e prazo dela.

9. Modalidade e contía da fianza.

10. Número e contía da póliza do seguro de responsabilidade civil.

-Cesións previstas:

Organismos ambientais e organismos oficiais de estatística cando o autorice a normativa vixente.

-Órganos da Administración responsables.

Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia.

8286