Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 188 Luns, 28 de setembro de 1998 Páx. 10.764

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN LOCAL

CONCELLO DE NOIA

ANUNCIO da aprobación inicial do proxecto de estatutos da Asociación Administrativa de Cooperación da UE-3 San Lázaro.

O Pleno da Corporación Municipal, en sesión do 31 de xullo de 1998, acordou aprobar inicialmente o proxecto de estatutos da Asociación Administrativa de Cooperación da UE-3 San Lázaro.

Sométese a información pública polo prazo de vinte días, mediante a publicación do anuncio no DOG e nun dos xornais de maior difusión da provincia.

O prazo de exposición ó público entenderase aberto desde a data de publicación ata o remate dos vinte días contados desde a súa publicación no DOG. A documentación atópase na Secretaría do Concello.

O presente anuncio servirá de notificación nos termos dos artigos 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (LRX-PAC), para tódolos propietarios e interesados directamente que, por resultaren descoñecidos ou ignorado o seu enderezo, non poden ser notificados persoalmente.

Noia, 20 de agosto de 1998.

Mª Carmen Abeijón García

Alcaldesa-presidenta

O proxecto de estatutos aprobados é o seguinte:

Estatutos

Capítulo I

Denominación, domicilio, obxecto, tutela

e duración

Artigo 1º.-Denominación.

Baixo a denominación de Asociación Administrativa de Cooperación da Unidade de Execución San Lázaro-3, os propietarios dos terreos sitos na devandita unidade de execución constitúen unha entidade urbanística colaboradora con personalidade xurídica propia, de carácter xurídico-administrativo, e que actuará coa capacidade de obrar e coas atribucións que, para o efecto, lle confiren os artigos 139.3º, 140 e 141 da LESGA e os artigos 24.3º e 192.1º do Regulamento de xestión (RX) e estará formada polos propietarios dos terreos sitos no ámbito de actuación referida que, cando menos, representen o 25% da superficie total da referida unidade de execución.

Debido ó seu carácter administrativo, a asociación dependerá nesta orde da Administración municipal do Concello de Noia e son impugnables os acordos daquela ante esta en alzada, conforme o disposto no artigo 29 do RX.

A personalidade xurídica entenderase adquirida desde a inscrición da asociación no rexistro de Entidades Urbanísticas Colaboradoras.

Artigo 2º.-Domicilio.

O domicilio da entidade referida establécese en Rosalía de Castro, nº 2, en Noia, podendo cambiar en calquera momento de domicilio por decisión do seu correspondente órgano de goberno, o que lle será comunicado á Administración actuante.

Artigo 3º.-Obxecto.

A Asociación Administrativa de Cooperación ten por obxecto:

a) Ofrecerlle á Administración actuante suxestións, estudios, medios e todo tipo de achegas que redunden nunha maior eficacia e transparencia do proceso urbanizador da unidade de execución San Lázaro-3.

b) Xestiona-la concesión dos beneficios fiscais que procedan.

c) Colaborar coa Administración para o cobramento das cotas de urbanización.

d) Examina-lo investimento das cotas de urbanización que se pagaron por anticipado, formulando diante da Administración actuante os reparos oportunos.

e) Promover coa Administración actuante empresas mixtas, conforme o disposto no artigo 187 do RX, para a redacción de proxectos técnicos e para a execución das obras de urbanización na unidade de execución antedita.

f) Auxiliar á Administración na vixilancia da execución das obras e dirixirse a ela denunciando os defectos que se observen e propoñendo medidas para o máis correcto desenvolvemento destas.

Artigo 4º.-Finalidades.

Son finalidades da asociación administrativa de cooperación as seguintes:

-Verifica-la documentación dos titulares afectados.

-Axiliza-lo proxecto de reparcelación e a tramitación dos respectivos expedientes necesarios para a culminación do proceso urbanizador o máis axiña posible.

-Colaborar no control da realización das obras de urbanización.

Para o cumprimento das súas finalidades, a asociación porá á disposición da Administración actuante, entre outros, os seguintes medios:

a) Documentación acreditativa da titularidade dos predios polos respectivos propietarios, con indicación das cargas e gravames recaídos sobre elas, incluso o dereito real de hipoteca. A este respecto admitirase como título o compromiso de compra, sempre que este se encontre no Rexistro da Propiedade.

Para a cuantificación da superficie dos respectivos soares, os propietarios afectados pola unidade de execución achegarán á asociación plano acoutado de cada unha delas, autorizado por técnico competente e subscrito polo titular e os lindeiros.

b) Propoñerlle á Administración actuante, sempre que non se constituíse unha empresa mixta con ese fin, o proxecto de reparcelación cos requisitos establecidos, no que lle corresponda nos artigos 71 ó 180 do RX, ó que se unirá o estudio de detalle para a súa tramitación e aprobación simultánea.

c) A asociación ingresará na conta específica da Administración actuante ou da empresa mixta, de se-lo caso, as cotas de urbanización establecidas, as que se determinarán en proporción ó valor dos soares que lle sexan adxudicados na reparcelación, unha vez deducidos os terreos e dereitos de cesión gratuíta, todo iso axustado ós artigos 155.1º e 188.1º do RX.

A entidade recadará as cantidades necesarias para satisfacer por cada propietario, en proporción á súa cota de participación, para sufraga-los gastos correspondentes a honorarios profesionais, gastos e taxas de tramitación e importe de execución das obras, ata acada-la adxudicación das parcelas edificables urbanizadas ós propietarios dos terreos orixinarios para a súa edificación ou transmisión a terceiros, valéndose, para o efecto, e para aqueloutros fins incardinados ós referidos, de tódalas atribucións que as leis e regulamentos lles confiren ás entidades urbanísticas colaboradoras.

A aprobación do proxecto de reparcelación producirá a afección real das parcelas adxudicadas ó cumprimento das cargas e pagamentos dos gastos.

No suposto de que algún dos propietarios non aboase as cotas prefixadas, no prazo requirido para o pagamento voluntario, unha vez requirido conforme o determinado no artigo 95 da LRXPA, solicitarase da Administración actuante a aplicación da vía de constrinximento contra os morosos.

Para o cumprimento dos seus fins, a entidade realizará tódalas operacións necesarias para a defensa dos intereses comúns dela e dos seus asociados.

Artigo 5º.-Tutela.

A entidade actúa baixo a tutela do Concello de Noia.

Para o exercicio da antedita tutela correspóndelle á Administración actuante:

a) Dar audiencia nos estatutos ós propietarios non promotores da asociación, para que poidan formula-las alegacións e, de se-lo caso, para a súa incorporación a esta.

b) Aprobar definitivamente os estatutos, logo da súa publicación no BOP e no DOG, polo período legalmente establecido e, de se-lo caso, as modificacións posteriores que poidan ser propostas, unha vez aprobadas polo correspondente órgano da asociación.

c) Aproba-la contitución da asociación como entidade urbanística colaboradora, enviando o acordo e a escritura da súa constitución ó Rexistro de Entidades Urbanísticas Colaboradoras para a súa inscrición.

d) Utilliza-la vía de constrinximento para o cobramento das cantidades debidas por calquera dos propietarios afectados pola unidade de execución, chegando incluso á expropiación dos predios destes a favor dos restantes propietarios, en proporción ás súas cotas, cando algún deles manifestara de forma inequívoca o seu desinterese polo proceso urbanizador dos citados terreos sitos na unidade de execución.

e) Resolver en alzada os recursos contra os acordos da entidade urbanística colaboradora.

f) Tódalas restantes atribucións que resulten da lexislación urbanística que lle afecte.

Artigo 6º.-Duración.

A duración da actividade da entidade colaboradora establécese nun ano, período previsto para a redacción e tramitación dos proxectos pola Administración actuante, adxudicación das parcelas edificables ós propietarios dos predios orixinarios e a realización da totalidade das obras de urbanización, podendo prorrogarse este prazo ata o momento da recepción definitiva das obras polo Concello de Noia.

Ó termo do prazo indicado a entidade disolverase logo da liquidación dos créditos e débedas que tiveran lugar.

Capítulo II

Requisitos de incorporación

Artigo 7º

Tódolos propietarios teñen o dereito de pertencer e participar na asociación, así como o deber de cumprir coas obrigas que esta determine para a xeneralidade dos seus membros, exercendo o seu dereito de forma individual e soportando as obrigas en proporción ás súas cotas de participación.

Ademais dos promotores, que represetan máis do 25% da superficie total da unidade de execución, poderán pertencer a ela o resto dos propietarios dos predios afectados que acepten estes estatutos.

Os propietarios non promotores disporán dun prazo de 15 días, contados desde o seguinte á notificación da publicación do acordo de aprobación inicial destes estatutos no BOP en no DOG, para solicita-la súa incorporación á asociación administrativa de cooperación, salvo que nese prazo se presentasen alegacións que conveñan ós seus dereitos.

No caso de que presentasen alegacións, disporán doutros 10 días para incorporarse á entidade, contados desde o seguinte ó da notificación da resolución relativa á consideración das alegacións presentadas.

Os propietarios que decidisen non incorporarse á asociación administrativa de cooperación nos prazos indicados anteriormente, estarán obrigados igualmente a sufraga-los gastos de proceso urbanizador da unidade de execución en proporción ás súas cotas de participación, sen que poidan constituírse noutra asociación diferente tal como determina o artigo 102.1º do RX.

Capítulo III

Órganos de goberno e Administración

Artigo 8º

Son órganos de goberno da Asociación Administrativa de Cooperación: a asemblea e a presidencia.

Artigo 9º.

A asemblea estará integrada por tódolos propietarios afectados pola unidade de execución que se incorporasen á Asociación Administrativa de Cooperación ou, de se-lo caso, os seus representantes e, cando proceda, o representante do Ministerio Fiscal.

Tódolos membros da asociación, incluídos os disidentes e os que non asistisen ás reunións, quedarán sometidos ós acordos adoptados validamente.

Son atribucións da asemblea:

a) Elixir e destituí-lo seu presidente e o secretario-contador.

b) Aproba-las propostas presentadas polo presidente, especialmente relativas á recadación das cotas de urbanización e a adxudicación das parcelas edificables resultantes ós propietarios dos terreos orixinarios, ben individual ou conxuntamente, con estricto cumprimento da lexislación aplicable, respecto á súa localización, superficie e aproveitamento.

c) Proposta de modificación dos estatutos.

d) Proceder, no seu día, á liquidación e disolución.

e) Calquera outro asunto que afecte, con carácter relevante, á vida da entidade.

Artigo 10º

As convocatorias da asemblea serán realizadas polo secretario por orde do presidente, con 10 días de antelación á data na que terá lugar a dita convocatoria, mediante carta certificada dirixida a cada un dos seus membros, indicando a hora e o lugar da reunión, establecendo que se considera realizada unha segunda convocatoria unha vez transcorrida unha hora da fixada para a primeira, se nesta non se conseguise o quórum suficiente.

Considérase quórum suficiente cando á asemblea asistan máis da metade dos seus compoñentes.

Ó escrito da convocatoria xuntaráselle a orde do día dos asuntos que se van tratar e, de se-lo caso, copia da acta da sesión anterior.

Se na segunda convocatoria tampouco se conseguise quórum suficiente para a súa realización, efectuarase unha nova convocatoria coa mesma orde do día, que terá lugar ós 10 días da non realizada. Se nesta reunión tampouco se acadase o quórum suficiente, a asemblea realizarase cos que asistisen, sempre que o seu número non sexa inferior ó 25% do total dos asociados e, noutro caso, o presidente porá o seu cargo á disposición da asemblea coa finalidade de que na próxima reunión convocada para o efecto se elixa novo presidente.

As sesións da asemblea desenvolveranse conforme o previsto na orde do día da convocatoria. Na rolda de intervencións, rogos e preguntas formularanse por escrito dirixido á presidencia con, cando menos, 24 horas de antelación á realización da sesión.

Os acordos da asemblea faranse constar nas correspondentes actas, que serán ordenadas cronoloxicamente porlo secretario-contador no correspondente libro, unha vez aprobadas, co visto e prace do presidente.

As certificacións das actas serán igualmente asinadas polo secretario-contador co visto e prace do presidente.

Artigo 11º

Os acordos da asemblea adoptaranse sempre por maioría dos presentes, exercendo voto persoal, conforme determina o artigo 192.4º do RX.

Os representantes acreditados exercerán tantos votos como sexan os propietarios individuais representados.

Os bens pertencentes a copropietarios, herdanzas xacentes ou comunidade de bens exercerán un só voto.

O Ministerio Fiscal, se é o caso, disporá dos votos que, da forma indicada, lles correspondan ós seus representados.

Artigo 12º.-O presidente.

É o representante legal, para tódolos efectos, da Asociación Administrativa de Cooperación e é o único autorizado para a convocatoria de asembleas, outorgar poderes, efectuar pagamentos e realizar tódolos trámites e operacións convenientes á adecuada administración e xestión da entidade.

O presidente é o único interlocutor válido perante a Administración actuante, a que só efectuará a través del calquera indicación ou requirimento que afecte á entidade.

Artigo 13º.-Atribucións da presidencia.

Ademais das indicadas no artigo anterior, son atribucións da presidencia as seguintes:

a) Executa-los acordos da asemblea.

b) Propoñerlle á Administración actuante tódalas formas de colaboración que redunden nunha maior eficacia e economía do proceso urbanizador, incluso a constitución dunha empresa mixta entre a asociación e a Administración actuante que, coa achega dos medios necesarios, permita axiliza-la tramitación dos proxectos e a realización das obras de urbanización.

c) Concertar asesoramento profesional para a defensa dos intereses da asociación.

d) Comprobar que as obras se realizan de acordo co proxecto de urbanización aprobado.

e) Decidir coa Administración actuante o establecemento do calendario de pagamentos das cotas de urbanización, así como o importe destas en consideración ás posibilidades económicas dos asociados.

f) Autoriza-los pagamentos correspondentes ás respectivas certificacións de obras e demais gastos.

g) Concertar créditos para sufraga-los gastos de urbanización, incluso con garantía hipotecaria dos terreos incluídos na unidade de execución.

h) Propoñe-la adxudicación de parcelas edificables ós propietarios dos terreos orixinarios, ben de forma individual ou conxunta, segundo as circunstancias.

i) Exerce-lo resto de facultades de goberno e administración non reservadas expresamente á asemblea.

j) Decidir, co seu voto de calidade, os empates que poidan producirse na votación da asemblea.

Capítulo IV

Dereitos e obrigas

Artigo 14º

Tódolos membros da asociación teñen os dereitos reservados nos artigos anteriores, os determinados nestes estatutos e os que, ó respecto, se establecen, entroutros, nos artigos 98, 100, 139 e 140 da LESGA e 71, 85 e 100 do RX e, en especial, a parcela ou parcelas urbanizadas que lles corresponda, individual ou pro indiviso, e se sitúen, en todo ou en parte, sobre os terreos orixinarios aprobados, ou o máis próximo posible a estes, mantendo o aproveitamento lucrativo resultante da equitativa distribución da edificabilidade total autorizada á unidade de execución, aínda que esta teña que ser compensada economicamente cando non poida materializarse por razóns urbanísticas.

Artigo 15º

Os membros da asociación terán que entregarlle ó seu presidente copia cotexada do documento acreditativo da titularidade dos predios afectados pola unidade de execución e farase constar se sobre elas existen outros dereitos reais ou estean suxeitas a calquera tipo de gravames, garantía, débeda, dación en pagamento ou compromiso de venda.

Artigo 16º

Os propietarios pertencentes á asociación teñen a obriga de sufraga-los gastos que todo o proceso urbanizador orixine, en proporción ás súas cotas de participación, e que, por ese concepto, repercuta na Administración actuante ou na empresa mixta constituída para o efecto. Estes gastos comprenden o importe dos proxectos redactados ou que nun futuro se redacten, a realización das obras de urbanización, honorarios profesionais e de notarios e rexistradores, así como todos aqueles gastos de xestión que deriven do proceso urbanizador. Todo iso conforme os criterios determinados nos artigos 96 e concordantes da LESGA e, entre outros, no artigo 188 do RX.

Para esta finalidade, ingresarán na conta da asociación as cotas ordinarias e extraordinarias que se establezan para atende-los gastos repercutidos, para o efecto, pola Administración actuante, salvo que existise unha empresa mixta ó respecto, no prazo dos 10 días seguintes ó da notificación.

Artigo 17º

As cotas ordinarias, ó igual que as extraordinarias, determinaranse proporcionalmente ós coeficientes de participación de cada propietario.

Artigo 18º

No momento da constitución da asociación aplicarase a primeira cota extraordinaria para atende-los gastos previstos para a constitución da asociación e un fondo de tesourería suficiente para sufraga-las iniciativas e trámites que acometan no desenvolvemento da unidade de execución San Lázaro-3.

A segunda cota extraordinaria aplicarase, sempre que fose necesario, no momento da disolución da asociación, logo da liquidación das súas contas.

Artigo 19º

No caso de incumprimento no pagamento de calquera das cotas ordinarias ou extraordinarias, a asociación poderá solicitar da Administración actuante que constrinxa calquera ben propiedade do debedor, incluídos os bens afectados pola unidade de execución.

Artigo 20º

A partir do momento de aprobación definitiva do proxecto de reparcelación, os propietarios das parcelas resultantes poderán transferir estas a terceiros, responsabilizándose ambos, adquirente e alleante, de forma solidaria respecto das cotas ordinarias e extraordinarias pendentes. Esta facultade esténdese á transmisión da edificabilidade porcentual que o propietario teña, computada coa doutras, sobre unha mesma parcela.

Ó considerarse igualitario o valor da unidade de superficie dos terreos orixinarios afectados pola unidade de execución, considerarase coincidente o valor por unidade de superficie das parcelas resultantes, salvo que por razóns arquitectónicas algunha delas tivese diferente edificabilidade. Neste caso operarán as compensacións correspondentes, incluída a económica.

Capítulo V

Réxime económico

Artigo 21º

Os recursos económicos estarán constituídos polas achegas dos asociados, tal como queda establecido nos artigos anteriores e, se é o caso, cos créditos que se concerten coa garantía dos terreos incluídos na unidade de execución.

A exacción das achegas corresponderalle á asociación, na contía e prazo acordados, mediante requirimento individual, que se ingresarán na conta bancaria que se abriu para o efecto.

Artigo 22º

A asociación levará a contabilidade en libros adecuados para que en todo momento poida darse razón ds operacións realizadas e deduci-las contas que se han de render.

A contabilidade será por conta do secretario-contador, baixo a supervisión do presidente, e ámbolos dous poderán concerta-la asistencia técnica doutros profesionais.

Capítulo VI

Réxime xurídico

Artigo 23º

Os acordos da entidade serán executivos para cos seus asociados, sen prexuízo dos recursos e accións que procedan.

Capítulo VII

Disolución e liquidación

Artigo 24º

A disolución producirase por cumprimento dos fins para os que se creou a asociación e requirirá, en todo caso, o consentimento do Concello de Noia.

Non procederá a aprobación da disolución mentres non conste acreditado o cumprimento das obrigas pendentes.

Disposición derradeira

Estes estatutos, unha vez inscritos, xunto coa escritura de constitución da asociación no Rexistro de Entidades Urbanísticas Colaboradoras, terán natureza obrigatoria para a Administración actuante e para os membros da asociación.

Calquera modificación dos estatutos que sexa acordada pola asemblea requirirá a aprobación da Administración actuante e a súa inscrición no antedito rexistro.

8297