Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 188 Luns, 28 de setembro de 1998 Páx. 10.734

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 25 de agosto de 1998 pola que se convocan axudas para financiar actividades das confederacións e federacións de pais de alumnos e asociacións de pais de alumnos de centros de educación especial.

A Lei orgánica 1/1990, de ordenación xeral do sistema educativo, establece como principio da acti

vidade educativa a participación e colaboracións dos pais para contribuíren á mellor consecución dos obxectivos educativos (artigo 2.3º).

O Estatuto de autonomía de Galicia declara a competencia plena da nosa comunidade para o regulamento e administración do ensino, en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, sen prexuízo das limitacións impostas polos artigos 27 e 149 da Constitución española.

Coa finalidade de apoiar e potencia-la realización de actividades que as asociacións, federacións e confederacións de pais de alumnos teñen de seu e co fin de subvenciona-los gastos ocasionados polas devanditas actividades, así como os derivados da xestión administrativa, adquisición de material e mantemento das instalacións, esta consellería

DISPÓN:

Primeiro.-Convócanse axudas destinadas a subvenciona-la realización de actividades por parte das federacións e confederacións de pais de alumnos, legalmente constituídas, e asociacións de pais de alumnos de centros de educación especial.

Segundo.-As confederacións, federacións e asociacións de pais de alumnos ás que se refire o punto anterior deberán estar inscritas no censo da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, con anterioridade á data de remate do prazo de presentación de solicitudes.

Terceiro.-O importe máximo das axudas que se van distribuír nesta convocatoria será de 6.019.830 pesetas con cargo á aplicación orzamentaria 07.03.322T.483.0 da Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa.

Cuarto.-As axudas que se convocan concederanse tanto para a realización de actividades propiamente como para sufragar gastos derivados da xestión, administración, adquisición de material e mantemento das instalacións que se orixinen no ano 1998.

Quinto.-As instancias para solicita-las axudas cubriranse segundo o modelo que se xunta como anexo, e irán acompañadas dos documentos seguintes:

a) Orzamento desagregado de gastos derivados da xestión, administración, adquisición de material e mantemento das instalacións que se orixinen no ano 1998.

b) Actividades para as que se solicita a axuda.

c) Plan de actividades que proxectan realizar durante o ano 1998, que deberá conter unha breve memoria por cada unha das actividades para as que solicita a axuda, na que se deberá facer constar, como mínimo, a denominación, descrición da actividade, obxectivos que se perseguen con ela, e lugar e data aproximada na que se realizarán.

d) Orzamento desagregado de gastos derivados de cada actividade.

e) Copia certificada do acordo dos órganos competentes polo que se decide solicita-la axuda.

f) Lista de asociacións de pais de alumnos que integran a federación e das federacións que integran a confederación.

g) Declaración xurada de que se recibiron, ou non, axudas doutras entidades neste ano.

h) Certificación bancaria (orixinal).

i) Fotocopia do CIF.

Sexto.-As instancias e documentos presentaranse no rexistro xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, edificio San Caetano, s/n, Santiago de Compostela, ou nos lugares e na forma previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Sétimo.-O prazo de presentación de instancias é de trinta días naturais, contados a partir do día seguinte ó da publicación da presente convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Oitavo.-Para a concesión das axudas constituirase unha comisión integrada polos seguintes membros ou persoas nas que deleguen:

-O director xeral de Centros e Inspección Educativa, que actuará como presidente.

-O subdirector xeral de Centros.

-O subdirector-xefe da Inspección Central.

-O xefe de Servicio de Centros.

-O xefe de Servicio de Xestión de Programas Educativos.

Actuará como secretario un funcionario da Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa, con voz e sen voto.

Noveno.-Para a adxudicación das axudas teranse en conta o número de asociacións de pais de alumnos que integran a federación, o número de federacións integradas na confederación, cada proxecto en particular, programas de formación ós pais, a totalidade ou unha parte dos gastos previstos, o grao de representatividade, a atención á poboacións escolares de condicións socioeconómicas desfavorecidas e outras circunstancias que poidan ser tidas en conta pola comisión.

Décimo.-A comisión de selección elaborará a proposta de adxudicación das subvencións e elevaralla

ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, quen resolverá o que proceda.

De non recaer resolución expresa no prazo de tres meses, as socilitudes deberán entenderse desestimadas.

Décimo primeiro.-O pagamento das axudas concedidas farase nun só libramento, unha vez feita a debida xustificación, mediante facturas orixinais ou documentos acreditativos da realización dos gastos subvencionados, de acordo co orzamento aprobado pola Administración. Os ditos xustificantes deberán presentarse antes do día 30 de novembro de 1998.

Décimo segundo.-O beneficiario deberalle comunicar, se é o caso, á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a obtención de axuda, para a mesma finalidade, procedente de calquera Administración ou entes públicos ou privados nacionais ou internacionais.

Décimo terceiro.-A Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa poderá requirir do solicitante cantos documentos e aclaracións considere necesarios para complementa-lo expediente, e tamén poderá dispor que se leven a cabo as comprobacións oportunas dos datos achegados polos peticionarios.

Calquera alteración que se produza nos datos contidos na documentación que se xunta á solicitude seralle comunicada polo solicitante á dita dirección xeral.

Décimo cuarto.-Nas convocatorias públicas, publicidade e propaganda que realicen as confederacións, federacións e asociacións subvencionadas, das actividades ó abeiro desta orde deberá figurar que estas están subvencionadas pola Xunta de Galicia, Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, co seu respectivo anagrama.

Décimo quinto.-Procederá o reintegro da subvención e xuros de demora cando exista incumprimento da obriga de xustificación e por incumprimento da finalidade para a que foi concedida.

Décimo sexto.-Facúltase a Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa para dicta-las resolucións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Décimo sétimo.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de agosto de 1998.

P.D. (Orde 21-6-1996)

Máximo García Serrano

Secretario xeral da Consellería de Educación

e Ordenación Universitaria

8639