Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 185 Mércores, 23 de setembro de 1998 Páx. 10.590

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 1 de setembro de 1998 pola que se convocan axudas para o desenvolvemento de proxectos educativos conxuntos, no marco do Programa Sócrates, Lingua, Acción E.

O Programa Sócrates foi adoptado o 14 de marzo de 1995, (Decisión nº 819/95/CE do Parlamento Europeo e do Consello da Unión Europea) e publicado no Diario Oficial das Comunidades Europeas o día 20 de abril de 1995, co obxectivo de contribuír ó desenvolvemento dunha educación e formación de calidade e dun espacio europeo aberto á cooperación en materia de educación.

Este programa articúlase a través de tres capítulos e concretamente no marco do capítulo III, acción 1, desenvólvese a Acción E do Programa Lingua, que pretende favorece-la motivación e a capacidade dos xoves para comunicarse en linguas estranxeiras.

Para lograr este propósito promóvense intercambios de alumnado no marco dun proxecto educativo conxunto entre centros escolares de distintos estados membros da Unión Europea.

A Orde do 1 de marzo de 1996 do Ministerio de Educación e Ciencia (BOE do 16) estableceu as normas xerais ás que deben aterse as convocatorias específicas de axudas para o desenvolvemento desta actividade, habilitando as administracións autónomas en exercicio de plenas competencias educativas para realiza-la publicación anual de tal convocatoria. A Orde do 30 de decembro de 1996 (BOE do 10 de xaneiro de 1997), establece as normas xerais ás que deben aterse as convocatorias específicas de axudas das accións descentralizadas do Programa Sócrates da Unión Europea.

Na súa virtude

DISPOÑO:

Primeiro.-Convócanse axudas para a realización de proxectos educativos conxuntos (PEC) no marco da Acción E do Programa Sócrates-Lingua, con cargo ós contratos establecidos entre a Axencia Nacional Sócrates e a Comisión Europea e pola cantidade que resulte no seu momento da aplicación da fórmula de reparto entre as distintas administracións en exercicio de plenas competencias educativas que foi aprobada por Orde do 1 de marzo de 1996.

Segundo.-Poderán solicitar estas axudas os centros docentes dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria que impartan as seguintes ensinanzas:

a) Ensinanzas establecidas pola Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo:

De réxime xeral: educación secundaria obrigatoria (2º ciclo), bacharelato e formación profesional específica.

De réxime especial: ensinanzas artísticas e ensinanzas de idiomas.

b) Ensinanzas correspondentes ó sistema anterior á dita lei: de bacharelato unificado polivalente, curso de orientación universitaria, formación profesional regrada, artes aplicadas e oficios artísticos, educación de adultos, arte dramática e danza, música, turismo e ensino oficial de idiomas.

Terceiro.-As axudas que se concedan destinaranse á elaboración de proxectos educativos conxuntos entre centros escolares de, alomenos, dous estados membros da Unión Europea. Estes proxectos incluirán, entre outras actividades, un intercambio ou encontro entre o alumnado.

O proxecto debe ser elaborado polo profesorado responsable nos centros de forma participativa, logo de coñecer e valora-las ideas, necesidades e intereses do alumnado e debe estar apoiado pola dirección do centro.

Ó planifica-los proxectos prestarase especial atención á inclusión de elementos que impliquen activamente ó alumnado en tódalas fases e aspectos do proxecto.

O alumnado participante traballará sobre a un tema relacionado co seu proceso educativo e formativo, a través do que potenciará a súa capacidade comunicativa, tendo así a oportunidade de utilizar unha lingua estranxeira nun contexto estreitamente relacionado cos seus intereses educativos e profesionais.

Cuarto.-Para a elaboración e o desenvolvemento dos proxectos educativos conxuntos poderanse conceder axudas para a realización de:

a) Visitas preparatorias do profesorado responsable a un centro asociado doutro estado membro da Unión Europea, co obxecto de facilita-los acordos de colaboración entre os centros e a preparación axeitada do proxecto.

b) Intercambios bilaterais ou encontros multilaterais de grupos de alumnado, que terán como obxectivo o aumento da motivación dos estudiantes no que respecta á aprendizaxe dunha lingua estranxeira e á súa utilización como medio de comunicación.

Quinto.-Requisitos:

1. As visitas preparatorias:

a) Efectuaranse a un centro doutro estado membro da Unión Europea que desexe establecer relacións educativas que conduzan á organización dun proxecto educativo conxunto e un posterior intercambio ou encontro de xoves. Deberá confirmar por escrito o seu acordo para recibi-lo profesorado galego.

b) As axudas que se reciban servirán para sufraga-los gastos de viaxe, estadía, prima de seguro de accidentes e preparación de materiais. A axuda media oscilará entre 500 e 1.000 ecus por profesor.

c) A súa duración será como máximo de sete días.

2. Os intercambios de alumnado:

a) A participación nestas actividades debe contar co compromiso expreso das autoridades educativas de cada un dos centros asociados.

b) O intercambio de alumnado será unha das diversas actividades programadas no marco dun proxecto educativo conxunto co centro asociado e formará parte do proceso educativo.

c) O proxecto educativo conxunto deberá estar integrado na programación xeral do centro.

d) Os proxectos educativos conxuntos deberán basearse no principio de reciprocidade, de forma que o alumnado de ámbolos dous centros teña a oportunidade de desenvolve-la súa parte do proxecto no centro do país asociado.

e) A duración da actividade para cada un dos grupos no país asociado deberá ser de, alomenos, catorce días, incluíndo a viaxe.

f) O intercambio deberá ter lugar dentro da localidade na que o centro asociado estea situado.

g) Salvo circunstancias excepcionais, os participantes deberán residir nos domicilios do alumnado receptor.

h) O grupo estará composto, como mínimo, por dez alumnos e un profesor, axustándose a este módulo os grupos superiores.

i) As axudas que se reciban servirán para sufraga-los gastos de viaxe do alumnado e profesorado galego ata o país de acollida, as primas do seguro que deba concerta-lo centro español, os gastos derivados da elaboración do proxecto e, en casos excepcionais, os gastos de aloxamento no país estranxeiro.

j) O valor da axuda concedida non será superior ó 50 por 100 do custo do intercambio, salvo en circunstancias especiais, e a súa finalidade é a de contribuír ós gastos orixinados durante a realización do intercambio. Poderán preverse axudas que cheguen ata o 75 % do custo do proxecto, no suposto de que se dea algunha das circunstancias seguintes: desvantaxes debidas á localización xeográfica dentro do estado membro, a unha minusvalidez dos xoves participantes, a situacións socioeconómicas especiais ou proxectos que inclúan unha das linguas comunitarias menos utilizadas e ensinadas.

3. Os encontros multilaterais:

a) O encontro multilateral deberá entenderse como a reunión nun mesmo lugar, normalmente un dos centros participantes, dos grupos de alumnos de centros educativos de máis de dous países da Unión Europea.

b) Este encontro realizarase despois de ter levado a cabo un traballo previo en cada un dos centros escolares en sobre un mesmo tema, favorecéndose

co encontro de alumnos a posta en común dos temas traballados e a mellora da capacidade lingüística.

c) O resto de requisitos serán os sinalados no apartado quinto.2, relativo a intercambios de alumnos.

Sexto.-Os centros que desexen solicitar axuda económica para a realización de visitas preparatorias deberán presenta-la seguinte documentación:

a) Solicitude, conforme o anexo I desta orde.

b) Formulario de solicitude por triplicado, establecido pola Unión Europea, que se atopa nos servicios provinciais de Inspección das delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, nos CEFOCOPs e na Dirección Xeral de Ordenación Educativa e de Formación Profesional da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. É fundamental cubri-lo formulario unicamente neste modelo impreso, posto que este servirá á Comisión Europea para efectua-lo seguimento das axudas concedidas por cada estado membro.

c) Certificado da dirección do centro no que se faga constar que a dita actividade está recollida na programación xeral do centro así como a data en que foi aprobada polo consello escolar.

d) Comunicación do centro estranxeiro, aceptando a visita do profesorado galego.

Sétimo.-1. Os centros que desexen solicitar axudas para a realización de intercambios bilaterais ou encontros multilaterais de grupos de alumnado deberán presenta-la seguinte documentación:

a) Solicitude, conforme o anexo I desta orde.

b) Formulario de solicitude por triplicado, establecido pola Unión Europea, que se atopa nos servicios provinciais de Inspección das delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, nos CEFOCOPs e na Dirección Xeral de Ordenación Educativa e de Formación Profesional da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. É fundamental cubri-lo formulario unicamente neste modelo impreso, posto que este servirá á Comisión Europea para efectua-lo seguimento das axudas concedidas por cada estado membro.

c) Certificado da dirección do centro no que se faga constar que o proxecto educativo conxunto está recollido na programación xeral do centro así como que foi aprobado polo consello escolar.

d) Compromiso expreso da aceptación da realización do proxecto por parte do centro estranxeiro.

2. En relación co compoñente do proxecto que inclúe a mobilidade do alumnado, os directores dos centros solicitantes recadarán a oportuna autorización do pai, nai ou titor, quedando esta arquivada no centro.

Oitavo.-1. As solicitudes enviaranse á Dirección Xeral de Ordenación Educativa e de Formación Pro

fesional, Consellería de Educación e Ordenación Universitaria (San Lázaro 107. 15771 Santiago de Compostela), presentándose a través do rexistro xeral. Tamén poderán utilizarse para a presentación de solicitudes calquera das dependencias previstas no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. No caso de que optasen por presenta-la súa solicitude nunha oficina de correos, farano en sobre aberto para que a instancia sexa datada e selada polo funcionario de correos antes de ser certificada.

2. Calendario de presentación e desenvolvemento.

Proxectos educativos conxuntos.

a) Primeiro prazo de presentación. Ata o 3 de novembro de 1998 para as actividades comprendidas entre o 1 de marzo de 1999 e o 30 de abril do 2000.

b) Segundo prazo de presentación. Ata o 1 de marzo de 1999 para as actividades comprendidas entre o 1 de setembro de 1999 e o 30 de abril do 2000.

Visitas preparatorias.

a) Primeiro prazo de presentación. Ata o 3 de novembro de 1998 para as actividades comprendidas entre o 1 de xaneiro de 1999 e o 30 de setembro de 1999.

b) Segundo prazo de presentación. Ata o 1 de marzo de 1999 para as actividades comprendidas entre o 1 de maio de 1999 e o 30 de abril do 2000.

c) Terceiro prazo de presentación. Ata o 1 de outubro de 1999 para as actividades comprendidas entre o 1 de decembro de 1999 e o 30 de abril do 2000.

Noveno.-1. As solicitudes serán avaliadas por unha comisión de selección integrada polos seguintes membros:

Presidente: o subdirector xeral de Ensinanzas Profesionais e Formación de Adultos ou persoa na que delegue.

Vocais: o xefe de Servicio de Educación de Adultos e Xestión Económica, o xefe de Servicio de Formación do Profesorado e un inspector educativo ou persoas nas que deleguen.

Secretario/a: un/unha funcionario/a da subdirección xeral.

Esta comisión verificará que as solicitudes recibidas se axustan ás características que debe reunir un proxecto educativo conxunto, definidas no apartado terceiro da presente resolución, e ós requisitos especificados no apartado quinto.

2. As solicitudes presentadas que reúnan as anteriores condicións serán avaliadas pola devandita comisión en función dos criterios establecidos na Guía do Candidato do Programa Sócrates, elaborada

pola Comisión Europea, que especifica os seguintes aspectos:

Daráselles prioridade ós proxectos que:

*Poñan énfase na promoción do concepto de dimensión europea da educación.

*Constitúan un enfoque innovador no intercambio ou encontro educativo para os fins do ensino de linguas estranxeiras.

*Inclúan alumnado de ensino profesional e técnico.

*Se ocupen das linguas menos difundidas e menos ensinadas.

*Conduzan a incrementa-la igualdade de oportunidades entre os sexos.

* Traten da necesidade da aprendizaxe de linguas por parte das persoas desfavorecidas.

*Sexan bilaterais, é dicir, entre centros de dous países da Unión Europea, porque son os máis adecuados para a consecución dos fins previstos no programa, aínda que tamén poden recibir apoio económico os proxectos nos que participen centros de máis de dous países membros da Unión Europea, cando estea debidamente xustificado pola natureza do proxecto.

Procurarase, así mesmo, unha participación equitativa dos centros que:

*Estean situados en zonas rurais e outras rexións desfavorecidas.

*Sexan considerados desfavorecidos por outras razóns socioeconómicas.

*Teñan pouca experiencia previa na participación en proxectos transnacionais e non recibisen anteriormente apoio comunitario para este fin.

En tódolos proxectos valorarase:

*A súa contribución á mellora da motivación e a capacidade dos xoves para comunicarse nunha lingua estranxeira.

*A integración do proxecto nas actividades habituais do centro.

*A calidade das propostas para organiza-lo proxecto, principalmente en relación cunha participación activa e equilibrada por parte de tódolos centros asociados, unhas disposicións de coordinación claras e efectivas e uns plans de traballo precisos.

3. A comisión axustará a súa actuación ó disposto nos artigos 22 e seguintes da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Décimo.-Tendo en conta a proposta da comisión de selección, o director xeral de Ordenación Educativa e Centros de Formación Profesional resolverá a convocatoria, que se publicará no Diario Oficial de Galicia. A dita resolución especificará:

a) Relación de centros seleccionados, con indicación da axuda concedida en cada caso.

b) Relación de centros non seleccionados por obter unha puntuación inferior ó último concedido, que figurarán enumerados por orde decrecente de puntuación. Ós ditos centros poderáselles adxudica-la axuda se se produce algunha renuncia por parte dos centros beneficiarios. Para iso seguirase a orde de prioridade establecida na dita relación, adxudicándose as axudas en función de que a renuncia producida se refira á visita preparatoria ou ó intercambio ou encontro de alumnos, e a súa contía será, como máximo, a correspondente ós centros que renunciasen a estas.

c) Relación de centros excluídos, con indicación da súa causa.

Non se publicará resolución no DOG, no caso de non haber solicitudes para algún dos prazos.

Décimo primeiro.-Contra a resolución de adxudicación, os centros poderán interpoñer, no prazo dun mes, recurso ordinario perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria.

Décimo segundo.-De acordo coa normativa vixente, os beneficiarios deste tipo de axudas quedan obrigados a:

1. Comunicar, se é o caso, a obtención de subvencións ou axudas para a mesma finalidade de calquera administración ou ente público ou privado, nacional ou internacional.

2. Someterse ás actuacións de control financeiro que correspondan e ás de comprobación que poidan efectua-la Axencia Nacional Sócrates e a Comisión Europea.

3. Xustifica-lo correcto investimento das axudas recibidas, mediante a presentación da documentación dos puntos 3.1 e 3.2, que se especifican a continuación, remitíndolle a documentación pedagóxica á Dirección Xeral de Ordenación Educativa e de Formación Profesional. Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. San Lázaro 107. 15771 Santiago de Compostela. A xustificación económica realizarase perante a Axencia Nacional Sócrates.

3.1. Memorias pedagóxicas.

3.1.1. Visitas preparatorias: os centros beneficiarios deste tipo de axuda enviarán unha breve memoria das actividades levadas a cabo durante a súa estadía co profesorado do centro asociado, indicando os futuros proxectos de colaboración acordados.

3.1.2. Intercambios ou encontros. Os centros beneficiarios enviarán memoria descritiva do Proxecto Educativo Conxunto (PEC), cunha extensión máxima de 25 folios. A dita memoria reflectirá o grao de cumprimento dos obxectivos programados, a lista de alumnos participantes e a avaliación das actividades levadas a cabo, incluíndo o producto final elaborado polos alumnos. Poderá xuntarse material audiovisual. Enviarase igualmente copia do informe financeiro final e da folla de estatísticas enviada á Axencia Nacional Sócrates.

3.1.3. Certificación do director do centro especificando os nomes do profesorado que acompañou os alumnos na viaxe de estudios. Este certificado servirá para que a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional expida o documento de participación correspondente, que será de 15 horas, segundo o apartado 14.1º da Orde do 13 de decembro de 1994 (DOG do 13 de xaneiro de 1995).

A documentación deberá remitirse á Dirección Xeral de Ordenación Educativa e de Formación Profesional (edificio San Lázaro 107. 15771 Santiago de Compostela), especificando Programa Sócrates, Lingua, Acción E, no prazo dun mes desde a finalización da actividade.

3.2. Xustificación económica.

3.2.1. Un informe financeiro final que inclúa o total dos gastos reais que poidan optar á axuda e nos que se incorrese para a participación, así como os ingresos reais totais, en particular os cofinanciamentos obtidos. Este informe presentarase seguindo o modelo de liquidación de subvención enviado pola axencia.

3.2.2. Os billetes orixinais de transporte (avión, tren) de tódolos participantes no intercambio e as facturas de aloxamento.

3.2.3. A folla estatística enviada pola axencia nacional con tódolos datos cubertos.

3.2.4. Un resumo de dúas páxinas escrito a dobre espacio do informe final ( memoria pedagóxica) sobre as actividades desenvolvidas durante o proxecto que conteña a lista cos nomes dos participantes no intercambio, e mención ó producto final dos alumnos.

A citada xustificación económica deberá remitirse á dita Axencia Nacional Sócrates (Bravo Murillo, 38. 28015 Madrid) no prazo dun mes desde a finalización da actividade.

Décimo terceiro.-A non xustificación da axuda percibida conforme o disposto nas bases da citada Orde do 1 de marzo de 1996 (BOE do 16) levará consigo reintegro das cantidades non xustificadas e a esixencia dos xuros de demora, sen prexuízo das responsabilidades administrativas en que se poida incorrer conforme os artigos 81 e 82 da vixente Lei xeral orzamentaria, na súa nova redacción dada pola Lei 31/1990, do 27 de decembro.

Calquera alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Décimo cuarto.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no DOG.

Santiago de Compostela, 1 de setembro de 1998.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria

7485